Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 22 de xuño de 2017 Páx. 30744

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2017 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2017/18, e de convocatoria da declaración de participación para o curso escolar 2018/19.

O Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados agrarios, prevé dous réximes de axudas destinados a mellorar a distribución de produtos agrarios no alumnado de centros escolares. O primeiro réxime refírese á distribución de produtos dos sectores das froitas e hortalizas, das froitas e hortalizas transformadas e do plátano (programa de consumo de froitas e hortalizas nas escolas) e o segundo á distribución de leite e de produtos lácteos (programa de consumo de leite nas escolas).

O Regulamento (UE) nº 2016/791 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de maio de 2016, polo que se modifican os Regulamentos (UE) nº 1308/2013 e (UE) nº 1306/2013 no que atinxe ao réxime de axudas para a distribución nos centros escolares de froitas e hortalizas, plátanos e leite, substitúe estes dous réximes por un único, con efectos a partir do curso escolar 2017/18. Este réxime único dota estas axudas dun marco xurídico e financeiro común, máis axeitado e efectivo, que maximice o impacto da distribución e aumente a eficacia na xestión dos programas escolares.

Xunto con este, o Regulamento (UE) nº 2016/795 do Consello, do 11 de abril de 2016, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1370/2013, establece medidas relativas á fixación das axudas e restitucións en relación coa organización común de mercados dos produtos agrícolas.

Finalmente, cómpre completar o marco normativo comunitario co Regulamento de execución (UE) nº 2017/39 da Comisión, do 3 de novembro de 2016, polo que se establecen normas de desenvolvemento do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que atinxe á axuda da Unión para a distribución nos centros escolares de froitas e hortalizas, plátanos e leite e, finalmente, co Regulamento delegado (UE) nº 2017/40 da Comisión, do 3 de novembro de 2016, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no relativo á axuda da Unión para a subministración de froitas e hortalizas, plátanos e leite nos centros escolares e se modifica o Regulamento delegado (UE) nº 907/2014 da Comisión.

Na actualidade segue existindo unha tendencia á baixa no consumo de froitas e hortalizas frescas e de leite, por iso os regulamentos establecen a necesidade de centrar a distribución de forma prioritaria nestes produtos. Así mesmo, deben realizarse esforzos para garantir a distribución de produtos locais e rexionais.

Para apoiar a distribución necesítanse medidas educativas de acompañamento que dean efectividade ao programa escolar na consecución dos seus obxectivos a curto e longo prazo, é dicir, aumentar o consumo dunha selección de produtos agrícolas e conseguir que a infancia adopte dietas máis saudables. Dada a importancia que revisten, estas medidas servirán de apoio tanto á distribución de froitas e hortalizas como á de leite nos centros escolares. Como medidas educativas de acompañamento que son, constitúen un instrumento esencial para conectar os nenos coa agricultura e a variedade de produtos agrícolas da Unión, en particular os producidos na súa zona, coa axuda, por exemplo, de expertos en nutrición e agricultores. As medidas de acompañamento representan un conxunto de actividades que son necesarias para asegurar e reforzar o obxectivo deste plan de consumo. Estas actuacións son obrigatorias para o desenvolvemento do plan.

En Galicia, a regulación da axuda recollida nesta resolución desenvolve a normativa básica estatal contida no Real decreto 511/2017, do 22 de maio, polo que se desenvolve a aplicación en España da normativa da Unión Europea en relación co programa escolar de consumo de froitas, hortalizas e leite, que establece as modalidades de aplicación da nova normativa da Unión Europea en relación cos plans escolares de consumo de froitas, hortalizas e leite.

Esta resolución regula no seu capítulo I as bases reguladoras para a tramitación e concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares, no seu capítulo II a convocatoria das axudas para o curso escolar 2017/18 e, no seu capítulo III, a convocatoria da apertura do prazo de presentación das declaracións de participación para o curso 2018/19.

