Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Xoves, 22 de setembro de 2016 Páx. 43412

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 12 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas novas que realizan prácticas non laborais en empresas, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil (código de procedemento TR363A).

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para o financiamento ás empresas das bolsas das persoas novas que realizan prácticas non laborais nestas empresas.

A situación actual de crise económica levou ao desemprego a moitas persoas, adquirindo esta situación unha especial gravidade no caso das máis novas que, con independencia do seu nivel de cualificación, presentan unhas altas taxas de desemprego. Neste contexto, atópanse cunha especial dificultade de inserción no mercado laboral aquelas persoas novas que, aínda tendo unha formación académica ou profesional acreditada, carecen de experiencia laboral.

Dentro deste contexto de crise ten especial relevancia a situación das mulleres, que ven como o seu acceso ao mercado de traballo se caracteriza cada vez máis pola precariedade (subemprego, salarios máis baixos que os dos homes, dificultades á hora de conciliar o traballo coa maternidade e coa vida familiar...).

O Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, establece, como un dos seus obxectivos, a integración da dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na elaboración, execución e seguimento de todas as accións desenvolvidas polo sector público autonómico no exercicio das súas competencias. Para tal efecto, non se considerarán discriminatorias as medidas especiais encamiñadas a acelerar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes (accións positivas).

A igualdade é un principio fundamental na Unión Europea, polo que a eliminación da desigualdade é un obxectivo que se debe integrar en todas as políticas e accións financiadas pola Unión Europea.

Considérase urxente e necesario, por tanto, artellar medidas que incrementen as oportunidades de emprego para estes colectivos, medidas que deben contribuír a facilitar o seu acceso ao mercado de traballo, á ocupación e á adquisición de práctica laboral nun contorno real.

Entre estas medidas figuran a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas, reguladas no Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro, polo que se regulan as prácticas non laborais en empresas.

Para incentivar a realización destas prácticas, a Comunidade Autónoma de Galicia considera necesario subvencionar as bolsas que se paguen ás persoas novas que realicen as prácticas non laborais en empresas. Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 91,89 por cento:

Eixe prioritario: 5. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas novas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación nin formación, en particular no contexto da garantía xuvenil.

Prioridade de investimento: 8.2. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas novas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación nin formación, así como das persoas novas que corren o risco de sufrir exclusión social e os procedentes de comunidades marxinadas, en particular, no contexto da garantía xuvenil.

Obxectivo específico: 8.2.2. Reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas novas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación e formación.

Medida: 8.2.2.6. Prácticas non laborais en empresas.

Os participantes nas actuacións serán persoas novas que teñan máis de 18 anos e ata os 25 anos inclusive, que non estean traballando nin estean participando en actuacións educativas ou formativas. Estas persoas deberán estar inscritas na base de datos do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e acreditar previamente o cumprimento dos requisitos de acceso ao Programa.

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria elévase a 763.800 euros e farase con cargo aos créditos do programa 09.41.323A.471.0, con código de proxecto 201500571 (230.854 €, que figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016 e 532.946 € para o ano 2017).

Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas do Sistema nacional de garantía xuvenil, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Visto o Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que lle atribúe á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral competencias relativas, entre outras materias, á formación para o emprego.

Vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da antedita lei.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das subvencións para o financiamento ás empresas das bolsas das persoas novas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que realizan prácticas non laborais nestas empresas.

2. As subvencións previstas nesta orde tramitaranse de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias as empresas con centro de traballo en Galicia que, logo da sinatura dun convenio de prácticas non laborais co Servizo Público de Emprego de Galicia no marco do Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro, subscriban acordos con persoas novas para a realización de prácticas non laborais.

Artigo 3. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta orde

1. As empresas ou grupos empresariais, en colaboración cos servizos públicos de emprego e no marco da responsabilidade social empresarial, poderán subscribir acordos con persoas novas, con ningunha ou moi escasa experiencia laboral, co obxecto de realizar prácticas de carácter non laboral nos seus centros de traballo, co fin de contribuír a mellorar a súa empregabilidade e ofrecerlles un primeiro contacto coa realidade laboral a través do achegamento a esta, ao tempo que contribúen a completar a formación acadada pola persoa nova.

