O Sergas gañador nos I Premios Europeos á contratación pública de innovación

O Consello Europeo de Innovación (EIC) convocou a primeira edición dos Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación (EUIPAwards), que pretenden recoñecer os compradores públicos e privados de toda Europa polos seus esforzos por promover a contratación de innovación

O Servizo Galego de Saúde foi gañador co primeiro premio na categoría denominada Innovation Procurement Strategy Award, na que se premian estratexias a longo prazo que desencadean diferentes adquisicións de innovación, solucións e prácticas sostibles

O resultado coñeceuse durante o Cumio do Consello Europeo de Innovación do 24 ao 25 de novembro de 2021 en Bruxelas
 

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021

O Servizo Galego de Saúde foi galardoado hoxe en Bruxelas co primeiro premio nos I Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación convocados polo Consello Europeo de Innovación (EIC), na categoría de estratexia de adquisicións.

Os galardóns teñen como obxectivo darlle visibilidade á importancia dunha estreita cooperación entre o comprador e o provedor para levar as solucións innovadoras ao mercado. Tratase dunha das iniciativas do EIC destinada a apoiar e fomentar a contratación de innovación na Unión Europea.

Este é un dos catro premios do Consello Europeo de Innovación 2021, que se celebran e que dan forma ao futuro da innovación en Europa, xunto co Premio da UE para Mulleres Innovadoras, os Premios Capital Europea da Innovación e o Concurso Europeo de Innovación Social.

Dentro das políticas da Unión Europea, a contratación de innovación é estratéxica para modernizar o sector público con solucións de maior calidade e contribúen directamente á competitividade dos países, ao abrir unha ruta ao mercado para novos actores, especialmente as PEME. Tamén axudan ás empresas máis grandes a levar produtos innovadores ao mercado, estimulando o crecemento empresarial transfronteirizo e a creación de postos de traballo. A contratación de innovación tamén serve para abordar as necesidades sociais máis urxentes.

O Sergas, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, presentou a candidatura titulada «O camiño galego de innovación en busca da contratación pública de solucións innovadoras para un envellecemento activo e saudable», titulada en inglés “The Galician Innovation Journey in Search of PPI Solutions for Active and Healthy Ageing”, co acrónimo «INNO-AHA SERGAS».

A candidatura mostra a aposta da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde desde o ano 2012 pola compra pública innovadora, con proxectos como Hospital2050 e Innovasaúde, Código100, e proxectos actualmente en marcha, como Innova MicroLab, INNOVATRIAL ou LABSAÚDE −o primeiro living lab de saúde do Servizo Galego de Saúde no Hospital Universitario de Ourense−.

Ademais, a candidatura inclúe o recoñecemento de Galicia como unha das rexións de referencia europea no desenvolvemento, a adopción e escalado de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable (EIP on AHA Reference Site con 4 estrelas).

O proceso para a obtención do prestixioso premio constou de varias fases. En setembro, coñecéronse as seis candidaturas finalistas que competiron co Servizo Galego de Saúde na categoría Innovation Procurement Strategy Award, na que se premian estratexias a longo prazo que desencadean diferentes adquisicións de innovación, solucións e prácticas sostibles.

INNOSPRINT DIH (Francia)
INNO-AHA SERGAS (España)
NCBR-IS (Polonia)
RESAH INNOVATION (Francia)
Smartiago (España)
WBL PCP e PPI (Países Baixos)

Posteriormente, tras unha presentación do proxecto aos membros do xurado seleccionáronse os dous proxectos finalistas: NCBR-IS (Polonia) e INNO-AHA SERGAS.

Ademais do prestixioso recoñecemento, o gañador unirase a un grupo de compradores pioneiros para mostrar a súa experimentación e promover experiencias doutros compradores, como, por exemplo, para aprender sobre novos enfoques a través do intercambio de boas prácticas, iniciativas, ideas e innovacións.