Estratexia galega de acción exterior 2025-2029
Esta segunda Estratexia galega de acción exterior 2025-2029 (EGAEX 2025-2029) pretende afianzar o vieiro iniciado en 2018 coa primeira. Hoxe, contamos con sólidos alicerces legais, asentados sobre a Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia.
Entre os seus obxectivos estratéxicos destacan a diversificación dos mercados exteriores; a captación de capital mercantil e industrial para investimentos produtivos, así como de capital humano cualificado; favorecer o retorno dos emigrantes e os seus descendentes, e profundar na execución dos obxectivos da Axenda Global de Desenvolvemento das Nacións Unidas.
Trátase dunha estratexia de país que ten que adaptarse axiña ao novo entorno mundial e europeo. Coa aprobación da Lei 10/2021, Galicia pode xa artellar a súa acción exterior coas máximas garantías xurídicas e institucionais.
Priorizáronse áreas, aludindo primeiramente á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e á lusofonía, e posteriormente á UE e ao resto da Europa, ficando despois os restantes ámbitos.
Cara ao futuro, a opción estratéxica por unha Europa plenamente integrada resulta crucial para Galicia. Hai que salientar a cerna básica das relacións internacionais de España cara ao exterior:
- A promoción dos dereitos humanos, a democracia, a seguridade, o feminismo e a diversidade como referentes da acción de España no mundo.
- Impulsar a construción no plano global dun novo contrato social e interxeracional, sobre a base da Axenda 2030 e o pleno desenvolvemento dos dereitos políticos, sociais, económicos e ambientais.
- A defensa dun planeta máis sostible, habitable, resiliente e verde.
- Prestar especial atención ás cuestións da paz, a seguridade e a defensa, desde unha concepción holística e integral da seguridade humana e a dignidade das persoas.
- Impulsar a Política Exterior e de Seguridade Común e a Política Común de Seguridade e Defensa.
Asemade, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) han informar de todas as iniciativas e actuacións da nosa acción exterior, e cómpre o aliñamento da EGAEX 2025-2029 con eles para contribuír a acadalos.
Esta estratexia debe verse como un instrumento para aprender a valorar o influxo exterior e para aproveitar as oportunidades consubstanciais á internacionalización da economía e das empresas.
Desde a perspectiva exterior, serían cinco os eixes de atención a considerar polos operadores galegos:
- Galicia debe involucrarse nos retos do mundo que inciden sobre ela. Este ámbito de actuación é a chave para gañar consideración como actor relevante.
- Impulsar o comercio, na súa máis ampla acepción: o comercio mundial é un factor fundamental na redución de custos, xa que o custo dos produtos internacionalizados crece por baixo da inflación, e por tanto os intercambios xerados polo comercio reforzan o benestar colectivo.
- Facilitar a xeración de alianzas entre espazos económicos e entre empresas: a cooperación é un factor de primeira magnitude para impulsar o acceso aos mercados internacionais.
- Estimular a atracción de investimento estranxeiro directo, mesmo a pesar das dificultades e da competencia internacional existente.
- Atraer talento, especialmente no plano colectivo, pero tamén de maneira individual. Neste caso resulta moi relevante impulsar Galicia como un país de oportunidades.
Data de aprobación polo Consello da Xunta: 24/02/2025
Ligazóns relacionadas
Documentos relacionados
- Estratexia Retorna 2023-2026
- Plan galego de financiamento universitario 2022-2026
- Estratexia para a internacionalización das empresas galegas 2021-2025
- Plan Investimentos Conxuntos Galicia-Norte de Portugal (PIC 2021-2027)
- Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (RIS3T)