Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Sábado, 18 de maio de 1996 Páx. 4.687

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Deportes Minusválidos Físicos.

Visto os estatutos da Federación Deportiva Galega de Minusválidos Físicos e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria de 16-12-1996.

Visto o informe da sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte, e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Deportes Minusválidos Físicos

Capítulo I

Denominación, finalidade e domicilio social

Artigo 1º

A Federación Galega de Deportes Minusválidos Físicos, en adiante a FGDMF, é unha entidade asociativa privada de utilidade pública, sen ánimo de lucro, con patrimonio propio e independente dos seus asociados, e integrada polos clubs, deportistas, técnicos, xuíces, árbitros e outros colectivos interesados que promovan, practiquen o contribúan ó desenvolvemento do deporte de minusválidos físicos.

Artigo 2º

A FGDMF é unha entidade con personalidade xurídica propia e con capacidade de obrar, para o cumprimento dos seus fins e, ademais das súas propias atribucións, exerce por delegación funcións públicas de carácter administrativo, actuando neste caso como axente colaborador da Administración autonómica e local.

Artigo 3º

A FGDMF regularase por estes estatutos, polos seus propios regulamentos, e no non disposto, polas disposicións legais vixentes.

Artigo 4º

A FGDMF ten a competencia exclusiva do deporte de minusválidos físicos na Comunidade Autónoma galega, para o cal desenvolverá as seguintes funcións:

a) A promoción e divulgación da práctica de calquera modalidade deportiva, como medio rehabilitador e integrador do minusválido físico.

b) Elaborar programas de promoción xeral de deporte de minusválidos físicos.

c) Colaborar coas administracións públicas na formación de técnicos deportivos, e na prevención, control e represión do uso de substancias prohibidas e da violencia no deporte.

d) Organizar e dirixir en exclusiva as competicións de carácter oficial que se celebren dentro de seu ámbito territorial, de acordo coas normas e regulamentos autonómicos, nacionais e internacionais que lle sexan de aplicación. Expedirán para estes efectos as correspondentes licencias deportivas.

e) Representar a Galicia nas actividades e competicións deportivas de carácter estatal e internacional, organizando as seleccións autonómicas.

f) Exerce-lo control das subvencións oficiais que se asignen ás asociacións e entidades deportivas nas condicións que regulamentariamente se establezan.

g) Exerce-la potestade disciplinaria deportiva sobre todas aquelas persoas ou entidades que, achándose federadas, desenvolvan o deporte de minusválidos físicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Executa-las resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Artigo 5º

O domicilio social fíxase en Vigo, rúa Marqués de Valladares 23, e poderá ser trasladado a outro lugar dentro do territorio de Galicia, co voto favorable da asemblea xeral.

Capítulo II

Organización territorial

Artigo 6º

A FGDMF ten como ámbito de actuación o territorio autonómico de Galicia.

Capítulo III

Órganos de goberno e representación

Seccion 1ª

Normas xerais

Artigo 7º

a) Son órganos de goberno e representación da FGDMF a asemblea xeral e o presidente. No seo da asemblea xeral constitúese a comisión delegada, de asistencia a ela.

b) Son órganos complementarios dos de goberno e representación o secretario e a xunta directiva.

O presidente poderá nomear un tesoureiro, para súa asistencia.

Serán órganos electivos o presidente, a asemblea e a súa comisión delegada. Os membros dos demais órganos serán designados e separados libremente polo presidente.

Artigo 8º

Os nomeamentos ou renovacións dos membros dos órganos de goberno e representación, dos órganos complementarios e dos comités que puidesen crearse dentro da FGDMF, deberán ser comunicados a tódolos membros da asemblea xeneral e á Secretaría Xeral para o Deporte nun prazo máximo de 15 días a partir da data do nomeamento.

Sécción 2ª

Asemblea xeral

Artigo 9º

A asemblea xeral é o órgano superior da FGDMF no que están representados os seguintes estamentos:

a) Deportistas

b) Entidades deportivas inscritas na FGDMF e no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

c) Xuíces e árbitros.

d) Técnicos.

