A Xunta e o concello de Ribeira avalían iniciativas de cooperación para dinamizar a industria no municipio

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, mantivo un encontro co alcalde do municipio coruñés, Luís Pérez, no que se valoraron diferentes actuacións para mellorar a dispoñibilidade de solo empresarial na comarca do Barbanza

Vázquez trasladoulle o apoio da Administración autonómica para impulsar os investimentos empresariais no municipio coruñés

A Consellería de Economía, Industria e Innovación ten aberta á presentación de solicitudes a liña para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais, dotada con 4,7 millóns de euros

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, mantivo onte un encontro co alcalde de Ribeira, Luís Pérez, no que se avaliaron diferentes iniciativas de cooperación para mellorar a dispoñibilidade de solo industrial na comarca do Barbanza, así como para impulsar os investimentos empresariais no municipio coruñés.

Nestes momentos a Consellería de Economía, Industria e Innovación ten aberta a liña para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais, para a que se poden presentar solicitudes ata o 30 de abril e que conta cun crédito de 4,7 millóns de euros. Este programa compleméntase coa orde para modernizar as infraestruturas dos polígonos industriais, cun orzamento de 3,5 M€; e a dirixida tanto á creación como mellora de equipamento dos viveiros industriais, dotada con 1,5 M€, que veñen de pechar o seu prazo de presentación de solicitudes.

Para facilitar a atracción de investimentos empresariais cara aos municipios galegos, o Goberno galego está a traballar para que o solo público empresarial autonómico teña custo cero durante os primeiros oito anos de actividade das compañías.

A Consellería de Economía, Industria e Innovación, que traballa co obxectivo de facer da Comunidade un polo de emprendemento industrial capaz de atraer investimentos, puxo en marcha diferentes medidas na Lei de acompañamento, e busca continuar facilitando os trámites aos proxectos que se queren implantar ou medrar en Galicia e avanzar na desburocratización a través da Oficina Económica de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/02/2024