É de aplicación para a tramitación e concesión de axudas nesta comunidade autónoma a Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, así como no que resulta de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, que regula os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e sancións administrativas.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), denominado así en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, e o Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria, corresponde ao dito organismo, entre outras funcións, a execución das accións necesarias para a aplicación da política agrícola común (PAC) no eido agrícola e gandeiro, respecto das axudas e subvencións con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), así como a execución de accións necesarias para o funcionamento das distintas organizacións de mercados e a mellora das estruturas agropecuarias.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das facultades previstas no artigo 2 da devandita Lei 7/1994,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas destinadas á subministración, incluída a loxística e repartición, ao alumnado de centros escolares na Comunidade Autónoma de Galicia de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo, recollidos na presente resolución.

2. Igualmente é obxecto desta resolución a convocatoria das ditas axudas para o curso escolar 2017/18 e a convocatoria da declaración de participación para o curso escolar 2018/19, consonte o disposto no Regulamento (UE) nº 2016/791 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de maio de 2016, polo que se modifican os Regulamentos (UE) nº 1308/2013 e (UE) nº 1306/2013 no que atinxe ao réxime de axudas para a distribución nos centros escolares de froitas e hortalizas, plátanos e leite, e no Regulamento (UE) nº 2016/795 do Consello, do 11 de abril de 2016, que modifica o Regulamento (UE) nº 1370/2013, polo que se establecen medidas relativas á fixación de axudas e restitucións en relación coa organización común de mercados dos produtos agrícolas, e os regulamentos que os desenvolven e complementan.

3. Esta axuda abrangue tres procedementos diferenciados. O procedemento MR265A, de declaración de participación no Programa escolar, o procedemento MR265B, de solicitude de axuda para a subministración de produtos aos centros escolares e o procedemento MR265C de solicitude do pagamento da axuda para a subministración de produtos aos centros escolares.

CAPÍTULO I
Bases reguladoras

Artigo 2. Persoas destinatarias

Será destinatario final da axuda o alumnado que asista regularmente aos centros ou establecementos escolares, administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes da Comunidade Autónoma de Galicia, que pertenza aos seguintes niveis de ensino:

a) Educación infantil.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria obrigatoria.

Artigo 3. Produtos que se subvencionan e restricións

1. Poderán ser obxecto de distribución no programa escolar os seguintes grupos de produtos:

a) Froitas frescas e castañas.

b) Leite líquido de consumo e as súas versións sen lactosa.

2. A axuda da Unión concederase unicamente para os produtos a que se refire o anexo I.

3. Os produtos non poderán ser obxecto de distribución no marco das comidas escolares.

4. Os produtos distribuídos serán sempre de excelente calidade. No caso das froitas frescas, serán preferentemente de tempada, atoparanse no seu grao óptimo de madureza de consumo e serán consumidas no seu estado natural, non poderán someterse a ningún procesamento, incluída a elaboración de zume. A castaña consumirase cocida ou asada.

5. Optarase preferentemente pola distribución de produtos da Comunidade Autónoma de Galicia que empreguen na súa obtención sistemas de produción sustentables e respectuosos co ambiente.

6. Os produtos recollidos no anexo I terán que cumprir, se for o caso, os requisitos do Regulamento (CE) nº 852/2004 e do Regulamento (CE) nº 853/2004 e, en particular, os relativos á preparación nun establecemento autorizado, así como os de marcación de identificación especificados na sección I do anexo II do Regulamento (CE) nº 853/2004.

Artigo 4. Períodos de subministración dos produtos, calendario de distribución e racións

1. A subministración nos centros escolares farase durante un ou os dous dos seguintes períodos de repartición autorizados:

1º período: de novembro de 2017 a febreiro de 2018 (ambos inclusive).

2º período: marzo a xuño de 2018 (ambos inclusive).

A distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo, para cada un dos períodos, durante 10 días lectivos consecutivos.

A distribución de leite líquido de consumo levarase a cabo, para cada un dos períodos, durante un mínimo de 20 días lectivos consecutivos e un máximo de 60.