Artigo 10º

1. Na asemblea xeral teñen a consideración de electores e elixibles en representación dos estamentos recollidos no artigo anterior:

a) Os deportistas maiores de idade e en pleno exercicio dos seus dereitos civís, que teñan licencia

en vigor, expedida ata o momento da convocatoria das eleccións e a tivesen durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades de carácter oficial. Naquelas modalidades onde non exista competición ou actividade do dito carácter bastará estar en posesión da licencia federativa e os requisitos de capacidade mencionados.

b) As entidades deportivas inscritas nas mesmas circunstancias que as sinaladas no apartado anterior.

c) Os técnicos con titulación oficialmente recoñecida, xuíces e árbitros, así mesmo en idénticas circunstancias ás sinaladas no así mesmo citado parágrafo a).

2. Os membros da asemblea xeral formarán parte dela mentres cumpran os requisitos polos que foron elixidos no seu respectivo estamento. Se se produce unha vacante será cuberta co seguinte candidato máis votado.

Artigo 11º

1. A representación na asemblea xeral dos distintos estamentos, de acordo co establecido no artigo 11º, responderá ás seguintes proporcións:

-Entidades deportivas, o 70%.

-Deportistas, o 20%.

-Técnicos, o 5%.

-Xuíces e árbitros, o 5%.

2. O número de membros da asemblea xeral fixarase na convocatoria de eleccións a ela.

Artigo 12º

Correspóndelle á asemblea xeral, en reunión plenaria:

a) A aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.

b) A aprobación do calendario deportivo e das bases e regulamentos de competición.

c) A aprobación dos regulamentos.

d) A aprobación e modificación dos seus estatutos.

e) A elección e cesamento do presidente

f) A extinción ou disolución da federación.

Artigo 13º

1. As reunións da asemblea xeral axustaranse ó seguinte réxime:

a) A asemblea xeral reunirase unha vez ó ano, necesariamente antes de comeza-la nova tempada deportiva, en sesión ordinaria para os fins da súa competencia e como mínimo para a aprobación do novo orzamento e liquidación do anterior, aprobación do calendario deportivo e das bases ou regulamentos que rexerán a competición e para a aprobación da memoria de actividades anuais.

b) As demais reunións terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente, ou por

proposta dun número de membros da asemblea superior ó 25%.

c) Presentada a solicitude de convocatoria por un número de membros suficiente, o presidente deberá convocala necesariamente no prazo de 10 días naturais. Desde a convocatoria ata a data de celebración da asemblea no poderán transcorrer máis de 20 días naturais.

d) A convocatoria, que deberá conte-la orde do día da reunión, farase pública no taboleiro de anuncios da FGDMF con 10 días de antelación á data da celebración. En todo caso notificarase individualmente a cada un dos membros da asemblea, por calquera medio que permita ter constancia da data de recepción dela, cunha antelación mínima de 48 horas.

e) A asemblea xeral quedará validamente constituída cando concorran na primeira convocatoria a metade máis un dos seus membros, e na segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, calquera que sexa o número de asistentes.

f) Os acordos das asembleas serán reflectidos no libro de actas delas, e adoptaranse por maioría simple, coa excepción das de carácter extraordinario, que necesitarán a maioría de 2/3 do número total de membros da asemblea xeral.

2. O voto será persoal. Non se admitirá a delegación de voto agás o correspondente ás entidades deportivas, que poderá exercelo o seu presidente ou a persoa na que el delegue, sempre que non sexa membro da asemblea da FGDMF, de acordo cos seus propios estatutos con carácter expreso e escrito para cada reunión. Ninguén poderá ostentar máis de unha delegación de voto.

Artigo 14º

1. Os seus membros serán elixidos cada catro anos, por sufraxio ligre, igual, directo e secreto entre e polos compoñentes de cada estamento, de acordo coa proporción establecida nos presentes estatutos, coincidindo cos anos dos Xogos Olímpicos de inverno, excepto que concorran causas excepcionais que deberán ser autorizadas pola Secretaría Xeral para o Deporte a través do Diario Oficial de Galicia na correspondente resolución.

2. A asemblea xeral poderá reunirse en pleno ou en comisión delegada.

Sección 3ª

Comisión delegada

Artigo 15º

1. A comisión delegada será elixida entre e pola asemblea xeral mediante sufraxio entre os seus membros. O seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

2. O número de membros da comisión delegada será do 15% dos membros da asemblea xeral. En ningún caso este número será inferior a 5 nin superior a 15.

3. Se se producise algunha vacante, cubriríase co seguinte candidato máis votado.

4. O presidente convocará a comisión delegada, que se reunirá, como mínimo, cada 4 meses para os fins da súa competencia e polo menos para realiza-lo seguimento da xestión deportiva e económica da FGDMF.

