Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 52265

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 22 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta benvida, para as familias con fillas e fillos nados no ano 2016 e se procede a súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, como un dos obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, garantirlles o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establece no seu artigo 6, como principio reitor da actuación dos poderes públicos de Galicia, o apoio e a protección da familia como medio de transmisión da vida e como ámbito privilexiado para o desenvolvemento persoal; recoñece, como un dos principios de responsabilidade pública, o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

Pola súa vez, os estudos máis recentes sobre a evolución dos principais indicadores demográficos e as previsións dun continuado decrecemento da súa poboación, sitúan Galicia ante un problema estrutural de importantes consecuencias económicas e sociais e, polo mesmo, ante un preocupante horizonte demográfico sobre o cal é necesario actuar.

Acadar a revitalización demográfica e o recambio xeracional convértese nun obxectivo urxente e imprescindible para a sustentabilidade económica e social de Galicia e representa o punto de partida da Comisión non permanente de estudo para a elaboración do Plan de dinamización demográfica de Galicia, que se constitúe no Parlamento autonómico e en cuxas conclusións se pon de relevo a urxencia de definir, con carácter inaprazable, medidas concretas de carácter transversal que aborden o problema desde diferentes ópticas.

Con base nestas conclusións, o Plan para a dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, Horizonte 2020, instrumento base para a implementación das políticas públicas nesta área, formula unha serie de obxectivos estratéxicos para cuxa posta en práctica se definen catro áreas de intervención en virtude dos ámbitos que se consideran prioritarios para contribuír á dinamización demográfica de Galicia.

Tomando como punto de partida este plan e en liña coas recomendacións da Unión Europea, a Administración autonómica impulsaba en febreiro de 2015 un Plan galego de política familiar 2016-2020 que recolle, amplía e concreta as medidas xa previstas no primeiro. Dentro das áreas de actuación do Plan galego de política familiar enmárcase o Programa de apoio á natalidade (PAN), un proxecto global, no cal, entre outras actuacións destinadas a apoiar as familias galegas dun xeito integral e continuo, se recolle o establecemento dunha axuda económica ás familias durante o primeiro ano de vida das súas fillas e fillos.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian a imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 19 de outubro de 2015.

De acordo co disposto no artigo 3.1º da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

O obxecto desta orde é regular os requisitos e o procedemento de concesión dunha axuda económica ás familias con fillas e fillos nados no ano 2016 a través da tarxeta benvida. Con esta axuda preténdese contribuír a sufragar os gastos derivados da crianza durante o primeiro ano de vida. Esta tarxeta poderá ser utilizada soamente en farmacias, parafarmacias, supermercados e tendas de alimentación. Deste modo, a axuda contribuirá a que as familias poidan atender os maiores gastos que supón o nacemento, derivados da adquisición de produtos básicos para o neno ou nena, como, entre outros, leite e outros alimentos infantís, cueiros, produtos de hixiene infantil ou produtos farmacéuticos.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007, do 13 de xuño), así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin o cal foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas cales se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2016 teñan un fillo/a ou adopten un neno ou nena menor dun ano.

Artigo 2. Contía da axuda

Con carácter xeral, a contía total da axuda será de 1.200 € a razón de 100 €/mes durante o primeiro ano de vida do fillo ou filla. No caso de adopción o dereito á percepción da axuda producirase desde o mes en que se constitúa a adopción e ata que o neno ou nena faga un ano.

A axuda farase efectiva a través da tarxeta benvida.

Esta tarxeta só poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados e tendas de alimentación.

Artigo 3. Orzamento

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1 recollida no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016. Dado que este programa se estende na súa execución ao ano 2017, trátase dun gasto plurianual, polo que o importe destinado ás axudas ascenderá á cantidade de 9.000.000 de euros na anualidade de 2016 e de 9.000.000 de euros na anualidade de 2017.

O crédito final resultante destinado a estas axudas poderase incrementar no suposto de que sexa insuficiente para atender todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan fillas ou fillos, tanto por natureza como por adopción, nados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2016.

Artigo 5. Requisitos

1. Será requisito necesario para a concesión desta axuda:

a) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que da documentación presentada se poida deducir que isto non é así, poderanse requirir para que presenten a documentación complementaria que o demostre.

b) Que a renda da unidade familiar, sumadas a base impoñible xeral e a base impoñible do aforro, da declaración do IRPF do ano 2014 non supere os 45.000 €. No suposto de que esta contía fose superior, a renda per cápita, entendida como a suma das bases impoñibles xeral e do aforro dividida entre o número de membros da unidade familiar, non deberá superar os 13.500 €.

Nos casos en que non se teña realizado a declaración do IRPF do ano 2014, os ingresos serán os que resulten dos datos que consten en poder da AEAT, de conformidade co disposto no artigo 8.1 desta orde, aos cales se lles restarán os gastos deducibles.

2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 6. Solicitudes e documentación

1. A solicitude formalizarase no formulario normalizado que figura como anexo I desta orde e que estará dispoñible na guía de procedementos e servizos que se encontra no enderezo: http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos, de acordo co establecido no artigo 7.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación sinalada, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en adiante, LRX-PAC).

