Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia

Este plan responde ao compromiso da Xunta de Galicia de avanzar na consolidación dos principios de boa administración e de calidade na prestación dos servizos públicos á cidadanía.

A Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, establece no seu artigo 20 que a política de xestión da calidade da Comunidade Autónoma de Galicia concretarase a través dun plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia que será aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

O plan aborda os seus obxectivos dende unha perspectiva global, procurando non só unha mellora a nivel interno na organización administrativa e na xestión dos servizos públicos por parte da Administración, fortalecendo as ferramentas de planificación e de análise posterior da actividade da Administración pública, senón tamén fomentando a máxima transparencia e participación da cidadanía na súa definición.

Así mesmo, presta unha especial atención á racionalización e simplificación dos procedementos administrativos, dende o punto de vista da racionalización dos procedementos, a redución dos tempos de tramitación e a dixitalización da tramitación administrativa, procurando unha Administración máis áxil e sinxela para a cidadanía.

O plan estrutúrase en dez eixes de actuación, que engloban máis de 60 accións prioritarias que inciden en distintos ámbitos, abordando unha mellora da calidade dos servizos públicos dende unha perspectiva global e integradora.

 

Data de aprobación no Consello da Xunta: 4/3/2021