Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 18 de abril de 2017 Páx. 18188

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2017 sobre delegación de competencias en diversos órganos deste instituto.

Mediante o Decreto 118/2016, do 4 de agosto, créase o Instituto Galego do Consumo e da Competencia como integración do Instituto Galego de Consumo e o Consello Galego da Competencia, froito da autorización contida no artigo 38 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia é un organismo autónomo encadrado dentro das entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamiento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O dito organismo está adscrito á consellería competente en materia de consumo.

A actividade administrativa do Instituto Galego do Consumo e da Competencia implica unha concentración de funcións arredor do seu presidente que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias noutros órganos, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

O Decreto 118/2016, do 4 de agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, deroga o Decreto 60/2011, do 17 de marzo, polo que se desenvolve a estrutura organizativa do Consello Galego da Competencia, e o Decreto 184/2011, do 15 de setembro, polo que se establece a estructura orgánica do Instituto Galego de Consumo. Ao mesmo tempo, o dito Decreto 118/2016 establece a estructura do novo Instituto Galego do Consumo e da Competencia en diferentes órganos para o exercicio das súas competencias e o cumprimento dos fins que lle están encomendados.

Ademais de garantir as vantaxes da técnica da delegación de competencias, mediante a adopción desta resolución preténdese a clarificación, unificación e plena adaptación da dita delegación á nova estrutura organizativa do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Por isto, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 43.3 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia; o artigo 9 da Lei 40/2015, de outubro, de réxime xurídico do sector público; o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Delegación na Dirección

Deléganse na persoa titular da Dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia as seguintes competencias:

– Subscribir con entidades públicas e privadas convenios de colaboración excluidos da lexislación de contratos do sector público.

Artigo 2. Réxime xurídico da delegación de competencias

1. Os actos e resolucións administrativas ditados por delegación farán constar esta circunstancia, con referencia ao número e data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditados polo órgano delegante.

2. En calquera momento, a persoa titular da consellería poderá reclamar o exercicio das competencias que son delegadas por esta resolución.

3. En todo caso, quedan excluídos das delegacións contidas nesta resolución os supostos previstos no artigo 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia; no artigo 9.2 da Lei 40/2015, de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 44.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2017

Francisco José Conde López
Presidente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia