O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia actualízase anualmente para a súa entrada en vigor antes do inicio da tempada de risco alto de incendios, que coincide co verán.
O Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta do 24 de maio de 2007, en virtude do establecido no artigo 6.1.b) da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, reflicte a política e as medidas para a defensa dos terreos forestais e das áreas de influencia forestal, englobando os plans de prevención, protección, sensibilización, vixilancia, detección, extinción, investigación e desenvolvemento, soporte cartográfico, coordinación e formación dos medios e axentes do servizo, así como unha definición clara de obxectivos e metas por acadar, a programación das medidas e accións, o orzamento e o plan financeiro, así como os indicadores da súa execución.
A devandita Lei, no seu artigo 14.4, prevé a posibilidade de actualización naqueles aspectos que sufran variacións, sendo incorporadas as devanditas modificacións ao documento inicial e aprobadas polo Consello da Xunta.