Plan de inspección en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025
De acordo co título I do libro primeiro do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia apróbase o obxecto, contido e ámbito de actuación que fundamentan o plan de inspección en materia de seguridade industrial para o ano 2025.
O obxectivo é a comprobación da adecuación da posta en funcionamento e as condicións de servizo dos establecementos, instalacións, actividades e produtos respecto dos regulamentos de seguridade e da normativa que lles sexan aplicables.
O plan está composto por tres programas:
- Instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial que abrangue os sectores: instalacións eléctricas de baixa tensión, alta tensión e centros de transformación particulares, ascensores, instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos ( subministración a vehículos), instalacións de almacenamento de produtos petrolíferos para a subministración de combustible a vehículos propios, instalacións térmicas nos edificios, instalacións de almacenamento de produtos químicos, instalacións de gas e instalacións de seguridade contra incendios en establecementos industriais e instalacións con equipos a presión.
- Empresas instaladoras ou mantedoras no ámbito da seguridade industrial.
- Accidentes graves que se refire á inspección dos establecementos industriais afectados polo Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, clasificados como de nivel superior.
As direccións territoriais da Consellería de Economía e Industria son as encargadas da selección dos establecementos, instalacións e actividades obxecto de inspección considerando criterios de oportunidade e aleatoriedade.
A vixencia do Plan comeza o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e remata o 31 de marzo de 2026.
Data de aprobación polo Consello da Xunta: 21/07/2025