Artigo 16º

Correspóndelle á comisión delegada da asemblea xeral:

a) A elaboración dun informe previo á modificación dos estatutos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e dos regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica.

e) As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a propia asemblea xeral estableza. A proposta sobre os temas que se van tratar na comisión delegada corresponde exclusivamente ó presidente ou a dous tercios dos membros da comisión delegada.

Sección 4ª

O presidente

Artigo 17º

1. O presidente é o órgano executivo da FGDMF. Ostenta a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación, e executa os acordos destes.

2. Será elixido cada catro anos por sufraxio libre, igual, directo e secreto polos membros da asemblea xeral, coincidindo cos anos dos Xogos Olímpicos de inverno, agás que concorran causas excepcionais que deberán ser autorizadas pola Secretaría Xeral para o Deporte a través da publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente resolución.

3. Os candidatos, que poderán non ser membros da asemblea xeral, deberán avala-la presentación da súa candidatura mediante a sinatura de, polo menos, o 10% dos membros da asemblea.

4. Será elixido presidente o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos emitidos. No caso de que ningún candidato alcance esta maioría procederase a unha segunda votación entre os dous candidatos máis votados, resultando elixido o que obteña a maioría de votos.

5. O presidente gozará de voto de calidade, no caso de empate, naquelas decisións que deban adopta-los órganos que preside.

6. Para poder ser candidato a presidente ou membro da xunta directiva da FGDMF, haberá que reuni-las condicións seguintes:

a) Te-la condición política de galego segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.

b) Ser maior de idade.

c) Estar en pleno uso dos dereitos civís.

d) Non ter incorrido en ningunha sanción deportiva que o inhabilite.

7. A persoa que resulte elixida como presidente ten que cesar en todo tipo de actividades técnicas e directivas no deporte de minusválidos físicos dentro do ámbito territorial da FGDMF.

8. O presidente cesará nas súas funcións:

a) Por cumprimento do prazo para o que foi elixido.

b) Por demisión.

c) Polo voto de censura acordado por dous tercios da asemblea xeral mediante escrito presentado na FGDMF por polo menos un 25% dela, convocando asemblea xeral extraordinaria coa dita moción como único punto do día, así como a proposta dun candidato alternativo á presidencia. Quedará aprobada a moción de censura e proclamado o candidato alternativo cando así se vote pola maioría de 2/3 da asemblea xeral. Se a dita moción non prosperase, non poderá presentarse unha nova dentro do período mínimo dun ano.

d) Polas demais causas que determinen as leis.

Nos sopostos b) c) e d) a asemblea designará a persoa que se fará cargo de dirixi-la convocatoria de eleccións a presidente, no prazo máximo dun mes.

Sección 5ª

Xunta directiva

Artigo 18º

1. A xunta directiva será o órgano colexiado de xestión da FGDMF; os seus membros son designados e separados libremente polo presidente, que a presidirá.

2. Formarana un número de membros non inferior a 5 nin superior a 15.

3. Os membros da xunta directiva que non o sexan da asemblea xeral terán acceso ás sesións dela, con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 19º

Tódolos cargos son honoríficos e, en caso extraordinario, cando se estableza unha compensación económica xustificada a favor dalgún dos membros da xunta directiva, ten que ser expresamente acordada por maioría absoluta da asemblea xeral e constar de maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a FGDMF.

Sección 6ª

O secretario e o tesoureiro

Artigo 20º

O presidente nomeará a un secretario, que será membro da xunta directiva, o cal exercerá as fun

cións de fedatario e asesor, e máis especificamente terá as seguintes atribucións:

a) Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación da federación, con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado. Os votos contrarios ó acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirán das responsabilidades que puidesen derivarse, se fose o caso, dos acordos dos órganos colexiados.

b) Expedi-las certificacións oportunas dos acordos dos órganos de goberno e representación.

c) Remitir á Secretaría Xeral para o Deporte as actas das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada no prazo de 15 días desde a data da súa celebración.

d) Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da FGDMF ou lle sexan delegadas polo presidente.

Artigo 21º

O tesoureiro da FGDMF é o órgano de administración dela.

Exercerá como funcións propias:

a) Leva-la contabilidade da federación.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

c) Elaborar e presentar balances á comisión delegada do estado contable da federación.

d) Calquera outra función que lle encomenden os regulamentos da federación.

No caso de non nomear tesoureiro, o presidente será o responsable de exercer estas funcións, podendo delegalas na persoa que considere oportuno.

