A Xunta abre o prazo para a presentación de ofertas ao concurso de Xestur para adxudicar máis de 500.000 m2 de solo empresarial en 19 polígonos

O prazo estará aberto ata o 12 de marzo e as empresas interesadas en adquirir algunha das parcelas poden solicitar bonificacións dun 30% ou dun 50% sobre o prezo de venda

A empresa pública ten previsto sacar este ano un segundo concurso para comercializar terreos en Xinzo de Limia e o IGVS tamén porá á disposición o solo que ten dispoñible

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2024

As empresas interesadas en participar no concurso para a adxudicación do solo empresarial propiedade de Xestur Galicia teñen ata o vindeiro 12 de marzo para poder presentar as súas ofertas, tal e como se establece nas bases publicadas na páxina web da empresa pública.

O procedemento inclúe un total de 251 parcelas localizadas en 19 parques empresariais e que suman unha superficie de 517.808,51 metros cadrados, segundo o detalle do cadro que se adxunta, e no que, ademais, se indican os prezos máximo e mínimo por metro cadrado, despois de aplicar a bonificación que corresponda a cada parque empresarial.

Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta aplica desde 2015 descontos dun 50% sobre o prezo de venda en todos os seus parques das provincias de Lugo e Ourense, de Ferrolterra, da Costa da Morte e da zona fronteiriza entre Pontevedra e Portugal; e dun 30% nos do resto de Galicia.

Segundo figura nas bases da convocatoria, as parcelas poderán adxudicarse en compravenda, ao contado ou con pago aprazado ata oito anos, e tamén poden solicitarse en dereito de superficie, unha modalidade que permite á empresa pagar unicamente un canon anual equivalente ao 1,5% do prezo da parcela os dous primeiros anos, posteriormente ao 2,5% no terceiro e cuarto ano, e ao 3,5% a partir do quinto ano.

En todo caso, os adxudicatarios de solo en dereito de superficie teñen tamén a posibilidade de comprar máis adiante a parcela, se así o desexan.

Pola súa parte, o Instituto Galego da Vivenda e Solo tamén está tramitando o seu propio concurso para a adxudicación de máis de 250.000 metros cadrados de solo empresarial da súa propiedade e prevese un segundo concurso por parte de Xestur para poñer no mercado outros 103.000 metros cadrados no parque empresarial de Xinzo de Limia, que actualmente aínda están en desenvolvemento.

CONCURSO DE ADXUDICACIÓN DE SOLO PROPIEDADE DE XESTUR 2024
PARQUE
NÚMERO DE PARCELAS
SUPERFICIE m2
PREZO BONIFICADO mínimo e máximo €/m²
Morás (Arteixo)
83
132.830,00
102,20 – 135
Bértoa (Carballo)
3
29.817,00
32,99 – 37,94
Negreira
2
4.080,00
48,3
Arzúa
1
2.011,00
42
Cedeira
38
40.877,00
34,17 – 37,50
Ortigueira
41
48.768,00
27 – 30
Ordes
1
3.830,00
20,9
Ponteceso
1
750,50
21,33
Cervo
2
2.133,98
26,5
Viveiro
6
25.813,97
37,50
Muimenta
12
10.942,00
41-45
A Veigadaña (Mos)
1
1.500,00
126
A Reigosa (Ponte Caldelas)
10
85.820,95
53,67 – 70,00
Lalín
1
2.008,00
70
Silleda
2
7.031,69
44
Arbo
15
17.544,20
30 – 35
Vilamarín
8
14.844,22
33,12
Pereiro de Aguiar
1
685,00
28
Xinzo de Limia Pol. 2
23
86.521,00
39 - 61
TOTAL
251
517.808,51
 

Data de actualización: 13/02/2024