Rueda destaca que a Xunta apoia cinco novos proxectos de infraestruturas compartidas e centros dixitais que suman máis de 10 M€

Resalta que se trata de instalacións “con aparellos e tecnoloxía complexa” que estarán á disposición das pequenas empresas e autónomos de toda Galicia

Isto permitiralles acceder a produtos e servizos avanzados a prezos competitivos

Salienta que os novos centros estarán centrados na produción audiovisual, as tecnoloxías satelitais, os servizos avanzados de datos, a mellora da conectividade ou a produción, monitorización e análise de vídeo

Na actualidade estanse a impulsar en Galicia sete centros de fabricación avanzada en sectores tan diversos como as TIC, o biotecnolóxico, a loxística, o turismo, o agroalimentario ou a saúde e deporte cun investimento total de 26,6 M€
 

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai apoiar o desenvolvemento de cinco novos proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido ao abeiro das liñas de axudas para Centros de Fabricación Avanzada e de Centros Dixitais. A previsión é investir 10 millóns de euros nestas instalacións que estarán a disposición do tecido produtivo, dos que a Xunta achega máis de 8 millóns. O obxectivo é seguir impulsando a modernización e dixitalización da industria galega.

Tal e como explicou Rueda, trátase de instalacións con “aparellos e tecnoloxía complexa” que estarán instaladas nunha “empresa principal” pero a disposición dos pequenos e medianos empresarios de toda a comunidade. O obxectivo é achegar estes servizos e produtos aos autónomos e pemes a prezos competitivos. Servizos que, doutro xeito, “non poderían permitirse” polo investimento que supón contar con eles na súa propia empresa de forma continuada.

Así, e a través de ambos programas, promoveranse actuacións en eidos diferentes como a produción audiovisual avanzada, as tecnoloxías satelitais, os servizos avanzados de datos, a mellora da conectividade ou a produción, monitorización e análise de vídeo.

No caso dos centros de fabricación avanzada, realizaranse tres novas iniciativas. A primeira deles céntrase na posta en marcha dun centro de produción audiovisual avanzada na Cidade das TIC da Coruña. “Un espazo que contará con dous novidosos estudos de rodaxe e servizos de última xeración”, á disposición da industria audiovisual galega, indicou Rueda.

O segundo dos proxectos propón a creación dun centro na área de Vigo en que se “realizarán probas de certificación e desenvolvemento de compoñentes de satélites nunha contorna similar á do espazo”, e con todas as medidas de seguridade necesarias. Deste xeito, ofreceranse dous servizos: a certificación de tecnoloxías satelitais e probas para o desenvolvemento de tecnoloxías de propulsión eléctricas.

A terceira iniciativa configúrase como unha instalación complementaria ao Laboratorio de Intelixencia Artificial da Cidade das TIC, ofrecendo servizos de demostración, prototipado e lanzamento de proxectos para a implantación de produtos e servizos relacionados coa propia intelixencia artificial.

Centros dixitais

Estas actuacións compleméntase cos proxectos da liña de centros dixitais, no marco do programa do Fondo de Transición Xusta, e que presta especial atención á mellora da dixitalización do tecido empresarial e á modernización da industria galega a través da creación deste tipo de infraestruturas nos lugares identificados como zonas de transición xusta que, no caso de Galicia, se corresponde coa provincia da Coruña.

Neste eido, tal e como explicou o presidente, os novos proxectos permitirán, dun lado, a posta en marcha do primeiro punto neutro de conectividade en Galicia, que se localizará en Santiago, que mellorará a experiencia dixital en todo o territorio, impulsando a transformación da Comunidade con especial atención a tres ámbitos: mundo rural, sectores emerxentes e pemes; e doutro, a posta en marcha, na Cidade das TIC, dun centro dixital de monitorización, produción remota e análise de vídeo.

A finalidade destas dúas liñas é o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores, a modernización e desenvolvemento da base industrial, e a mellora da dixitalización dos procesos empresariais. En definitiva, perséguese a promoción das infraestruturas axeitadas como factor determinante para mellorar a competitividade das pemes galegas, apostando por un modelo de crecemento intelixente, sustentable e innovador.

Neste sentido, cómpre lembrar que na actualidade estanse a impulsar en Galicia sete centros de fabricación avanzada en sectores tan diversos como as TIC, o turismo, a saúde, a loxística, o biotecnolóxico, a loxística, o agroalimentario ou o deporte. En total, suman investimentos por máis de 26,6 M€ cunha axuda de 18,6 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/02/2024