Capítulo IV

Comités

Artigo 22º

1. Na FGDMF poderán constituírse cantos comités se consideren necesarios.

2. Cando os comités atendan ó desenvolvemento dunha modalidade deportiva específica, a designación dos seus presidentes recaerá sobre o presidente da FGDMF, por proposta dos colectivos ou estamentos interesados. Nos regulamentos federativos fixarase o funcionamento, composición e competencias destes comités.

Artigo 23º

No seo da FGDMF constitúese un comité de xuíces e árbitros; o seu presidente será designado polo presidente da FGDMF. Este comité poderá adopta-la estructura territorial da federación.

Artigo 24º

Serán funcións deste comité:

a) Establece-los niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente, en función dos criterios prefixados pola asemblea xeral, ós xuíces e árbitros,

propoñendo á xunta directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaranse á asemblea xeral.

c) Propoñe-los candidatos a xuíces ou árbitros nacionais.

d) Propoñer á xunta directiva as normas administrativas que regulan a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

e) Designa-los colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da federación na formación de xuíces e árbitros.

Capítulo V

Réxime económico

Artigo 25º

1. O orzamento, que non será deficitario, deberá elaborarse anualmente, e a súa aprobación correspóndelle á asemblea xeral.

2. A FGDMF ten o seu propio réxime de administración e xestión de orzamento e patrimonio, e sonlles de aplicación, en todo caso, as seguintes normas:

a) Poderá promover e organizar actividades e competicións deportivas dirixidas ó público, e deberá aplica-los beneficios económicos, se os houbese, ó desenvolvemento do seu obxecto social.

b) Poderá gravar e allea-los seus bens inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, sempre que os ditos negocios xurídicos no comprometan de modo irreversible o patrimonio da entidade ou do seu obxecto social. En todo caso, cando a súa contía supere o 25% do orzamento anual da federación, ademais do acordo da asemblea xeral, será imprescindible informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte. Cando se trate de bens inmobles que fosen financiados en todo ou en parte con fondos públicos da Comunidade Autónoma galega, será preceptiva a autorización da Secretaría Xeral para o Deporte para o seu gravame ou alleamento.

c) Poderase exercer, complementariamente, actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servicios e destina-los seus bens e recursos ós mesmos obxectivos deportivos, pero en ningún caso poderá repartir beneficios entre os seus membros.

d) Non se poderán comprometer gastos de carácter plurianual, no seu período de mandato, sen autorización previa da Secretaría Xeral para o Deporte, cando o gasto anual comprometido supere o 10% do seu orzamento ou pase do período de mandato do presidente.

Artigo 26º

A FGDMF elaborará unha memoria na que se incluirá a liquidación do orzamento que analizará fielmente a actividade económica da federación, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos que se vaian desenvolver, e informar separadamente como mínimo sobre os seguintes aspectos:

Artigo 27º

1. Diferenciación dos ingresos e contribucións segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou contribucións privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos para servicios prestados pola federación, permisos, licencias e outros.

f) Ingresos financeiros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguindo como mínimo os grupos de custo ou investimentos seguintes:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva, incluíndo viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Actividades rehabilitadoras e de integración social.

g) Construccións e outros inmobilizados.

h) Formación de deportistas e técnicos.

i) Deportes de élite e profesionais

j) Árbitros

k) Órganos xurisdiccionais

3. Tamén:

a) O importe das obrigacións de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

b) O importe das garantías e os avais comprometidos.

4. A liquidación do orzamento, que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.

Artigo 28º

Por requerimento da Secretaría Xeral para o Deporte, nas condicións que esta determine, a FGDMF sométese á inspección do seu réxime documental: libro de actas dos órganos de goberno e representación, libro de contabilidade, libro de

rexistro de clubs e libro de inventario dos bens mobles e inmobles; así como auditorías financeiras sobre a totalidade dos seus gastos.

Artigo 29º

As contas anuais e os orzamentos teñen que estar no domicilio social da FGDMF cunha antelación mínima de 15 días á celebración da asemblea, á disposición das persoas ou entidades con dereito a voto, as cales poderán pedir copia, que se lles entregará antes da celebración da asemblea.

Artigo 30º

En caso de disolución da FGDMF, o seu patrimonio neto, se o houbese, aplicarase á realización de actividades análogas; a Secretaría Xeral para o Deporte determinará o seu destino concreto.