2. A ración máxima de consumo por alumno/a e día é de:

a) Froitas frescas e castañas: 0,17 kg.

b) Leite líquido de consumo e as súas versións sen lactosa: 200 cc.

Para cada centro escolar admitirase unicamente un provedor por grupo de produto e período de repartición.

Artigo 5. Axuda da Unión para a subministración e a distribución de produtos

1. A axuda da Unión destinarase a financiar a subministración e distribución, incluída a loxística e repartición dos produtos subvencionables a que se fai referencia no artigo 3. O importe do IVE non será subvencionado coa axuda da Unión.

2. O importe aplicable ao produto en euros/kg para a subministración e distribución, incluídos os custos de loxística e repartición, será o establecido no anexo I.

Non obstante, cando as rutas de distribución supoñan máis de 350 quilómetros, poderase complementar o importe aplicable ao produto en euros/kg para cubrir gastos extra de transporte tal e como se establece na alínea c) do anexo I.

3. Os importes do anexo I, excepto os gastos extra de transporte, incrementaranse ata un máximo dun 20 % para produtos avalados por réximes de calidade recoñecidos pola UE, establecidos no Regulamento (UE) nº 1151/2012, do Parlamento e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, e no Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello, do 28 de xuño, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o Regulamento (CEE) nº 2092/91, ou dos réximes de calidade a que se refire o artigo 16, número 1, letras b) e c), do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo a axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello.

Artigo 6. Persoas solicitantes da axuda para a subministración e distribución dos produtos

1. Poderán solicitar a axuda as persoas físicas ou xurídicas que exerzan a actividade de produción e/ou comercialización dos produtos subvencionables determinados no artigo 3, cuxas empresas ou establecementos estean dados de alta no correspondente Rexistro Sanitario Oficial e que reúnan os requisitos establecidos nesta resolución.

2. Para os efectos da aplicación da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, será persoa beneficiaria da axuda unha persoa solicitante que fose aprobada para participar no Programa escolar.

3. Non poderán ser aprobados para a súa participación no programa nin, por tanto, concedérselles a axuda a aqueles que estean incursos nalgunha das causas de prohibición que impiden obter a condición de persoa beneficiaria previstas na normativa aplicable en materia de subvencións.

4. Para os efectos de xustificar o cumprimento dos requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas solicitantes asinarán unha declaración de cumprimento dos ditos requisitos.

Artigo 7. Declaración de participación no Programa escolar (código de procedemento MR265A)

1. As persoas interesadas que teñan a súa sede social en Galicia e que pretendan subministrar produtos no marco do Programa escolar deberán presentar unha declaración de participación de acordo co modelo do anexo II desta resolución.

2. O prazo para presentar as declaracións de participación para o curso escolar 2017/18 e 2018/19, será o establecido nos capítulos II e III respectivamente.

3. As declaracións presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes destas.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa declaración presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das declaracións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as declaracións presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. A declaración dirixirase ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), rúa dos Irmandiños s/n, Salgueiriños, 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 8. Documentación complementaria que se presentará coa declaración de participación

1. Xunto coa declaración, as persoas provedoras deberán achegar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva da estrutura técnica dispoñible que permita controlar a execución da actividade subvencionable e garantir o cumprimento dos obxectivos do programa, na cal consten polo menos:

– Instalacións necesarias para realizar a manipulación e o almacenamento dos produtos obxecto de subvención con carácter previo á súa distribución.

– Infraestrutura loxística (persoal, número de vehículos propios ou de terceiros e as súas características).

– Acreditación da experiencia da persoa solicitante relacionada coa distribución dos produtos.

b) Se for o caso, escritura de constitución e estatutos da sociedade ou asociación, e as súas modificacións.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o Fogga poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

De producirse cambios na documentación sinalada, a persoa solicitante terá a obriga de comunicalo no prazo de 1 mes desde que estes se producisen.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o Fogga poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da declaración. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da declaración, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da declaración e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos in-cluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa declarante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Alta no imposto sobre actividades económicas (IAE).

