Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 17 de decembro de 2012 Páx. 46918

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2012, da Dirección Xeral de Tributos, pola que se valida para o xogo a utilización de determinados cartóns de bingo.

A Orde do 15 de outubro de 2012, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se fixan as contías e as porcentaxes dos premios do xogo do bingo, apróbase baixo o amparo da habilitación contida na disposición derradeira segunda do Decreto 113/2010, do 1 de xullo, polo que se modifica o Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo, e o Decreto 116/1986, do 4 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na devandita orde establécese que «A porcentaxe destinada a premios no xogo do bingo, na súa modalidade de bingo tradicional, será do 59 % das cantidades xogadas». No Regulamento do xogo de bingo estaba establecida no 61 % e, transitoriamente, foi modificada, pola súa vez, pola Orde do 22 de febreiro de 2012 ao 66,875 % das cantidades xogadas e aplicable unicamente para o xogo do bingo explotado por aquelas empresas que, acolléndose ao que sinala a disposición transitoria segunda da Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas para 2012, non reduzan o cadro de persoal medio da sala de bingo durante o exercicio 2012.

Así mesmo, a Orde do 15 de outubro determina, no que se refire á contía dos premios, que a contía da liña será do 3 %; a do bingo ordinario, do 46 %, e a da prima, o 10 % do valor facial dos cartóns vendidos en cada partida.

Os cambios nas porcentaxes de premios establecidas na citada orde faranse efectivos desde a primeira partida correspondente á sesión de xogo en que a orde entre en vigor. Non obstante, os premios de prima e prima-plus en xogo pendentes de outorgar nese momento rexeranse polas regras establecidas para eles con anterioridade, ata que se produza o seu efectivo outorgamento. A orde entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2013 e a partir desa data poden subsistir cartóns coas modificacións derivadas dos cambios mencionados anteriormente.

En consecuencia,

resolvo:

Primeiro. Os cartóns de bingo actualmente existentes poderán seguir sendo utilizados polas empresas de bingo a partir da entrada en vigor da Orde do 15 de outubro de 2012, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se fixan as contías e as porcentaxes dos premios do xogo do bingo, nas salas de bingo de Galicia, ata o seu esgotamento.

Segundo. No reverso dos cartóns deberán entenderse as actuais lendas como segue:

Onde di: «A cantidade que se distribuirá en premios en cada partida consistirá no 61 por 100 do valor facial da totalidade dos cartóns vendidos, correspondendo:

O 5 por 100 á liña, o 50 por 100 ao bingo e o 6 por 100 á prima».

Debe dicir: «A cantidade que se distribuirá en premios en cada partida consistirá no 59 por 100 do valor facial da totalidade dos cartóns vendidos, correspondendo:

O 3 por 100 á liña, o 46 por 100 ao bingo e o 10 por 100 á prima».

Terceiro. Esta resolución deberá estar exposta, de forma clara e visible para as persoas xogadoras, nas instalacións das salas de bingo.

Cuarto. O contido modificado por esta resolución do reverso dos cartóns deberá recollerse nun soporte material, tipo tarxeta ou cartel, que permanecerá exposto de xeito visible en todas e cada unha das mesas de xogo e debidamente protexido para evitar a súa deterioración, e deberá ademais estar á vista do público na área de recepción ou vestíbulo.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta disposición entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2013.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2012

Carlos Rodríguez Sánchez
Director xeral de Tributos