Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia 2026-2027
O plan responde ao compromiso da Xunta de Galicia de avanzar na consolidación dos principios de boa administración e de calidade na prestación dos servizos públicos á cidadanía.
A Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, establece no seu artigo 20 que a política de xestión da calidade da Comunidade Autónoma de Galicia concretarase a través dun plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia que será aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.
O plan procura unha mellora na organización administrativa e na xestión dos servizos públicos por parte da administración, fortalecendo as ferramentas de planificación e de análise posterior da actividade, e fomenta a transparencia e a participación da cidadanía.
O plan presta especial atención á racionalización e simplificación dos procedementos administrativos, de xeito que se supriman trámites e documentos innecesarios que reduzan as cargas administrativas e os tempos de tramitación, procurando unha administración máis áxil e sinxela para a cidadanía. Para iso, continuarase co impulso do ofrecemento de servizos públicos de xeito proactivo e co proceso de dixitalización integral dos procedementos administrativos.
O plan estrutúrase en 10 eixos de actuación, coa inclusión de dous eixes específicos relativos á contratación administrativa e á integridade institucional, que engloban máis de 40 medidas prioritarias que inciden en distintos ámbitos abordando unha mellora da calidade dos servizos públicos dende unha perspectiva global e integradora.
Data de aprobación no Consello da Xunta: 09/12/2025
Documentos relacionados
- Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia 2026-2027