Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027

A Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 é o instrumento, froito do consenso cos interlocutores sociais, que serve para desenvolver de forma ordenada e eficaz as políticas da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais e promoción da saúde no traballo.   

Inclúe seis obxectivos estratéxicos e 19 liñas de actuación, que se concretan en 135 medidas que teñen como fin último o impulso dunha eficaz xestión dos riscos nos lugares de traballo para a redución da sinistralidade laboral, así como dar resposta aos novos desafíos que supón a transformación do mundo do traballo. Ademais, contempla seis principios informadores de carácter transversal e, polo tanto, de aplicación a todas as súas liñas de actuación, como son a perspectiva de xénero e igualdade laboral, a prioridade de actuacións destinadas ás pemes, a promoción da seguridade no traballo autónomo e a participación dos interlocutores sociais.

Estrutúrase nos seguintes obxectivos estratéxicos:

  • OE 1. Reforzar o compromiso, a especialización técnica e a participación en materia de seguridade e saúde no traballo.
  • OE 2. Mellorar a calidade da xestión preventiva para reducir a sinistralidade laboral.
  • OE 3. Afrontar os riscos laborais derivados dos novos escenarios no traballo.
  • OE 4. Atender as necesidades dos colectivos que precisan dunha especial protección pola súa vulnerabilidade, os seus riscos ou a súa sinistralidade.
  • OE 5. Xerar e compartir coñecemento especializado en PRL a través da sensibilización, o asesoramento técnico e a formación.
  • OE 6. Potenciar accións para a promoción da saúde no traballo e a consecución do benestar laboral.

Avaliación e seguimento

Serán instrumentos clave para o impulso e o seguimento desta estratexia os plans anuais de actuación do Issga e os informes doutras unidades directivas con competencia en seguridade e saúde no traballo, aos que se unirá a información sobre as actuacións que corresponda desenvolver aos axentes sociais.

Singularmente realizarase un balance de execución da estratexia aos dous anos da súa entrada en vigor e un informe ao final do seu período de vixencia.

Data de aprobación do plan: 14/9/2023