A Xunta convoca as axudas para que os universitarios melloren as súas competencias en linguas estranxeiras con estadías no estranxeiro no verán

A dotación económica asignada a cada beneficiario será de 1.200€ para estadías realizadas en países de Europa e de 1.500€ para estadías no resto do mundo

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 15 de marzo

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia ten aberta  a convocatoria das axudas para que o alumnado das universidades públicas galegas realicen estadías noutros países durante o verán de 2024, tal e como pode consultarse no Diario Oficial de Galicia. O obxectivo é que os estudantes melloren as súas competencias en linguas estranxeiras e, como consecuencia, a súa cualificación.

As persoas solicitantes deberán acreditar que van realizar un curso de idiomas presencialmente no período comprendido entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2024, ambos inclusive, cun mínimo de 45 horas lectivas. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co oficial do país elixido e ser diferente do español.

O orzamento total da convocatoria é de 228.000€ e a dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria será de 1.200€ para estadías realizadas en países de Europa e de 1.500€ para estadías no resto do mundo.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 15 de marzo e deberán facerse obrigatoriamente por medios telemáticos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As persoas solicitantes deben estar matriculadas no curso 2023/24 en como mínimo 50 créditos (excluídos os recoñecidos, convalidados ou adaptados) de estudos de grao nas universidades públicas galegas. Ademais, deben ter superado 60 créditos a data do 30 de setembro de 2023, excluídos tamén, os recoñecidos, convalidados ou adaptados.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/02/2024