Capítulo VI

Escola galega

Artigo 31º

A Escola Galega de Deportes Minusválidos Físicos, en adiante a Escola, é un estamento constituído baixo os auspicios da dita federación, constituíndo un estamento dentro da FGDMF, con capacidade de obrar dentro do marco dos presente estatutos.

Artigo 32º

1. A Escola é unha entidade especializada na ensinanza do deporte de minusválidos físicos, o mesmo tempo que procurará dentro da dita actividade, a súa promoción, especialmente a nivel divulgativo, a través de cursos ou publicacións de calqueira tipo.

2. Ocuparase da formación de deportistas e técnicos de cara á obtención das titulacións que marca a lei e as propias da FGDMF.

3. A Escola ten potestade para crea-las súas propias publicacións e para a ensinanza, tanto teórica como práctica das modalidades deportivas amparadas na FGDMF ou que nun futuro desenvolva.

4. A Escola situarase nas intalacións da propia FGDMF, sin prexuízo de poder trasladarse a outras dependencias se as circunstancias así o aconsellan.

5. A Escola poderá expedir aquelas titulacións que por lei sexan potestade da FGDMF, ou outras de propia creación, sempre que estas non atenten contra a lexislación vixente nesta materia.

Artigo 33º

1. A Escola da FGDMF contará como mínimo cos seguintes cargos:

-Un director

-Un secretario

-Un tesoureiro

2. O director da Escola será nomeado polo presidente da FGDMF libremente entre persoas que non ostenten ningún cargo directivo nin técnico en ningún club ou entidade deportiva da FGDMF nin sexa deportista en activo. O director da Escola será

libre a súa vez para elixi-lo resto dos cargos que comporán seu equipo de traballo. Así mesmo será quen seleccione o profesorado e os colaboradores, fixos ou temporais, no número que considere necesario.

3. A dirección da Escola será potestade de seu director, quen á súa vez presentará periodicamente o informe de actividades e económico ó presidente da FGDMF.

4. O cambio ou cesamento do director decidirao o presidente da FGDMF, en cal caso cesará todo o equipo nomeado polo director saínte, quen deberá entregar un peche de contas, inventario e informe de actividades en curso ó director entrante.

Artigo 34º

1. A Escola terá unha asignación anual por parte dos orzamentos xerais da FGDMF.

2. A Escola poderá buscar recursos propios, a través do cobro de súas actividades, ou por outras vías, sempre que estas non estean en contraposición co estipulado nestes estatutos, ou como consecuencia das leis vixentes.

3. A Escola porá o seu material de ensinanza e formación á disposición da FGDMF cando esta o solicite para a celebración dalgunha proba ou competición; tamén poderá facelo a outras entidades ou federacións, para o que poderá establecer uns cargos que reverterán na propia Escola, para beneficio e mellora de súas actividades.

4. A Escola poderá adquirir material de competición e seleccionar un número de persoas que fagan uso deportivo do dito material, perante o período de tempo que o director da Escola considere necesario. Será totalmente independente na edición de calquera publicación periódica ou especial relacionada coa divulgación do deporte de minusválidos físicos, elixindo libremente as colaboracións fixas ou puntuais para tal efecto. Poderá crear e aprobar de forma independente regulamentos de réxime interno, sempre que non alteren o réxime estatutario propio da FGDMF.

Capítulo VII

Clubs e seccións deportivas afiliadas á FGDMF

Artigo 35º

Enténdese por entidade de deportes de minusválidos físicos baixo a forma de club e sección deportiva, a constituída ó amparo das disposicións vixentes, que teña por fin primordial practicar deporte entre os minusválidos físicos de acordo co disposto nestes estatutos.

Artigo 36º

As entidades afiliadas á FGDMF e recoñecidas conforme as leis vixentes, sométense ó réxime de orzamento e patrimonio propios e, no caso de disolución, o seu patrimonio neto reverte á colectividade, de acordo co establecido na lexislación civil e na administrativa.

Artigo 37º

Toda entidade ou sección de deportes de minusválidos físicos pertencente á FGDMF poderá rexistrarse na Federación Española de Deportes de Minusválidos Físicos.

Artigo 38º

Poderán causar baixa na FGDMF as entidades ou seccións que denoten falta de actividade durante un ano natural, e por incumprimento das obrigas estatutarias ou económicas da federación.