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no modelo de declaración e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Tramitación e resolución da declaración de participación

1. Á vista da declaración e documentación presentadas, a dirección do Fogga validará e comunicará ao Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) as declaracións de participación que cumpran os requisitos.

2. De acordo co artigo 9.3 do Real decreto 511/2017, o Fega elaborará e comunicará á Comunidade Autónoma de Galicia a lista de participantes aprobados, que terá validez en todo o territorio nacional.

3. A dirección do Fogga resolverá no prazo máximo de tres meses, unha vez rematado o prazo para presentar as declaracións de participación, e entenderanse estimadas por silencio positivo aquelas que non sexan resoltas e notificadas no devandito prazo, segundo o artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. A participación poderá ser suspendida por un período de un a doce meses, ou retirada, pola dirección do Fogga, en calquera momento, atendendo á gravidade da infracción, polo incumprimento dalgún dos compromisos asumidos pola persoa declarante ou pola existencia de irregularidades, logo de ponderar as circunstancias que concorran en cada caso. No suposto de retirada, transcorrido un período mínimo de, polo menos, doce meses, poderá concederse unha nova autorización, por instancia da persoa interesada, logo de valorar os antecedentes que motivaron a retirada da anterior.

5. A ordenación e a instrución deste procedemento corresponderán á Subdirección Xeral de Xestión da PAC do Fondo Galego de Garantía Agraria.

Artigo 11. Presentación e tramitación da solicitude de axuda (Código de procedemento MR265B)

1. Aqueles que foron aprobados para participar no Programa escolar presentarán a solicitude de axuda no correspondente servizo territorial do Fogga onde radiquen os centros escolares a que subministren. A solicitude presentarase no prazo establecido no capítulo II, na forma establecida no artigo 7.3 desta resolución, segundo o modelo de anexo III.

2. No caso de que os importes solicitados superen a contía das dispoñibilidades orzamentarias, reducirase proporcionalmente o seu importe.

3. Efectuados os controis pertinentes, os servizos territoriais do Fogga elevarán a oportuna proposta, a través da xefatura territorial, á dirección do Fogga, sobre as solicitudes de axuda presentadas, para que esta dite a correspondente resolución, entendéndose desestimadas por silencio negativo aquelas que non sexan resoltas e notificadas no prazo de 2 meses.

4. De darse o suposto establecido no punto 2, as persoas solicitantes da axuda que foran aprobadas deberán comunicar previamente ao Fogga as modificacións que pretendan realizar na distribución dos produtos da súa solicitude de axuda.

Artigo 12. Documentación complementaria que se presentará coa solicitude de axuda

1. Xunto coa presentación do anexo III de solicitude achegarase a seguinte documentación, tendo en conta o grupo de produto que se vaia distribuír:

a) Grupo de produto de froitas frescas e castañas:

– Anexo IIIA de aceptación de compromisos e certificación de datos do centro escolar.

– Anexo IIIB que contén unha relación en que figuran os datos correspondentes ao/os centro/s escolar/es.

b) Grupo de produto de leite líquido de consumo:

– Anexo IIIC de aceptación de compromisos e certificación de datos do centro escolar.

– Anexo IIID que contén unha relación en que figuran os datos correspondentes ao/os centro/s escolar/es.

2. No caso de subministrar produtos avalados polos réximes de calidade recollidos no artigo 5.3 desta resolución, o solicitante da axuda acreditará esta condición achegando a documentación acreditativa correspondente.

3. A persoa solicitante cubrirá a declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ás distintas administracións ou entes públicos para o mesmo proxecto, das concedidas por estas e doutros ingresos e recursos que financien as actividades subvencionadas, que se inclúe nesta solicitude.

