A aplicación XuntaEu incorpora o título de familia numerosa e suma máis de 6.000 descargas nun mes

A Administración autonómica acaba de publicar unha nova versión da ferramenta que mellora o seu uso

A aplicación xa permite o acceso a unha decena de títulos, tarxetas ou carnés emitidos pola Xunta

XuntaEu concentra no móbil os principais servizos da Administración dixital

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2024

Máis de 6.000 galegos e galegas acceden xa aos principais servizos da Xunta a través da aplicación XuntaEu. Esta ferramenta, dispoñible desde hai un mes para dispositivos IOs e Android, concentra o acceso á información e servizos dixitais que xa estaban dispoñibles en diferentes canles en internet.

Tras o seu lanzamento o pasado mes de xaneiro, a  Xunta acaba de publicar unha nova versión da aplicación, un proceso de mellora continua que dá resposta, tamén, a suxestións de usuarios. Os cambios están dirixidos a incrementar o seu uso e accesibilidade. Con este obxectivo reorganizáronse os servizos en torno á Carpeta Cidadá, na que se inclúe toda a información personalizada do usuario, e baixo o epígrafe “Utilidades”, desde onde se pode acceder aos avisos xerais dos diferentes servizos e á verificación de documentos.

Ademais, xa se pode acceder desde XuntaEu ao Titulo de familia numerosa. É a última incorporación á aplicación, que ten dispoñibles 10 tarxetas, carnés ou certificados emitidos pola Xunta de Galicia, que poden ser validados por terceiros directamente dende o dispositivo a través dun código QR.

Neste momento XuntaEu permite o acceso ao Carrné Xove, ao Carné profesional en instalacións térmicas de edificios, o Carné profesional de operador de guindastre torre, ao Carné de operador de guindastre móbil autopropulsado Categoría A e ao Carné profesional de operador de guindastre móbil autopropulsado Categoría B.

Ademais, a aplicación tamén permite acceder ao certificados de grao de discapacidade e ás licenzas de pesca marítima de recreo en superficie, de pesca marítima de recreo submarina, e de pesca marítima de recreo en embarcacións.

XuntaEu

O obxectivo desta aplicación é o de simplificar a relación dos cidadáns coa Administración e facilitar a accesibilidade aos servizos públicos, aproveitando o uso, practicamente universal, dos dispositivos móbiles.

XuntaEu garante un acceso seguro aos servizos dispoñibles a través do sistema Chave365 ou do DNI electrónico, este último só dispoñible para Android polo de agora. No caso de empregar Chave 365 a aplicación establece un dobre factor de autenticación, polo que a persoa recibirá un código PIN no teléfono a primeira vez que acceda á aplicación. Neste primeiro acceso tamén deberá expresar o seu consentimento opcional para recibir avisos, para o uso da cámara coa única finalidade de ler códigos QR, ou para permitir o inicio de sesión con recoñecemento facial ou pegada dixital.

As persoas usuarias de XuntaEu poden consultar, aceptar ou rexeitar desde o móbil as notificacións que a Administración lle faga chegar a través do sistema Notifica.gal, Ademais, poden acceder á información básica dos seus expedientes e presentacións e acceder de xeito directo á sede electrónica para tramitalos.

Tamén se poden consultar as citas programadas coa Administración desde a aplicación. Na actualidade están integrados o sistema de citas das Oficinas de Atención á cidadanía e Rexistro e o sistema de citas das Oficinas de Atención das consellerías. Ademais, os usuarios e usuarias poden acceder ou dar de alta apoderamentos do Rexistro Electrónico de Apoderamentos de Galicia.

Outras utilidades que proporciona XuntaEu son renovación dos datos de usuario o a xestión da baixa no sistema de Chave; a posibilidade de consultar ou modificar os datos persoais almacenados na Carpeta Cidadá, e a recepción de avisos personalizados.

XuntaEu inclúe, tamén, unha funcionalidade para comprobar a validez de documentos asinados electronicamente, tanto de maneira manual como mediante o uso da cámara para escanear o código QR. A aplicación irá incorporando máis servizos de xeito progresivo e en sucesivas actualizacións.

Data de actualización: 14/02/2024