A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantén unhas charlas informativas cos veciños beneficiarios destes procesos de reestruturación territorial

A Xunta prevé investir preto de 3,4 M€ para reorganizar máis de 900 hectáreas a través das dúas novas concentracións parcelarias decretadas en Petín e Vilardevós

A parcelaria de Petín-A Portela de Portomourisco, en Petín, prevé reorganizar 203 hectáreas de superficie divididas en 2.188 parcelas, mellorando a estrutura territorial da zona e beneficiando 619 propietarios


O proceso de Soutochao, en Vilardevós prevé reestruturar 711 hectáreas de superficie divididas en 3.285 parcelas, propiedade de 714 veciños


Estes procesos forman parte dos 28 decretados en toda Galicia desde 2021, que abarcan máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 propietarios


Entre os anos 2020 e o que levamos de 2023 rematáronse 25 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 titulares
 

Petín (Ourense), 21 de marzo de 2023

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantén hoxe dous encontros informativos con veciños beneficiados polas novas concentracións parcelarias decretadas nos concellos ourensáns de Petín e Vilardevós, co fin de informalos sobre as particularidades de cada un dos procesos, e mediante os cales a Xunta prevé reorganizar unha superficie de máis de 900 hectáreas.

 

Así, a primeira das reunións foi cos beneficiarios da parcelaria de Petín-A Portela de Portomourisco, no concello de Petín. Este proceso prevé reorganizar unha superficie de 203 hectáreas, dividida en 2.188 parcelas propiedade de 619 veciños. Neste proceso, a Consellería do Medio Rural ten previsto investir preto de 900.000 de euros.

 

Seguidamente, a directora xeral trasladarase ao concello de Vilardevós para abordar cos veciños de Soutochao as características deste novo proceso, que prevé reestruturar unha superficie de 711 hectáreas divididas en 3.285 parcelas, propiedade de 714 veciños. Neste caso, o orzamento previsto pola Consellería ascende a cerca de 2,5 millóns de euros.

 

Ao igual que o resto de parcelarias decretadas nos últimos anos, estes procesos decláranse mediante a Lei de mellora de estrutura territorial de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir os seus custos de produción. Desta forma, as explotacións da zona de Petín e Vilardevós veranse beneficiadas destes procesos.

 

Estas dúas parcelarias forman parte das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 e ata a actualidade. Suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Para isto, a Consellería ten asignados 17 millóns de euros nos orzamentos de 2023 para seguir traballando nestes procesos de reestruturación. Ademais, este ano impulsarase un Plan extraordinario para arranxar camiños en concentracións parcelarias que estará dotado con 6 millóns de euros en 2023.

 

Nesta liña, entre os anos 2020 e o que levamos de 2023 rematáronse 25 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade. O obxectivo é acadar a trintena de procesos -tanto decretados como finalizados- no primeiro semestre deste ano.

 

Ademais, xunto coas parcelarias, seguiranse impulsando tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Desde a entrada en vigor da norma, arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas no concello de Friol, na provincia de Lugo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2023