Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 17 de xullo de 1996 Páx. 6.955

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 1996, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución do parque eólico denominado Planta Eólica de Zas. (Expediente 94/1994).

Visto o escrito presentado por Tomás Anclueza Gastesi, en nome e representación da Empresa Desarrollos Eólicos S.A., con domicilio para efectos de notificacións na rúa Manuel Velasco Pando s/n, Polígono Industrial Carretera Amarilla-41007 Sevilla, ó abeiro do establecido na Lei 82/1980, do 30 de decembro, sobre a conservación da enerxía, o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre instalacións hidráulicas, de coxeración e outras, abastecidas por recursos ou fontes de enerxías renovables e para os efectos previstos no capítulo III do Decreto 205/1995, polo que se regula o aproveitamento de enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, solicitando a aprobación do proxecto denominado Planta Eólica de Zas, así como a autorización das instalacións descritas neste.

Resultando: que a solicitude someteuse a información pública para os efectos previstos nos Decretos 2617 e 2619/1966, do 20 de outubro, publicándose no BOP do 11-11-1994, no DOG do 9-11-1994, no BOE do 11-11-1994 e no xornal El Ideal Gallego do 4-11-1994, sen que nese trámite se recibira ningunha alegación.

Resultando: que as características básicas das instalacións son as seguintes:

-Nº de aeroxeradores: 80

-Potencia unitaria do aeroxerador: 300 kW.

-Potencia total instalada: 24 MW.

-Altura das torres: 24 m.

-Diámetro das pas: 30 m.

-Producción anual estimada: 52.800 Mwh.

-Transformadores de 0,48/20 kV: 20

-Subestación 20/66 kV: 1

-Lonxitude L.A.T.: 10 km.

Resultando: que o orzamento total ascende a 2.601.102.275 pesetas, e que o dito parque eólico consta de dous emprazamentos, os cales quedan referidos ás seguintes coordenadas:

NomeMunicipioVértices

X-lonx W Y-lat N

Monte MedaZas0.510.000 4.777.000
Santa Comba0.512.000 4.777.000
0.512.000 4.768.000
0.512.000 4.768.000

Considerando que no expediente instruído para o efecto se cumpliron os trámites regulamentarios sen que no período de información pública se formularan reclamacións, e que a Delegación Provincial desta consellería na Coruña emite informe favorable sobre a mencionada solicitude.

Vistas a Lei 82/1980, do 30 de decembro, sobre a conservación da enerxía, o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxías renovables, o Decreto 205/1995, do 6 xullo, polo que se regula o aproveitamento de enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 1775/1967, do 22 de xuño, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias e de acordo coa resolución desta Consellería de Industria e Comercio, do 10 de xaneiro de 1996, pola que se aproba o Plan Eólico Estratéxico DESA (DOG do 9-2-1996).

Esta dirección xeral,

RESOLVE:

1º) Autorizar á empresa Desarrollos Eólicos S.A. a instalación dos equipos electromecánicos que quedan reflectidos no proxecto referenciado, nos concellos de Zas e Santa Comba.

A presente autorización non inclúe aqueles aeroxeradores dos que a situación inicial afectaba a filóns arqueolóxicos e a súa nova situación debe ser aprobada, previamente polo órgano ambiental.

2º) Aproba-lo proxecto de execución da instalación electromecánica que se autoriza.

3º) Declarar a utilidade pública das instalacións que se autorizan dentro dos polígonos definidos no segundo resultando desta resolución, para os efectos de expropiación forzosa.

A autorización obxecto desta resolución outórgase conforme as seguintes condicións:

Primeira.-A empresa Desarrollos Eólicos S.A., para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento da presente autorización, unha fianza por importe de 52.022.045 pesetas, conforme o disposto no artigo 15 do citado Decreto 205/1995, do 6 de xullo.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11, apartado 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, fianza que será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan deberán de realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa, subscrito polo enxeñeiro industrial Santiago Vázquez Rodríguez, colexiado nº 877 del Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, cun orzamento de 2.601.102.275 pesetas.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto, será necesaria a previa autorización desta Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio na Coruña poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e debenrá comunicar a esta dirección xeral toda-las resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será dun ano a partir da data de esta resolución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio na Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes afectadas.

Quinta.-A empresa, como requisito necesario para a aplicación ás instalacións que se autorizan do réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, deberá inscribir aquela no rexistro de instalacións de producción de enerxía eléctrica en réxime especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xullo de 1995, (DOG do 14-7-1995), no prazo de dous meses.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento do condicionado imposto nesta resolución, as condicións establecidas no acordo do 25 de abril de 1996 da Comisión Galega de Medio Ambiente polo que se aproba a declaración de efectos ambientais, segundo o Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, así como os compromisos adquiridos pola empresa e que figuran no Plan Industrial do Plan Eólico Estratéxico, aprobado por Resolución do 10 de xaneiro de 1996.

Sétima.-A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1175/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencia ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso ordinario diante do conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado desde a publicación desta, conforme co establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 1996.

Joaquín del Moral Crespo

Director Xeral de Industria

5384