Capítulo VIII

Réxime disciplinario

Artigo 39º

1. O ámbito da disciplina deportiva, cando se trate de actividades ou competicións de ámbito autonómico, esténdese ás infraccións de regras de xogo ou competición e normas xerais deportivas.

2. Son infraccións das regras de xogo ou competición as accións ou omisións que, durante o curso do xogo ou competición, vulneren, impidan ou perturben seu normal desenvolvemento.

Son infraccións ás normas xerais deportivas as demais accións ou omisións que sexan contrarias ó disposto nas ditas normas.

Artigo 40º

1. A potestade disciplinaria atribúelles ós seus titulares lexítimos a facultade de investigar e, se é o caso, sancionar ou corrixi-las persoas ou entidades sometidas á disciplina deportiva, segundo as súas respectivas competencias.

2. O exercicio da potestade disciplinaria deportiva corresponderá:

a) Os xuíces ou árbitros, durante o desenvolvemento dos encontros ou probas, con suxeicción ás regras establecidas nas disposicións de cada modalidade deportiva.

b) Os clubs deportivos, sobre seus socios ou asociados, deportistas ou técnicos e directivos ou administradores.

c) Á FGDMF, sobre tódalas persoas que forman parte da súa propia estructura orgánica: os clubs deportivos e seus deportistas, técnicos e directivos; os xuíces e árbitros, e, en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolvan a actividade deportiva correspondente no ámbito autonómico.

d) Ó Comité Galego de Disciplina Deportiva, sobre as mesmas persoas e entidades que a FGDMF e sobre esta e os seus directivos.

Artigo 41º

1. Consideraranse infraccións moi graves ás regras de xogo ou competición ou ás normas deportivas xerais, as seguintes:

a) Os abusos de autoridade.

b) Os quebrantamentos de sancións impostas.

c) As actuacións dirixidas a predeterminar, mediante prezo, intimidación ou simples acordos, o resultado dunha proba ou competición.

d) A promoción, incitación, consumo ou utilización de substancias ou grupos farmacolóxicos prohibidos polo Consello Superior de Deportes, de conformidade co disposto nos convenios internacionais, así como a negativa a someterse ós controis esixidos por órganos e persoas competentes, ou calquera acción ou omisión que impida ou perturbe a correcta realización dos ditos controis.

e) Os comportamentos, actitudes e xestos agresivos e antideportivos de xogadores, cando se dirixan ó árbitro, a outros xogadores ou ó público, así como as declaracións públicas de directivos, técnicos, árbitros e deportistas ou socios que inciten ós seus equipos ou ós espectadores á violencia.

f) A falta de asistencia non xustificada ás convocatorias das seleccións deportivas autonómicas.

2. Consideraranse especificamente infraccións moi graves do presidente e demais membros directivos dos órganos da FGDMF, as seguintes:

a) O incumprimento dos acordos da asemblea xeral, así como os regulamentos electorais e demais disposicións estatutarias ou regulamentarias.

b) A non convocatoria, nos prazos ou condicións legais, de forma sistemática e reiterada, dos órganos colexiados federativos.

c) A non execución das resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

d) A incorrecta utilización dos fondos privados ou das subvencións, créditos, avais e demais axudas do Estado, da Xunta de Galicia ou de calquera organismo público.

e) O compromiso de gastos de carácter plurianual do orzamento da FGDMF, sen a regulamentaria autorización.

f) A organización de actividades ou competicións deportivas oficiais de caracter internacional, sen a regulamentaria autorización.

3. Ademais das enunciadas nos apartados anteriores e das que se establezan por cada comisión deportiva, son infraccións específicas moi graves dos clubs deportivos:

a) O incumprimento dos acordos de tipo económico coa FGDMF.

b) O incumprimento dos deberes ou compromisos adquiridos coa FGDMF ou cos deportistas.

c) O incumprimento dos réximes de responsabilidade dos membros das xuntas directivas.

4. Serán, en calquera caso, infraccións graves:

a) O incumprimento reiterado de ordes e instruccións emanadas dos órganos deportivos competentes.

b) Os actos notorios e públicos que atenten á dignidade ou decoro deportivos.

c) O exercicio de actividades públicas ou privadas declaradas incompatibles coa actividade ou función deportiva desempeñada.

5. Consideraranse infraccións de carácter leve as conductas claramente contrarias ás normas deportivas, que non estean incursas na cualificación de moi graves ou graves.

Artigo 42º

1. A reincidencia será considerada, en calquera caso, como circunstancia agravante da responsabilidade na disciplina deportiva.