4. A presentación da documentación complementaria farase nos termos establecidos no artigo 8.2 desta resolución.

Artigo 13. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Estar ao día nas obrigas tributarias co Estado.

b) Estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

c) Estar ao día nas obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Procedemento para o pagamento da axuda (código de procedemento MR265C)

1. As persoas provedoras solicitarán o pagamento da axuda conforme o modelo previsto no anexo IV da presente resolución, na forma establecida no artigo 7.3, e dirixirase ao Servizo Territorial do Fogga da provincia onde radiquen os centros escolares correspondentes.

2. A solicitude de pagamento presentarase nun prazo máximo de tres meses contados a partir do día seguinte ao remate do período de subministración correspondente.

Se o prazo de presentación da solicitude de pagamento se excede en menos de 60 días naturais, a axuda verase reducida como se indica a seguir:

a) Un 5 %, se o prazo se supera entre 1 e 30 días naturais.

b) Un 10 %, se o prazo se supera entre 31 e 60 días naturais.

Cando o prazo se exceda en máis de 60 días naturais, a axuda reducirase, ademais, nun 1 % por cada día adicional, calculado sobre o saldo restante.

3. A persoa solicitante cubrirá a declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ás distintas administracións ou entes públicos para o mesmo proxecto, das concedidas por estas e doutros ingresos e recursos que financien as actividades subvencionadas, que se inclúe nesta solicitude.

Artigo 15. Documentación complementaria que se presentará coa solicitude de pagamento da axuda

1. Xunto coa solicitude de pagamento, a persoa provedora achegará a seguinte documentación:

– O anexo IVA e/ou IVB, segundo corresponda tendo en conta o grupo de produto subministrado.

– Os correspondentes recibos ou facturas das cantidades de produtos efectivamente subministradas ou distribuídas.

– Certificado do centro escolar en que figuren o número de alumnos/as matriculados ao comezo do curso escolar e o número de alumnos/as participantes na liña de axuda, coas cantidades efectivamente subministradas por nivel de ensino e produto subministrado.

2. No caso de subministrar produtos avalados polos réximes de calidade recollidos no artigo 5.3 desta resolución, o solicitante da axuda acreditará esta condición achegando a documentación acreditativa correspondente.

3. A presentación da documentación complementaria farase nos termos establecidos no artigo 8.2 desta resolución.

Artigo 16. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Estar ao día nas obrigas tributarias co Estado.

b) Estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

c) Estar ao día nas obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 17. Controis

1. O Fogga establecerá un plan de controis co obxecto de garantir o cumprimento da normativa aplicable a esta axuda, de acordo co establecido nos artigos 9 e 10 do Regulamento de execución (UE) nº 2017/39 da Comisión, do 3 de novembro de 2016.

2. Levaranse a cabo controis administrativos a todas as solicitudes, que incluirán a comprobación dos xustificantes previstos en relación coa distribución dos produtos. Tamén se realizarán controis sobre o terreo nas instalacións do solicitante, que se complementarán con controis nas instalacións dos centros escolares incluídos na listaxe da persoa solicitante.

Artigo 18. Irregularidades

1. A existencia de irregularidades na calidade dos produtos subministrados, a distribución incorrecta a todo o alumnado participante (lugar, horario, forma e produto), a superación das racións máximas de consumo por alumno/a e día lectivo, a falsidade de datos, a desviación dos produtos do seu destino e, en xeral, calquera impedimento, total ou parcial, para que a axuda repercuta directamente en beneficio do alumnado, poderá implicar a suspensión ou retirada da participación de acordo co previsto no artigo 10.4 desta resolución, sen prexuízo das responsabilidades de calquera tipo en que puideren incorrer as persoas responsables do centro escolar e/ou a persoa provedora.

2. Sen prexuízo do anterior, a existencia de calquera irregularidade na execución na liña de axuda prevista nesta resolución poderá dar lugar á denegación ou minoración da axuda solicitada.

3. As medidas previstas nos dous números anteriores non se aplicarán nos supostos de forza maior, así como nos casos en que se determine que as irregularidades non se cometeron deliberadamente ou por neglixencia, sen prexuízo dos apercibimentos e inspeccións que correspondan.

