A Xunta pon de relevo o labor de Aceesca a prol da integración laboral das persoas con discapacidade intelectual

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, estivo hoxe no Porriño na presentación do proxecto de formación dual da Asociación de apoio ás persoas con diversidade intelectual centrado na hostalaría

Financiado pola Xunta de Galicia, desenvolverase nunhas instalacións cedidas polo Concello porriñés para a apertura dunha cafetería que -á vez que serve de centro formativo- terá atención ao público

A maiores, levarán a cabo un programa centrado na xardinaría, campo no que que xa se lle fora concedido un proxecto de formación dual entre 2019 e 2022

Compartir
  • whatsapp

O Porriño (Pontevedra), 12 de febreiro de 2024

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, acompañado da directora xeral de Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá as instalacións cedidas polo Concello do Porriño para albergar un programa de formación dual de hostalaría desenvolvido pola Asociación de apoio ás persoas con diversidade intelectual (Aceesca). Trátase dun proxecto financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e que permitirá que a cafetaría habilitada para servir de centro de formación se abra tamén para a atención ao público.

O obxectivo é que as persoas con discapacidade intelectual poidan obter un certificado de profesionalidade para exercer un oficio e facilitar a súa incorporación ao mercado laboral ordinario. Mediante contratos de formación en alternancia a través de Aceesca e a práctica no centro habilitado, avanzarán na súa capacitación para que -unha vez finalizado o proxecto- poidan atopar unha oportunidade en empresas de hostalaría da contorna.

A maiores deste proxecto que solicita por vez primeira, Aceesca tamén desenvolverá un programa de formación dual de xardinaría, campo no que xa levaran a cabo unha iniciativa deste tipo no marco da convocatoria ao efecto da Xunta 2019-2022.

Cómpre engadir que a Asociación de apoio ás persoas con diversidade intelectual tamén recibe axudas para o seu Centro Especial de Emprego Lume, no marco do programa de unidades de apoio e do de custos salariais. Lume é un CEE sen ánimo de lucro centrado en integrar ás persoas con discapacidade intelectual no ámbito laboral, así como en reforzar a inserción destas persoas na empresa ordinaria.

Data de actualización: 12/02/2024