2. Son, en calquera caso, circunstancias atenuantes para as infraccións ás regras de xogo ou competición, a de arrepentimento espontáneo e a de preceder, inmediatamente á infracción, unha provocación suficiente.

Artigo 43º

Consideraranse, en calquera caso, como causas de extinción da responsabilidade disciplinaria deportiva, o falecemento do inculpado, a disolución do club, o cumprimento da sanción, a prescrición das infraccións e das sancións impostas.

Artigo 44º

1. As sancións susceptibles de aplicación polo comité de competición ou de apelación serán as seguintes:

a) Inhabilitación, suspensión ou privación da licencia federativa, con carácter temporal, ou definitivo, en axeitada proporción ás infraccións cometidas.

b) A facultade de altera-lo resultado de encontros, probas ou competicións por causa de predeterminación mediante prezo, intimidación ou simples acordos, do resultado da proba ou competición.

c) As de carácter económico nos casos nos que os deportistas, técnicos, xuíces ou árbitros perciban retribucións polo seu labor, que deberán figurar cuantitativamente no regulamento de cada comisión deportiva.

d) As de clausura do recinto deportivo, podéndose prever, neste caso, por petición de parte, a suspensión provisional da execución da sanción ata que se produza a resolución definitiva do expediente disciplinario.

e) As de celebración de competición a porta pechada.

2. Pola comisión de infraccións enumeradas no artigo 41º.2 poderán imporse as seguintes sancións:

a) Amoestación pública.

b) Inhabilitación temporal de dous meses a un ano.

c) Destitución do cargo.

3. Pola comisión de infraccións enumeradas no artigo 41º.3 poderán imporse as seguintes sancións:

a) Apercibimento.

b) Sancións de carácter económico.

c) Descenso de categoría.

d) Expulsión, temporal ou definitiva, da competición.

Artigo 45º

1. As infraccións prescribirán ós tres anos, ó ano ou ó mes, segundo se trate das moi graves, graves ou leves; o prazo de prescrición comenzará a contar o día seguinte á comisión da infracción.

O prazo de prescrición interromperase pola iniciación do procedemento sancionador, pero se este permanecese paralizado durante un mes, por causa non imputable á persoa ou entidade suxeita ó dito procedimento, volverá a corre-lo prazo correspondente.

2. As sancións prescribirán ós tres anos, ó ano ou ó mes, segundo se trate das correspondentes a infraccións moi graves, graves ou leves; prazo de prescrición comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impulsou a sanción, ou desde que se quebrantase o seu cumprimento se este comezase.

Artigo 46º

As sancións impostas a través do correspondente expediente disciplinario serán inmediatamente executivas, sen que as reclamacións ou recursos interpostos contra elas, paralicen ou suspendan a súa execución. Exceptúanse desta disposición o previsto no apartado d) do punto 1 do artigo 44 e as sancións que se adopten de acordo ó procedemento establecido no punto d) do apartado 1 do artigo 47.

Artigo 47º

1. Son condicións xerais e mínimas dos procedementos disciplinarios as seguintes:

a) Os xuíces ou árbitros exercen a potestade disciplinaria durante o desenvolvemento dos encontros ou probas, de forma inmediata; deberanse prever, neste caso, un axeitado sistema posterior de reclamacións.

b) Nas probas ou competicións deportivas, cunha natureza que requira a intervención inmediata dos órganos disciplinarios para garanti-lo normal desenvolvemento delas, deberá preverse os procedementos necesarios que permitan conxuga-la actuación perentoria daqueles órganos co trámite de audiencia e o dereito a reclamación dos interesados.

c) O procedemento ordinario aplicable para a imposición de sancións por infracción das regras de xogo ou a competición deberá asegura-lo normal desenvolvemento da competición, así como garanti-lo trámite de audiencia dos interesados e o dereito a recurso.

d) O procedemento extraordinario, que se tramitará para as sancións correspondentes ó resto das infraccións, axustarase ós principios e regras da lexislación xeral.

2. As actas subscritas polos xuíces ou árbitros do encontro, proba, ou competición constituirán medio documental necesario, no conxunto das probas das infraccións ás regras e normas deportivas.

3. Naqueles deportes específicos que o requiran poderán preverse que, na apreciación das faltas referentes a disciplina deportiva, as declaracións do árbitro ou xuíz se presuman certas, salvo erro material manifesto.