3. Ás solicitudes (anexo I) xuntarase a seguinte documentación:

a) Copia do libro ou libros de familia da unidade familiar ou, de ser o caso, as certificacións correspondentes expedidas polo Rexistro Civil.

b) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción, só no caso de non autorizar a súa consulta ou cando se trate de adopcións non formalizadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar.

d) Anexo II debidamente cuberto e asinado pola persoa proxenitora que non apareza como solicitante, de ser o caso.

e) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

f) Copia do DNI ou NIE da persoa proxenitora que non apareza como solicitante das axudas, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

g) Copia da declaración do imposto da renda das persoas físicas do ano 2014 da persoa solicitante e da proxenitora que non apareza como solicitante, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta ante a Axencia Estatal da Administración Tributaria.

4. Na solicitude (anexo I) deberá figurar, con carácter obrigatorio, un teléfono móbil para os efectos de activar a tarxeta benvida. A activación será efectiva unicamente desde o número de móbil que se faga constar na solicitude.

5. No suposto das solicitudes presentadas por vía electrónica, a persoa solicitante deberá presentar unha copia dixitalizada dos documentos necesarios indicados nos puntos anteriores.

Artigo 7. Lugar e prazo para a presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da LRX-PAC, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da LRX-PAC.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da LRX-PAC.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da LRX-PAC, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude comportará a autorización á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para solicitar as certificacións de estar ao día nas súas obrigas que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral Seguridade Social e a Consellería de Facenda, tal e como establece o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. No caso de non dar autorización deberán achegar os certificados correspondentes.

Artigo 9. Procedemento de concesión e resolución das axudas

1. O procedemento de concesión da axuda efectuarase sen fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, por non ser necesario realizar a comparación e prelación destas de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación, órgano responsable da tramitación dos expedientes, comprobará que estes reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde; de ser así, a continuación formulará proposta de concesión ao órgano concedente. De non ser así, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, terase por desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

3. A resolución destas axudas correspóndelle á directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación do conselleiro de Política Social, no prazo de tres meses contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución se o acto fose expreso e, se non o fose, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpor recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 10. Compatibilidade

Sen prexuízo do establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as prestacións reguladas na presente orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.

Artigo 11. Instrumentación da axuda

A instrumentación da axuda efectuarase a través da entrega da tarxeta benvida que se expedirá a nome da persoa solicitante. A axuda comprenderá, nos supostos de fillos ou fillas por nacemento, os primeiros doce meses de vida do neno ou nena nacido/a no ano 2016 e no suposto de adopción o período comprendido desde o mes en que se constitúe ata o mes en que este ou esta faga un ano.

A Consellería de Política Social remitirá as tarxetas ás familias con instrucións para a súa activación e informaraas das condicións de uso.

A tarxeta terá un período máximo de vixencia de 12 meses desde o mes de nacemento ou adopción do fillo ou filla, transcorrido o cal no poderá ser utilizada. En todo caso, non poderá ser usada máis alá do 31 de decembro de 2017.

A consellería procederá á carga inicial das tarxetas e recarga mensual durante o período de vixencia de acordo cos límites cuantitativos establecidos no artigo 2.

Coa finalidade de facer efectiva a instrumentación da axuda, a Consellería de Política Social conveniará cunha entidade financeira para a realización das xestións necesarias, como a expedición, carga da tarxetas e a súa operatividade.

Esta entidade financeira terá a consideración de entidade colaboradora de conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e estará suxeita ás obrigas sinaladas no artigo 12.

Artigo 12. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas obríganse, ademais de observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, especificamente ao seguinte:

a) A comunicar calquera variación que se produza na situación familiar que poida dar lugar á perda da axuda.

b) A responsabilizarse e cumprir as condicións de uso establecidas para a tarxeta benvida e destinala exclusivamente á finalidade para a cal foi concedida.

c) A comunicar a perda, roubo ou extravío da tarxeta á Consellería de Política Social.

d) A someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin achegarase canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Artigo 13. Xustificación da subvención

Tendo en conta que as axudas previstas nestas bases se conceden en atención á concorrencia nos beneficiarios da situación prevista no seu artigo 1, de acordo co artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se requirirá a rendición da conta xustificativa regulada nese artigo, sen prexuízo, en todo caso, da necesaria acreditación da situación que xustifica a concesión da subvención previamente á súa concesión e o cumprimento das obrigas materiais e formais establecidas nestas bases.

Artigo 14. Revogación da prestación

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devindicados, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Información

A información relativa ao procedemento, que regula a prestación económica, a través da tarxeta benvida, para as familias con fillas e fillos nados no ano 2016, poderase obter nos seguintes enderezos de internet http://benestar.xunta.es, www.familiasgalegas.org e https://sede.xunta.es, así como no teléfono 981 54 72 46.

Artigo 16. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.es.

Os datos relativos ao nome, apelidos e número de teléfono móbil serán comunicados á entidade financeira colaboradora, encargada da carga e recarga das tarxetas coa finalidade de que esta poida tratalos e utilizalos para emitir, estampar e gravar a correspondente tarxeta prepagamento, así como para a realización das operacións e procesos relativos á activación e xestión desta, incluíndo o envío ao número de teléfono móbil dunha mensaxe SMS informándoo do PIN, da activación e das recargas que, de ser o caso, se efectúen.

Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada

De acordo co disposto no artigo 3.1º da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Disposición adicional segunda. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional terceira. Publicidade das axudas

As axudas económicas concedidas non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición adicional cuarta. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias na directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2015

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file