O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación desta nova convocatoria organizada por Músicas ao vivo

Os Premios Martín Códax da música lanzan a súa 11ª edición co apoio da Xunta de Galicia

A inscrición de proxectos abre do 19 de febreiro ao 10 de marzo como paso inicial do proceso que culminará na gala de entrega do 15 de maio en Pontevedra

Entre as novidades deste ano está a apertura das votacións ao público na segunda fase da consulta

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2024

A asociación Músicas ao Vivo anunciou hoxe a posta en marcha da 11ª edición dos Premios Martín Códax da Música,  para a que volve contar co apoio económico da Xunta, entre outras entidades. Desde o vindeiro luns día 19 de febreiro ata o 10 de marzo permanecerá aberto o período de inscrición de propostas para as 15 categorías convocadas. A entrega dos galardóns terá lugar o 15 de maio nunha gala que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A gran novidade desta edición é o cambio no proceso de votacións, que se abrirá ao público xeral na segunda volta. No reconto final, establecerase unha regra de baremación na que o 50% corresponderá á votación do público e a outra metade aos votos das socias e socios de Músicas ao Vivo.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe no acto de presentación que tivo lugar na Sala Sónar de Santiago de Compostela e ao que tamén acudiron o resto de entidades e empresas colaboradoras.

Na súa intervención, Jacobo Sutil expresou o “compromiso de apoio por parte da Xunta á música que se fai actualmente en Galicia, aos seus intérpretes, compositores e, tamén, a toda a industria que está detrás”. Neste sentido, lembrou o dato dos 227 M€ no que se cifra o impacto económico da actividade musical na nosa Comunidade, para poñer en valor a importancia do sector tamén máis alá do plano puramente artístico.

Así mesmo, referiuse aos palmarés das anteriores dez edicións destes premios como “un magnífico escaparate da música galega, da súa calidade e variedade”. “Todos os proxectos galardoados reúnen xa un material documental de primeira orde, que fala da nosa música en presente pero que queda rexistrada e recoñecida para o futuro”, engadiu.

Premios Organistrum, Honorífico e Artista Emerxente

Ademais dos recoñecementos ás 15 categorías musicais que se convocan, nos 11º Martín Códax volverán entregarse os tres premios Organistrum, que destacan anualmente unha Sala, un Festival e un Espazo de Comunicación Musical, galardón este último que na anterior edición recaeu na marca de promoción internacional da música galega GalicianTunes, promovida desde a Xunta de Galicia como plataforma conxunta das institucións, empresas e asociacións profesionais do sector musical en Galicia.

Nesta edición manterase o premio ao mellor proxecto de Artista Emerxente, categoría extraordinaria instaurada en 2022 para proxectar e potenciar proxectos de nova creación, que non leven en activo máis de tres anos, que non editaran máis dun disco e non fose premiados ou finalistas en edicións anteriores. Para inscribir a candidatura nesta categoría extraordinaria é preciso facelo tamén nalgunha das 15 categorías musicais. En 2002 foi recoñecida con este galardón a cantante Antía Muíño e en 2023, o compositor e pianista Sergio de Miguel.

O 24 de abril coñecerase o nome do Premio Honorífico 2024, co que cada ano a xunta directiva de Músicas ao Vivo distingue unha persoa vinculada ao sector musical cunha traxectoria referente para as novas xeracións, e que recolleron xa nomes imprescindibles para entender a nosa música como Luz Casal, Fuxan os Ventos, María Manuela ou Dorothé Schubarth.

Xurado profesional na primeira fase

Antes de abrir as votacións ao público e ás socias e socios de Músicas ao Vivo, será un xurado profesional, con representantes do ámbito da formación musical, da industria musical, da comunicación e da comunidade artística quen valore as candidaturas nunha primeira fase seleccionando tres finalistas por categoría. O mesmo xurado encargarase de decidir as tres propostas finalistas dos premios Organistrum e da categoría extraordinaria Artista Emerxente.

En total, o certame daralles visibilidade a 48 proxectos musicais, tres iniciativas da industria e recoñecerá unha carreira, nun certame no que participa anualmente unha media de 400 proxectos desde o seu nacemento.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2024