Artigo 48º

1. Os órganos disciplinarios deportivos competentes deberán, de oficio ou por instancia do instructor do expediente, comunicarlle ó Ministerio Fiscal aquelas infraccións que puidesen revestir carácter do delicto ou falta penal.

2. Neste caso os órganos disciplinarios deportivos acordarán a suspensión do procedemento, segundo as circunstancias concorrentes, ata que recaia a correspondente resolución xudicial.

3. No caso que se acordase a suspensión do procedemento, poderán adoptarse medidas cautelares mediante providencia notificada a tódalas partes interesadas.

Artigo 49º

Os órganos competentes en materia disciplinaria son:

a) En primeira instancia un comité de competición ou xuíz único, cunha composición e competencias se darán a coñecer no regulamento da proba ou competición.

b) En segunda instancia un comité de apelación, nomeado polo presidente e valedeiro ante os recursos presentados a consecuencia de calqueira proba ou competición.

Artigo 50º

Contra as resolucións definitivas da FGDMF en materia disciplinaria cabe recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Capítulo IX

Réxime electoral

Artigo 51º

1. A elección do presidente da FGDMF levarase a cabo mediante convocatoria acordada pola asemblea xeral extraordinaria; na orde do día constará o procedemento que se seguirá para a elección e nomeamento da xunta electoral, que estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes que se elixirán entre persoas que non sexan candidatos, en elección libre, directa, igual e secreta, de acordo cos estatutos da federación, ratificados pola Secretaría Xeral para o Deporte e aprobadas previamente pola asemblea xeral en sesión extraordinaria.

2. O regulamento electoral regulará, polo menos, as seguintes cuestións:

a) Número de membros da asemblea e distribución deles por estamentos, de acordo co establecido nestes estatutos.

b) Circunscricións electorais, se é o caso, e número de representantes de cada estamento por cada unha delas.

c) Calendario electoral: prazos, presentación e proclamación de candidatos, así como o sistema de desempate.

d) Censo electoral.

e) Composición, competencias e funcionamiento da xunta electoral.

f) Procedemento de resolución de conflictos e reclamacións, que deberán resolverse sen dilación.

g) Recursos electorais.

h) Composición, competencia e funcionamento das mesas electorais.

i) Elección do presidente, de acordo co previsto no artigo 17 destes estatutos.

j) Elección da comisión delegada da asemblea.

3. No momento da apertura do prazo para a presentación de candidaturas á elección de presidente, deberá estar publicada a relación de membros elixidos para a asemblea xeral. O prazo de presentación de candidaturas para a elección de presidente non poderá ser inferior a dez días naturais.

4. O presidente da federación e os membros da comisión delegada serán elixidos na primeira reunión da nova asemblea xeral.

Artigo 52º

Aprobado o regulamento de eleccións, a xunta directiva procederá no prazo sinalado nel, á convocatoria de eleccións da asemblea xeral. A partir dese momento, a dita xunta directiva constituirase en comisión xestora.

O prazo de ratificación pola Secretaría Xeral para o Deporte dos regulamentos electorais fixaranse nun mes desde a súa presentación a ela.

Artigo 53º

A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de eleccións á asemblea xeral e a presidente, así como o regulamento de eleccións coas medidas previstas nas disposicións federativas, a través dun medio que permita asegura-la recepción da dita notificación. Deberá expoñerse o regulamento en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria.

Artigo 54º

As eleccións serán controladas pola xunta electoral e os interventores designados polos candidatos, que levantarán acta unha vez finalizada a votación e o reconto. A dita acta debidamente certificada remi

tirase á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo de 3 días.

Artigo 55º

No suposto de que se presentase un só candidato, non se efectuará votación e o secretario xeral para o Deporte ou a persoa na que el delegue proclamará presidente a este candidato, á vista da acta da xunta electoral.

Artigo 56º

Se non se presenta ningunha candidatura ou non é válida ningunha das presentadas, a xunta directiva constituída en comisión xestora administrará a federación e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de 3 meses.

Artigo 57º

Contra as resolucións ou acordos das xuntas electorais poderá interpoñerse recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Capítulo X

Disolución da FGDMF

Artigo 58º

A FGDMF poderá extinguirse ou disolverse mediante voto favorable da maioría da asemblea xeral constituída en pleno para tal fin. Entre os acordos que se adopten, estará a formación dunha comisión liquidadora, que valorará o patrimonio da FGDMF nese momento e porá en mans da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia para que esta dispoña del como mellor conveña.

3474