O presidente da Xunta participou na inauguración da xornada ‘Empresa hoy’, organizada por Nueva Mutua Sanitaria
Rueda destaca o apoio da Xunta ao tecido produtivo garantindo un marco de estabilidade e medidas para mellorar a súa competitividade
Salienta a fiabilidade política e económica que ofrece Galicia aos investidores
O Goberno galego aposta por facilitar o acceso a solo industrial ou reducir os trámites de proxectos estratéxicos para atraer iniciativas empresariais
O novo Plan de benestar laboral busca incidir na prevención para reducir o risco de incapacidades temporais e reforzar o apoio ao traballador durante a baixa e tras a súa reincorporación
A Coruña, 1 de outubro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego co tecido produtivo da comunidade, garantindo un marco de estabilidade e a través de diferentes medidas de apoio ante algúns dos principais desafíos das empresas hoxe en día, como mellorar a súa competitividade.
Durante a inauguración da xornada Empresa hoy. Tres desafíos de la empresa española: competitividad, marco legal estable y absentismo laboral, organizada por Nueva Mutua Sanitaria na Coruña, Rueda sinalou que os tres retos “están de absoluta actualidade” e que a este respecto é preciso “debater, escoitar, reflexionar e chegar a conclusións eficaces”. Ademais, lembrou que as empresas son as que xeran riqueza e emprego de calidade nun territorio e que, por iso, a Xunta conta con diferentes liñas de apoio tanto para atraer novos investimentos á comunidade como para axudar as empresas xa instaladas en Galicia a medrar ou diversificarse sen saír da terra. Así, afirmou que “Galicia Calidade tamén é un funcionamento eficaz das nosas empresas, economía e emprendedores”.
Nesta liña, o presidente afirmou que “un país competitivo é un país que avanza”, destacando medidas como a posta a disposición das empresas de solo industrial -o último concurso de venda de parcelas saldouse coa maior adxudicación da década: 90 terreos para 44 empresas-; figuras legais que permiten reducir os prazos para poñer en marcha proxectos estratéxicos sen perder garantías xurídicas ou a Oficina Económica de Galicia -na que calquera emprendedor pode informarse e recibir asesoramento-.
Tamén á hora de mellorar a competitividade dunha empresa, Rueda salientou a importancia de apostar pola innovación, de “reter e atraer talento” e de axudar na “cobertura de vacantes”.
Ademais, o titular do Executivo galego lembrou que Galicia ofrece estabilidade política e económica, tamén coa aprobación anual dos orzamentos, que o “1 de xaneiro estarán en vigor”, o que fai da comunidade un marco de fiabilidade que atrae investimentos “sendo esixentes e dando seguridade xurídica”.
Plan integral
O presidente da Xunta sinalou que o absentismo laboral “é unha cuestión que hai que abordar, sen demagoxias” e resaltou que o Goberno autonómico vén de aprobar o Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, dotado de 45 millóns de euros para poñer en marcha 37 medidas.
O obxectivo é incidir na mellora das condicións laborais nos postos de traballo para reducir o número de incapacidades temporais, reforzar o apoio ao traballador de baixa durante o proceso e facilitar a súa recuperación e retorno ao emprego.
O Plan, aprobado no último Consello da Xunta, inclúe medidas centradas na prevención como a posta en marcha da Estratexia Galega do Benestar ou servizos de atención musculoesquelética e de saúde mental para o persoal de pemes, microempresas e autónomos. O mandatario galego salientou que as pequenas compañías tamén contarán con axudas para contratar substitutos no caso de que as baixas se prolonguen no tempo e os traballadores que o desexen contarán cunha persoa que os acompañará ao seu regreso ao posto de traballo para facilitar a súa volta e evitar recaídas.
En paralelo, a Xunta seguirá reforzando a atención sanitaria das persoas en baixa e axilizando trámites que se producen durante o proceso de incapacidade laboral.