Poderán acollerse a esta subvención as empresas ou grupos empresariais que asinen acordos con posterioridade ao 31 de xullo de 2015 e ata a data límite de presentación de solicitudes desta convocatoria. As prácticas deberán deberán iniciarse como máximo no prazo dun mes desde a notificación da resolución de concesión. O incumprimento deste requisito terá como consecuencia a perda do dereito ao cobramento da subvención nos termos previstos no artigo 61 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As prácticas non laborais realizaranse en centros de traballo localizados na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As prácticas non laborais nas empresas non suporán, en ningún caso, a existencia de relación laboral entre a empresa e a persoa nova.

4. As prácticas non laborais nas empresas terán unha duración de entre seis e nove meses; e a xornada laboral será, como mínimo, de catro horas diarias e non poderá superar as corenta horas semanais.

5. As prácticas desenvolveranse en centros de traballo da empresa ou do grupo empresarial, baixo a dirección e supervisión dunha persoa que as titorice. Á finalización das prácticas non laborais, as empresas deberán entregar ás persoas que realicen estas un certificado no que conste, polo menos, a práctica realizada, os contidos formativos inherentes a esta, a súa duración e o período de realización.

6. As empresas ou grupos empresariais nos que se desenvolvan as prácticas aboarán ás persoas novas participantes unha bolsa de apoio cuxa contía neta será, como mínimo:

• 1, 2 veces o IPREM mensual vixente en cada momento cando as prácticas teñan unha duración de catro horas diarias.

• 1,5 veces o IPREM mensual vixente en cada momento cando as prácticas duren máis de catro horas diarias.

7. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta orde as prácticas académicas externas, curriculares e extracurriculares, das persoas estudantes universitarias, que se rexerán pola súa normativa específica.

Artigo 4. Destinatarios das prácticas non laborais e contido destas

1. As prácticas non laborais irán dirixidas a persoas novas que teñan máis de 18 anos e ata os 25 anos inclusive que posúan unha titulación oficial universitaria, titulación de formación profesional, de grao medio ou superior, ou titulación do mesmo nivel que o desta última, correspondente ás ensinanzas de formación profesional, artísticas ou deportivas, ou ben un certificado de profesionalidade. Así mesmo, non deberon ter unha relación laboral ou outro tipo de experiencia profesional superior a tres meses na mesma actividade e non se terán en conta para estes efectos as prácticas que formen parte dos currículos para a obtención das titulacións ou certificados correspondentes.

Estas persoas deberán ser, en todo caso, persoas inscritas no Ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.

Ademais, para ser beneficiario desta medida, as persoas novas, deberán cumprir os seguintes requisitos no momento da sinatura do acordo das prácticas non laborais:

a) Non ter traballado nos trinta días naturais anteriores.

b) Non ter recibido accións educativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos noventa días naturais anteriores.

c) Non ter recibido accións formativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores.

No suposto de que a persoa interesada en incribirse no Ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil tivese finalizada a súa participación no sistema educativo, considerarase que o requisito da letra b) queda suxeito a non ter recibido accións educativas que comporten máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores.

2. A preselección das persoas novas será realizada polo Servizo Público de Emprego de Galicia, a través do persoal de orientación de Garantía Xuvenil.

En todo caso, o proceso de selección final das persoas que van participar no programa de prácticas non laborais corresponderá á empresa. Nos convenios recollerase, de forma expresa, a realización polo Servizo Público de Emprego de Galicia de accións de control e seguimento das prácticas non laborais, co fin de verificar o cumprimento dos requisitos establecidos e dos obxectivos desta medida, especialmente a contribución das prácticas á mellora da empregabilidade.

O control e seguimento das prácticas corresponderá ao Servizo Público de Emprego de Galicia. Este control consistirá na posibilidade de realización de visitas polo persoal do Servizo Público de Emprego de Galicia ás empresas onde se estean realizando as prácticas para os efectos de verificar o cumprimento do establecido no acordo de prácticas subscrito entre a empresa e a persoa nova.

3. Ás persoas novas participantes nas prácticas non laborais, reguladas nesta orde seranlle de aplicación os mecanismos de inclusión na Seguridade Social recollidos no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 5. Acordos para a realización das prácticas

As empresas deberán subscribir acordos coas persoas novas que van desenvolver as prácticas non laborais, nos que se recollerá, polo menos, o contido concreto da práctica que se vai desenvolver, a duración desta, as xornadas e horarios para a súa realización, o centro ou centros onde se realizará, a determinación do sistema de titorías, o importe neto que percibirá a persoa nova e a certificación á que a persoa nova terá dereito pola realización das prácticas. A empresa informará á representación legal das persoas traballadoras sobre os acordos de prácticas non laborais subscritos coas persoas novas.

