O conselleiro do Medio Rural en funcións, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o alcalde da Arnoia, visitou as súas instalacións nesta localidade ourensá
A Xunta analizará as posibilidades de colaboración coa asociación Olivarnoia para potenciar a modernización da súa almazara, no concello da Arnoia
Esta cooperación permitiría facilitar a reforma e ampliación das instalacións para fomentar o uso destas instalacións por parte da veciñanza
José González puxo de relevo o traballo desenvolvido no marco desta iniciativa e a súa contribución á posta en valor do territorio e ao fomento e recuperación de terras en estado de abandono
A Arnoia (Ourense), 23 de febreiro de 2024
O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o alcalde da Arnoia, Rodrigo Aparicio, visitou as instalacións da asociación Olivarnoia no mencionado concello ourensán, que conta cunha almazara -un tipo de muíño deseñado especialmente para triturar sementes oleosas-.
A Axencia estuda unha posible colaboración con esta entidade para facilitar unha reforma, ampliación e modernización que permita potenciar o uso destas instalacións por parte dos veciños, contribuíndo así á dinamización deste entorno rural.
Neste sentido, o conselleiro do Medio Rural en funcións puxo de relevo o traballo desenvolvido no marco desta iniciativa, pola súa contribución á posta en valor do territorio e ao fomento e recuperación de terras en estado de abandono ou infrautilización, que é á súa vez un dos principais obxectivos e compromisos da Axencia. A maiores, tamén se impartirán xornadas didácticas nos centros educativos da zona.
José González tamén destacou que a promoción destes proxectos impulsan á cohesión do medio rural, xerando emprego, favorecendo a economía, a remuda xeracional e fixando poboación nas contornas e zonas rurais.