Artigo 19. Tramitación e resolución das solicitudes de pagamento

1. Efectuados os controis pertinentes, os servizos territoriais do Fogga elevarán a oportuna proposta, a través da xefatura territorial, á dirección do Fogga, sobre as solicitudes de pagamento presentadas, para que esta dite a correspondente resolución.

2. O prazo máximo para emitir a resolución e realizar o pagamento será de tres meses contados a partir do día de presentación da solicitude de pagamento válida e completa, a menos que se iniciasen investigacións administrativas.

3. A falta de resolución expresa no prazo anterior implica que as solicitudes presentadas se entenderán desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 20. Compatibilidade das subvencións

O importe da axuda concedida non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere o custo dos produtos obxecto de subvención.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta resolución e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 22. Reintegro da axuda

Para a recuperación dos importes pagados indebidamente, será de aplicación mutatis mutandis o artigo 7 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014.

De conformidade co disposto no artigo 8 do Regulamento delegado (UE) nº 2017/40 da Comisión, do 3 de novembro de 2016, no caso de incumprimento das obrigas establecidas en virtude do programa escolar, excepto as establecidas no artigo 64.2 letras a) a d) do Regulamento (UE) nº 1306/2013, a persoa solicitante, ademais de devolver os importes pagados indebidamente, pagará unha sanción administrativa equivalente á diferenza entre o importe exixido inicialmente e o importe a que teña dereito.

Artigo 23. Recursos administrativos

1. Contra as resolucións ditadas en aplicación desta resolución pola Dirección do Fogga poderase interpoñer recurso de alzada ante a Presidencia do dito organismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 112, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Se a resolución non for expresa, poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 24. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos correspondentes do Fogga, as persoas beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 25. Publicidade sobre a distribución de produtos nos centros escolares

Os centros escolares que participen no Programa escolar deberán publicitar, na entrada principal do centro e nun lugar onde se poida ver e ler claramente, que este está subvencionado pola Unión europea, mediante os carteis elaborados e facilitados polo Fogga.

CAPÍTULO II
Convocatoria das axudas para o curso escolar 2017/18

Artigo 26. Axudas obxecto da convocatoria

Mediante a presente resolución convócanse para o curso escolar 2017/18 as axudas para a subministración ao alumnado de centros escolares dos produtos sinalados no anexo I da presente resolución.

Artigo 27. Declaración de participación como persoa provedora

1. As persoas solicitantes cuxa sede social radique na Comunidade Autónoma de Galicia e pretendan participar no Programa escolar deberán solicitalo ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), segundo o modelo que figura no anexo II no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación no Boletín Oficial del Estado do Real decreto 511/2017, polo que se desenvolve a aplicación en España da normativa da Unión Europea en relación co programa escolar de consumo de froitas, hortalizas e leite. O prazo remata o día 26 de xuño de 2017 (inclusive).

2. As persoas solicitantes deberán achegar a documentación referida no artigo 8.1 desta resolución.

Artigo 28. Solicitude de axuda

As persoas solicitantes que foron aprobadas para participar no Programa escolar solicitarán a axuda antes do 15 de setembro de 2017 e asumirán os correspondentes compromisos, segundo o disposto no artigo 12 desta resolución.

Artigo 29. Solicitudes de pagamento

As solicitudes de pagamento presentaranse na forma e prazo dispostos no artigo 14 desta resolución.

Artigo 30. Axuda da Unión

Estas axudas fináncianse con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).

De conformidade co establecido no artigo 5 desta resolución, o importe aplicable para cada produto será o indicado no anexo I. O imposto sobre o valor engadido (IVE) non será subvencionado coa axuda da Unión.

Artigo 31. Financiamento

1. Esta convocatoria finánciase con cargo á aplicación orzamentaria 13.80.713F.779.0 do orzamento de gastos do Fondo Galego de Garantía Agraria para o curso 2017/18, polo importe máximo de 1.010.357 €, segundo as seguintes anualidades:

Ano 2017: 252.589,25 €.