Artigo 6. Solicitudes, documentación e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluídos o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas comezará ao día seguinte da publicación da presente orde e rematará o 15 de novembro de 2016.

3. Xunto coa solicitude haberá que presentar a seguinte documentación complementaria:

a) Documento de identidade da persoa que actúa en nome e representación da persoa xurídica solicitante, no suposto de que non autorice a súa verificación no Sistema de verificación de datos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

b) NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito).

d) Estatutos ou normas debidamente legalizadas polas que se rexe a entidade.

e) Acordo asinado para a realización de prácticas.

f) Declaración responsable da persoa nova, da carencia da educación/formación a que se refire o artigo 4.1.

g) Programa de prácticas.

Esta documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Tamén se poderá presentar presencialmente na Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, indicando o número de rexistro de entrada da solicitude no suposto de ter feito a presentación electrónica previa.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase ao solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

6. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os extremos seguintes:

a) Que en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas:

– Non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención.

– Si se solicitaron e/ou concederon outras axudas para este mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita esta subvención, deberán relacionarse.

b) Que en relación con outras axudas de minimis:

– Non se solicitou nin se concedeu ningunha axuda de minimis.

– Si se solicitaron e/ou concederon outras axudas de minimis, deberán relacionarse.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

d) Que non está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que non está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado por Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

g) Que coñece as estipulacións desta orde, que cumpre cos requisitos sinalados nela, que se compromete a destinar o importe da axuda ao obxecto da subvención indicada, e que reúne capacidade administrativa/financeira para cumprir as condicións de aprobación da axuda. As empresas que iniciaron prácticas non laborais antes da resolución da axuda deberán garantir que cumpriron a normativa de aplicación da operación.

En relación con estas declaracións responsables, a entidade solicitante deberá deixar de manifesto que cumpre cos ditos requisitos, que dispón da documentación que acredita tal cumprimento e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida e comprométese a manter os requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento da subvención, de tal maneira que se deixase de cumprilos estaría obrigada a comunicalo ao órgano competente para resolver, no prazo de 5 días hábiles desde que se produza tal circunstancia.

Artigo 7. Autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, o modelo de solicitude inclúe autorización expresa a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos nesta orde de convocatoria.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e do goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 8. Procedemento

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento. Na resolución dos expedientes gardarase a orde rigorosa de entrada no rexistro.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Promoción Laboral.

3. A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Laboral formulará a proposta de resolución, tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención.

Artigo 9. Resolución

1. A resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde, unha vez fiscalizadas pola intervención delegada, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. As resolucións deberán ser notificadas aos interesados e deberán ditarse no prazo dun mes, contado desde a presentación da solicitude por calquera das formas previstas no artigo 6.1 da presente orde.

Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.

3. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

4. A resolución da concesión de subvención, que se comunicará por escrito ao beneficiario, fixará expresamente o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu cofinanciamento pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 91,89 por cento, dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, no eixe prioritario: 5, prioridade de investimento: 8.2, obxectivo específico 8.2.2 e medida 8.2.2.6, e o seu carácter de axuda de minimis, exenta da obriga de notificación en aplicación do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, de 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis e incorporará, de ser o caso, as condicións, as obrigacións e as determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria.

5. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. Xunto coa resolución achegarase o documento no que se establecen as condicións da axuda (DECA) de acordo co establecido no artigo 125.3.c) do Regulamento 1303/2013.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. A obtención da subvención quedará condicionada a existencia de crédito dispoñible, de acordo co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Determinación das subvencións para as prácticas non laborais

1. Serán subvencionables as bolsas ás persoas novas que realizan as prácticas non laborais ao abeiro dun acordo para a realización destas.

2. O importe da subvención concretarase nas seguintes contías:

– 100 por cen do IPREM mensual vixente por cada unha das persoas novas mentres duren as prácticas se estas teñen unha duración de catro horas diarias.

– 1,1 veces o IPREM mensual vixente por cada unha das persoas novas mentres duren as prácticas se estas teñen unha duración de catro horas diarias, cando a persoa nova sexa unha muller.

– 1,2 veces o IPREM mensual vixente por cada unha das persoas novas mentres duren as prácticas se estas teñen unha duración de máis de catro horas diarias.

– 1,4 veces o IPREM mensual vixente por cada unha das persoas novas mentres duren as prácticas se estas teñen unha duración de máis de catro horas diarias, cando a persoa nova sexa unha muller.

Cando as prácticas se inicien despois do primeiro día do mes ou finalicen antes do último día do mes, o importe da subvención será proporcional á duración destas.

3. As subvencións previstas nesta orde son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das bolsas ás persoas novas que realizan as prácticas non laborais reguladas no Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada.

4. Esta axuda ten o carácter de «axuda de minimis» exenta da obriga de notificación en aplicación do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

5. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderán exceder 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

Artigo 11. Publicidade das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos extremos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, indicando a convocatoria, o programa e crédito orzamentario ao que se imputan, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

3. Igualmente, publicaranse na páxina web de garantía xuvenil (http://garantiaxuvenil.xunta.es) nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e do goberno, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

4. As persoas beneficiarias das axudas concedidas incluiranse no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios e mais no de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006.

5. Así mesmo, o nome das persoas beneficiarias será publicado na lista de operacións do Programa operativo de emprego xuvenil prevista no artigo 115 do Regulamento (UE) 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

Artigo 12. Pagamento e xustificación das subvencións

1. O pagamento da subvención realizarase unha vez finalizado o período de prácticas, logo da presentación por parte da empresa da xustificación do pagamento das bolsas a cada unha das persoas novas que están realizando as prácticas.

2. A xustificación dos gastos correspondentes aos anos 2015 e 2016 deberá realizarse antes do 20 de decembro de 2016 e a dos gastos correspondentes ao ano 2017 deberá realizarse antes do 30 de novembro de 2017.

3. Procederase ao pagamento dos gastos, tras a presentación por parte da empresa, da seguinte documentación:

– Certificado asinado pola representación legal da empresa e pola persoa nova no que conste, polo menos, a práctica realizada, os contidos formativos inherentes a esta, a súa duración e o período de realización.

– Os partes de asistencia diaria asinados pola persoa nova e pola persoa responsable da súa titoría.

– Xustificación do pagamento da bolsa á persoa nova, que se acreditara mediante o correspondente xustificante bancario (orixinal ou copia compulsada) da transferencia con ordenante e beneficiario/a claramente identificados, xunto co selo identificativo da entidade bancaria ou, na súa falta, fotocopia compulsada do extracto bancario acreditativo do cargo.

– Xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RCL e RNT, Sistema de liquidación directa Proxecto Creta).

Os xustificantes de gasto deberán cumprir co establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os xustificantes de pagamento o establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da antedita lei.

Ademais, en aplicación do artigo 31.7 da antedita lei, non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto a entidade beneficiaria non se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

4. No caso de que se produzan baixas ou reducións de xornada, respecto do acordo asinado, procederase á redución proporcional da subvención concedida.

5. Non son gastos elixibles os correspondente ás licenzas ou permisos, que aínda sendo legais, non se derivan da efectividade do servizo prestado. Entre este tipo de ausencias, cabe mencionar as ausencias por enfermidade e accidente con baixa laboral (IT), por enfermidade e accidente sen baixa laboral, por adopción ou acollemento, por enfermidades de familiares, por coidados de fillos/as ou outros, por falecementos, por lactación, por maternidade, por matrimonio, por nacemento (paternidade), por traslados de domicilio, por cursos non relacionados co aumento de capacidades para o servizo que se presta e é obxecto da operación certificada, por exames, por deberes inescusables, por suspensión de funcións ou calquera outra ausencia sen vinculación directa co servizo efectivamente prestado. Estas circunstancias deberán acreditarse documentalmente.

Artigo 13. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Antes do comezo das prácticas, a entidade beneficiaria da subvención ten que poñer en coñecemento da Inspección de Traballo e Seguridade Social-inspeccións provinciais (unidades especializadas de Seguridade Social):

– Unha relación das persoas que vaian realizar as prácticas non laborais.

– Datos do/s centro/s de traballo da empresa onde se van realizar as prácticas:

• Denominación.

• Enderezo.

• Localidade.

– Datas e horarios de realización das prácticas.

