A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá a empresa Innogando, impulsada por un dos mozos galardoados no ano 2023

A Xunta fomenta e valora o emprendemento da xuventude a través dos premios Talento Mozo

Este programa premia a xente nova de entre 18 e 35 anos que desenvolveran proxectos relevantes no ámbito da Ciencia, o Medio Rural, o Deporte, a Empresa e a Cultura e Creación

Cada un dos gañadores recibe unha gratificación económica de 5000 euros ademais dunha distinción honorífica e un diploma acreditativo

Compartir
  • whatsapp

Abadín (Lugo), 12 de febreiro de 2024

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá a empresa Innogando, situada no concello de Abadín, e cofundada por Elio López García, gañador dos premios Talento Mozo 2023 na categoría de Medio Rural. Durante a visita lembrou que esta iniciativa da Consellería de Política Social e Xuventude fomenta e valora o emprendemento da xuventude en distintas categorías.

A directora xeral lembrou que este mozo, natural de Cospeito, cofundou no ano 2020 a empresa innogando xunto ao seu veciño Daniel Pardo Rus. Unha empresa coa que ten conseguido diversos recoñecementos. Trátase dunha firma que se dedica a proporcionar tecnoloxía para mellorar a calidade de vida dos gandeiros e dar unha maior rendibilidade ás granxas, ao tempo que se garante e promove o benestar animal.

Os premios Talento Mozo buscan dar visibilidade ao enxeño e capacidade de xente nova entre os 18 e 35 anos de idade cunha traxectoria relevante nas modalidades de Ciencia, Rural, Deporte, Empresa e Cultura e Creación. Cada un dos gañadores recibe unha gratificación económica de 5.000 euros, ademais dunha distinción honorífica e un diploma acreditativo. Os premiados nas dúas primeiras edicións de Talento Mozo Galicia pódense consultar na páxina web de Xuventude.

Visita a Ateibo

A continuación, Cristina Pichel visitou a asociación xuvenil Ateibo que promove programas de voluntariado e participación entre a mocidade na cidade de Lugo. A directora puxo en valor o traballo desta entidade na creación de actividades que fomenten a participación da xuventude e que consoliden a Galicia como unha terra solidaria e xusta.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/02/2024