A Xunta convoca 648 prazas de estadías lingüísticas de verán no estranxeiro para o alumnado de Bacharelato

O Diario oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria, que ten como obxectivo que os estudantes galegos melloren as súas competencias idiomáticas

Poderán facerse en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña, en réxime residencial ou familiar, e o prazo de solicitude estará aberto ata o 12 de marzo

O Goberno galego destina preto de 2M€ a esta actividade, de tal xeito que se subvenciona ata o 92% da mesma

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia vén de convocar un total de 648 prazas dirixidas ao alumnado de Bacharelato para realizar durante este verán estadías lingüísticas no estranxeiro co fin de mellorar as súas competencias nos idiomas inglés, francés, portugués e alemán, tal e como pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

O alumnado que resulte seleccionado disporá de tres semanas en réxime residencial ou familiar en Reino Unido, Francia, Portugal, Canadá e Alemaña no período estival, entre xullo e agosto. A relación de prazas é a reflectida na seguinte táboa:

 
Curso
Modalidade
Prazas
2º Bacharelato
Inglés en Canadá
90
2º Bacharelato

Inglés no Reino Unido

120
2º Bacharelato
Francés en Francia
20
2º Bacharelato

Portugués en Portugal

3
2º Bacharelato
Alemán en Alemaña
5
1º Bacharelato
Inglés en Canadá
140
1º Bacharelato

Inglés no Reino Unido

219
1º Bacharelato
Francés en Francia
40
1º Bacharelato

Portugués en Portugal

3
1º Bacharelato
Alemán en Alemaña
5
 

O Goberno galego destina preto de 2M€ a esta actividade, de tal xeito que se subvenciona entre o 92% e o 62% do custo das estancias dos estudantes en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña. Con cargo a esta partida, a Xunta sufraga parte dos gastos de contratación dos monitores que acompañan a cada grupo, mantemento e aloxamento, traslados para actividades, docencia e material escolar, actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, seguros de accidentes e certificado de realización do curso.

O prazo para tramitar as solicitudes permanecerá aberto ata o 12 de marzo, e poderán formalizarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Requisitos e baremación

Para obter as bolsas os candidatos terán que estar cursando, no réxime xeral, 1º ou 2º de Bacharelato, en centros de Galicia sostidos con fondos públicos, durante o curso 2023-2024; ter acadado unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía de 6 no curso 2022/23, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico.

Os criterios para o baremo, puntuación e determinación das achegas familiares serán a nota media do expediente académico no curso 2022/23 (ata dez puntos) e a renda per cápita da unidade familiar (ata 20 puntos). Ademais, terase en conta o feito de pertencer a unha familia numerosa (dous puntos), contar cun membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez (dous puntos), ou non ter sido beneficiario dunha axuda destas características na convocatoria do ano pasado (un punto).

Contacto idiomático e cultural

O propósito desta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030, non é só que o alumnado asistente aprenda un idioma estranxeiro, senón tamén entrar en contacto con outras linguas, persoas, culturas e realidades nun contexto de inmersión ou integración nun país estranxeiro. Deste modo, favorécese o acceso a un mercado laboral cambiante e contribúese de xeito moi significativo ao desenvolvemento académico e persoal do alumnado.

O coñecemento dun idioma estranxeiro converteuse nun dos obxectivos básicos do sistema educativo, porque contribúe, por unha banda, á formación integral do alumnado e, por outro, porque é un valioso medio para o achegamento aos diferentes ambientes culturais-sociais. A estadía no país correspondente é un complemento perfecto ao estudo realizado durante o curso académico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2024