Plan integral contra o acoso e ciberacoso escolar

O Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar é o marco xeral que cumprirá desenvolver para pór á disposición da comunidade educativa os mecanismos precisos para resolver calquera situación que poida alterar a convivencia nos centros educativos ou o benestar do alumnado, cun enfoque multidisciplinar e desde unha perspectiva construtiva, con actuacións concretas dirixidas a abordar e erradicar este problema.

A Xunta de Galicia pretende crear conciencia sobre o impacto negativo do acoso escolar e promover a importancia da empatía e o respecto mutuo. Así con este plan orientaranse os esforzos a procurar que o alumnado se sinta aceptado e valorado pola súa individualidade, sen importar a identidade de xénero, a raza, as crenzas, a orientación sexual ou calquera outra característica persoal. Que o alumando creza nun ambiente que celebre a diversidade e promova a igualdade. Como plan integral este documento pretende dous obxectivos:

  • Abordar o problema de maneira completa e holística, considerando diferentes aspectos, enfoques e dimensións.
  • Facer partícipes e responsables a todos os axentes que poidan ter relación cunha situación de acoso.

Está estruturado en 5 eixes:

  1. Prevención das situacións de acoso e ciberacoso escolar.
  2. Dotación á comunidade educativa de estratexias e recursos de abordaxe das situacións de acoso e ciberacoso escolar.
  3. Impulso dunha formación especializada e específica para o profesorado que lle achegue os coñecementos e as ferramentas necesarias para o seu desenvolvemento profesional.
  4. Identificación e afrontamento da intervención de xeito global e coordinado, para lograr unha solución axeitada e eficaz.
  5. Desenvolvemento e seguimento do plan integral contra o acoso e ciberacoso escolar.

 

Data de aprobación polo Consello da Xunta: 23/11/2023