2. Proporcionar ás persoas novas que realizan prácticas non laborais a formación que acompañará a estas conforme o programa de prácticas establecido no artigo 4.4 do Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro, e presentado ao Servizo Público de Emprego de Galicia.

3. Desenvolver as prácticas nos termos previstos no acordo subscrito coa persoa nova.

Se as prácticas se van desenvolver en máis dun centro de traballo, isto ten que vir reflectido no programa de prácticas. Neste caso a entidade deberá enviar a planificación detallada das funcións que se van desenvolver pola persoa en prácticas en cada un dos centros con 5 días de antelación, co obxecto de facilitar o seu control e seguimento.

4. Aboar mensualmente as bolsas mediante transferencia bancaria.

5. Cumprir coas obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Cumprir coas obrigas que lle corresponden como empresario/a de acordo co establecido no artigo 5.1 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación.

7. Comunicar á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, a obtención de subvencións ou axudas para o mesmo proxecto e finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

8. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como someterse a todas as actuacións de comprobación e control previstas no artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás relativas ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión o seguimento do Fondo Social Europeo, que incluirán os correspondentes controis sobre o terreo, e ás que poidan corresponder, no suposto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo, á Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas.

9. Remitir á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e á Inspección de Traballo e Seguridade Social as baixas ou acordos de modificación ou redución de xornada das persoas novas que realicen as prácticas, no prazo de cinco días desde que se produzan.

Cando a persoa nova cause baixa non poderá ser obxecto de substitución, para os efectos desta subvención.

10. Comunicar á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a realización das prácticas reguladas pola presente orde, no prazo de cinco días desde que se produza.

No caso de ausencias estas deberán estar xustificadas e, no caso de non xustificación, non se aboará a subvención correspondente a eses días.

Artigo 14. Obrigas relativas ao cofinanciamento pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo

1. Esta convocatoria de axudas enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.

2. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE ao abeiro do Programa operativo de garantía xuvenil para o período 2014-2020, mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade beneficiaria deberá someterse, segundo a normativa europea que resulte de aplicación, ao cumprimento das seguintes obrigas:

I. Respectar as normas de subvencionabilidade do gasto financiado polo FSE, reguladas mediante os artigos 69 e 125 do Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 decembro de 2013, e o artigo 13 do Regulamento (UE) 1304/2013, do 17 de decembro de 2013, así como as que se diten no seu desenvolvemento para o período 2014-2020.

II. Cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

Así mesmo, as entidades beneficiarias informarán por escrito ás persoas destinatarias de que as actuacións nas que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Economía, Emprego e Industria), polo FSE e pola Iniciativa de Emprego Xuvenil, así como dos obxectivos dos fondos, debendo figurar os emblemas na documentación xerada con esta finalidade.

III. Utilizar os documentos de información ás persoas novas da subvención polo Fondo Social Europeo no modelo normalizado na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: http://emprego.ceei.xunta.gal/practicas-non-laborais. Este documento deberá ser presentado no prazo dun mes contado desde a notificación da resolución.

IV. Relacionadas cos sistemas de xestión e control e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma:

a) As entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados polo FSE e a Iniciativa de Emprego Xuvenil.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de acordo co establecido no artigo 140.1 do Regulamento 1303/2013.

c) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados previstos no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao FSE. Neste sentido, na súa cobertura deberá respectarse o principio de integridade dos datos.

Os indicadores de execución relativos á beneficiaria refírense á data inmediatamente anterior ao inicio das actuacións subvencionadas, mestres que os indicadores de resultado inmediato se deberán referir ao período comprendido entre o día posterior á finalización das actuacións e as catro semanas seguintes. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice esta actividade, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

d) Presentar ante a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, unha vez rematadas as prácticas non laborais, a seguinte documentación:

• Unha memoria final sobre as actividades realizadas e a práctica profesional adquirida polos traballadores e traballadoras contratados/as.

• Documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada a que se refire o punto 2.III.a) deste artigo: extracto da contabilidade que permita verificar como se contabilizaron os gastos, o cal deberá incluír contas ou subcontas, datas e números dos correspondentes asentos contables.

• Documentación acreditativa do cumprimento das obrigas en materia de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, ás que fai referencia o artigo 14.2.II) desta orde, mediante achegas de fotocopias da documentación utilizada, fotografías dos carteis expostos, indicación da páxina web, etc.

e) Presentar ante a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes desde o cobramento da subvención, o extracto bancario (orixinal ou copia compulsada) xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

f) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada ao abeiro do procedemento descrito no modelo dos sistemas de xestión e control da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou segundo criterios baseados no risco, realice persoal técnico da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Incumprimento de obrigas e reintegro

1. O incumprimento das obrigas establecidas na presente orde e demais normas aplicables, así como das condicións que se establecesen na correspondente resolución de concesión dará lugar á perda total ou parcial do dereito ao cobramento da subvención ou, logo do oportuno procedemento de reintegro, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida e os xuros de demora correspondentes.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe da perda do dereito ao cobramento da subvención ou do reintegro determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: perda/reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoitar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: perda/reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento das obrigas de presentación de documentación exixida para a xustificación dos gastos: no caso de que non se presente ningunha documentación procederá a perda/reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe da perda ou do reintegro será proporcional ao gasto non xustificado.

d) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 14.2.II.: perda/reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada establecida no artigo 14.2.IV.a): perda/reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 14.2.IV): perda/reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento da obriga de manter a persoa nova durante o tempo previsto no acordo de prácticas:

• Se a persoa nova só se mantén de 1 a 3 meses (inclusives) procederá a perda/reintegro da subvención do 100 %.

• A partir do 3º mes procederá unha perda/reintegro da subvención por un importe que será igual ao IPREM diario multiplicado polos días de incumprimento do acordo.

No caso de perda do dereito ao cobramento, a dita cantidade descontarase do importe liquidable da subvención.

h) O incumprimento da obriga de aboar mensualmente e mediante transferencia bancaria, o importe da bolsa que se establece no acordo, dará lugar á perda/reintegro:

• Se o número de mensualidades agrupadas é igual ou menor ao 50 % da duración do período establecido no acordo, dará lugar á perda/reintegro da subvención correspondente aos meses agrupados.

• Se o número de mensualidades agrupadas é maior ao 50 % da duración do período establecido no acordo, dará lugar á perda/reintegro do 100 % da subvención.

Non se aplicará a penalidade cando o incumprimento non sexa imputable á empresa, circunstancia que se acreditará documentalmente, e que será valorada pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

i) Incumprimento da obriga de comunicar a obtención doutras axudas ou subvencións:

• Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer o beneficiario, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas ou subvencións que financien as actuacións subvencionadas.

• Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade.

Artigo 16 Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Devolución voluntaria das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 4731 10063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte do beneficiario.

O ingreso realizarase segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación.

3. En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmaselle de que os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición se incorporarán ao ficheiro Formación (Servizo Público de Emprego) para o seu tratamento coa finalidade da xestión, avaliación, seguimento e estatística deste procedemento. A presentación da solicitude supón a cesión de datos persoais á Consellería de Economía, Emprego e Industria, Servizo Público de Emprego de Galicia por parte da entidade solicitante, polo que esta é responsable de informar as persoas novas sobre a exixencia e finalidade da cesión, así como da obtención do seu consentimento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, pódense exercer dirixindo un escrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria, Servizo Público de Emprego de Galicia como responsable do ficheiro, no enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña-España, ou no seguinte enderezo electrónico: lopd.industria@xunta.gal

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dxfondos@conselleriadefacenda

Disposición adicional primeira

As subvencións previstas nesta orde financiaranse co crédito do programa 09.41.323A.471.0, con código de proxecto 201500571 (230.854 euros que figuran na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2016 e 532.946 euros para o ano 2017).

A subvención das bolsas correspondentes aos meses dos anos 2015 e 2016 pagaranse con cargo a anualidade 2016 e as correspondentes aos meses do ano 2017 con cargo á anualidade 2017.

Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación para o emprego, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Unha vez esgotado o crédito nalgunha das anualidades, o órgano xestor deberá publicar o esgotamento da partida orzamentaria e a inadmisión de posteriores solicitudes, correspondentes á anualidade na que se esgotou o crédito.

Disposición adicional segunda

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposición adicional terceira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a concesión, denegación, modificación, reintegro, ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.

Disposición adicional cuarta

No non previsto nesta orde, será de aplicación o disposto no Real decreto 1543/2011, do 30 de outubro, polo que se regulan as prácticas non laborais en empresas.

Disposición adicional quinta

En cumprimento co disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira pimeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file