Ano 2018: 757.767,75 €.

2. En todo caso, a concesión da axuda condicionarase á existencia de crédito adecuado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias, e debe procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito, no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

3. As ditas dotacións orzamentarias poderán incrementarse, se for procedente, con outros fondos procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía, dos orzamentos xerais do Estado e da comunidade autónoma. Neste suposto tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

Artigo 32. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 33. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán presentalas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 34. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Fogga publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO III
Convocatoria da declaración de participación para o curso escolar 2018/19

Artigo 35. Obxecto da convocatoria

Mediante a presente resolución convócase a apertura do prazo para presentar as declaracións de participación para o curso escolar 2018/19.

Artigo 36. Declaración de participación como persoa provedora

1. As persoas solicitantes cuxa sede social radique na Comunidade Autónoma de Galicia e pretendan participar no Programa escolar deberán solicitalo ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), segundo o modelo que figura no anexo II o máis tardar o 15 de setembro de 2017.

2. As persoas solicitantes deberán achegar a documentación referida no artigo 8.1 da presente resolución.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento cuxo tratamento e publicación nos casos en que así o prevé a norma reguladora autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería do Medio Rural/Fondo Galego de Garantía Agraria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa dos Irmandiños, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dereitosarco.fogga@xunta.gal

Disposición adicional segunda. Normativa aplicable

Para todo o non previsto nesta resolución será de aplicación a sección I do capítulo II do título I da parte II do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e as súas normas de desenvolvemento e aplicación, así como o Real decreto 511/2017, do 22 de maio, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, e o seu Regulamento, aprobado mediante o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e tamén a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009.

Disposición transitoria. Plans escolares en funcionamento con anterioridade ao curso escolar 2017/18

A Resolución do 26 de decembro de 2016 seguirá sendo de aplicación para o Plan escolar de consumo de leite nas escolas nos cursos escolares anteriores ao curso 2017/18, ata que os ditos plans finalicen.

Disposición derradeira

A presente resolución terá efectos ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación para o curso escolar 2017/18 e 2018/19.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2017

Belén María do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria

ANEXO I
Importe aplicable ao produto en euros/kg

a) Froitas frescas e castañas.

Produto

Importe aplicable ao produto (€/kg)

Albaricoque

3,70

Ameixa

2,69

Amorodo

3,75

Caqui

2,25

Castaña

6,00

Cereixa

4,74

Clementina

2,72

Figo fresco

4,38

Froitas tropicais (chirimoia, mango, papaia...)

2,62

Froitos vermellos (framboesa, arando, grosella...)

12,87

Granada

2,70

Kiwi

2,99

Laranxa

1,98

Mandarina

2,02

Mazá

1,88

Melón

2,99

Nectarina

2,56

Néspera

3,92

Paraguaio

2,97

Pera

2,19

Pexego

2,41

Plátano

1,46

Sandía

1,16

Uva

3,23

b) Leite líquido de consumo e as súas versións sen lactosa.

Produto

Importe aplicable
ao produto (€/kg)

1.1

Leite tratado termicamente (pasterizado)

1,30

1.2

Leite tratado termicamente (os demais) en envases de 200 cc

1,34

1.3

Leite tratado termicamente (os demais) en envases distintos de 200 cc

0,95

1.4

Leite tratado termicamente. Sen lactosa. En envases de 200 cc

1,36

1.5

Leite tratado termicamente. Sen lactosa. En envases distintos de 200 cc

0,96

c) Transporte.

Traxecto total da ruta de distribución

Axuda complementaria para gastos
de transporte (€/kg)

Máis de 350 km pero menos de 500 km

0,0726

Máis de 500 km pero menos de 750 km

0,0953

Máis de 750 km

0,1083

Suplemento por transporte frigorífico

0,0085

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file