O presidente da Xunta visitou as instalacións da empresa do grupo Sagres en Redondela

Rueda salienta o potencial de empresas como Partenón na dinamización do tecido industrial galego

Salientou a súa capacidade de innovación e competitividade

Destacou o traballo da Xunta por facilitar ás empresas as relacións coa Administración

Lembrou a figura de Adriano Marqués de Magallanes, fundador da empresa, que faleceu este decembro

Redondela (Pontevedra), 21 de febreiro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avalou hoxe o labor da empresa Partenón como un gran baluarte do tecido industrial galego, xa que “é mostra de Galicia Calidade, que compite en todo o mundo. Partenón é sinónimo de calidade”.

Fíxoo durante a visita que realizou esta mañá ás instalacións da empresa do grupo Sagres en Redondela. Aí puido observar, de primeira man, o traballo desta compañía líder no sector do subministro integral de vestiario. Unha visita que dixo que tiña moitas ganas de facer: “comprometínme a que, en canto pasasen estes días de tanta voráxine, aquí estabamos”.

O titular do goberno galego destacou a capacidade de innovación e de competitivade da empresa dirixida por Alejandro Marqués de Magallanes, á que destacou como “representante de tantas empresas familiares que hai en Galicia.”

Na súa intervención, Alfonso Rueda quixo poñer en valor o labor da Xunta de Galicia dando axuda a todas as empresas que forman o tecido produtivo autonómico. Así, reiterou o seu apoio para “ofrecer estabilidade, seguridade e confianza para os empresarios que están a investir en Galicia arriscando o seu patrimonio e creando postos de traballo.”

Por último, o presidente da Xunta de Galicia quixo lembrar a figura de Adriano Marqués de Magallanes, fundador de Partenón e pai do actual responsable executivo da empresa, que faleceu o pasado decembro. Rueda destacouno como “a alma máter de todo isto. Quen a empezou e quen a fixo grande, como o é agora”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/02/2024