Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 06 de maio de 1998 Páx. 4.841

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CAMBRE

BASES da convocatoria para prover en propiedade unha praza vacante de conserxe-telefonista.

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

É obxecto da presente convocatoria prover en propiedade, polo sistema de oposición libre, unha praza, de conserxe-telefonista, pertencente á escala de Administración xeral, subescala subalterna dotada co soldo do grupo E incluída na oferta de emprego público de 1997, de conformidade co establecido na Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, texto refundido aprobado por Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, disposicións legais vixentes en materia de réxime local, Real decreto 896/1991, do 7 de xuño, sobre as regras básicas e os programas mínimos a que debe axustarse o procedemento de selección de funcionarios da Administración local e, no non previsto nelas, o Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia do 20 de marzo de 1991, e supletoriamente o Real decreto 364/1995,

de 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración do Estado.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

Para participar nas probas selectivas cómpre:

a) Ser español.

b) Ter cumpridos dezaoito anos e non exceder daquela en que falten menos de dez anos para a xubilación forzosa por idade determinada pola lexislación básica en materia de función pública.

c) Te-lo certificado de escolaridade, de estudios primarios, ou título equivalente.

d) Non ter enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das corrrespondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio en calquera Administración pública do Estado, Comunidade Autónoma ou entidade local, nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

Os anteriores requisitos deberanse reunir con referencia ó derradeiro día de prazo de presentaren as solicitudes

Terceira.-Solicitudes.

As persoas que desexen participar na presente convocatoria deberán facelo constar en solicitude dirixida ó alcalde presidente do Concello de Cambre, na que farán constar que reúnen tódolos requisitos sinalados na base 2 anterior e presentaranse no rexistro xeral do concello no prazo de vinte días naturais

contados a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial do Estado.

As instancias poderanse remitir tamén na forma determinada no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os dereitos de exame, por unha contía de mil pesetas (1.000 ptas.), serán pagados directamente ou por xiro postal; á instancia xuntará recibo que acredite o ingreso na Tesourería do concello ou, se é o caso, copia do xustificante do xiro postal.

Se algún dos participantes necesitase que as probas selectivas sexan adaptadas á súa minusvalidez, deberá facelo constar na súa solicitude, facendo neste caso o tribunal tódalas adaptacións posibles de tempo e medios para a súa realización.

Cuarta.-Admisión de aspirantes.

Rematado o prazo de presentaren as instancias, o presidente da corporación dictará resolución pola que se aprobará a lista provisional de admitidos/as e excluídos/as que se publicará no BOP e no taboleiro de edictos da Casa do Concello, concedendo un prazo de dez días para reclamacións.

As citadas reclamacións, se as houber, resolveraas o mesmo órgano que aprobou a lista provisional, que aprobará tamén a lista definitiva, publicándoa de novo na forma sinalada. Nesta resolución incluirase a composición do tribunal, lugar, data e hora de comezo dos exercicios.

Quinta.-Tribunal cualificador.

De conformidade co artigo 4 do Real decreto 896/1991, do 7 de xuño, o tribunal terá a seguinte composición:

Presidente/a: o/a da corporación ou membro dela en quen delegue.

Secretario/a: o/a da corporación ou funcionario dela en quen delegue.

Vocais:

Un/Unha representante da Comunidade Autónoma.

O/A xefe/a da Área de Urbanismo e Réxime Interior.

O/A xefe/a da Unidade de Réxime Interior.

Os vocais deberán ter titulación ou especialización igual ou superior á esixida para o acceso ás prazas convocadas.

A designación nominal dos membros do tribunal incluirá a dos respectivos suplentes e será publicada no BOP e no taboleiro de anuncios do concello.

O tribunal non poderá constituírse, nin actuar sen a presencia, cando menos, de tres dos seus membros, titulares ou suplentes, indistintamente. En todo caso requírese a asistencia do presidente e do secretario ou os que legalmente os substitúan.

Os membros do tribunal absteranse de intervir e comunicaranllo á autoridade convocante cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 28.2º da Lei 30/1992. Os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran aquelas circunstancias.

O tribunal poderá autoriza-la incorporación ás sesións dun/dunha asesor/asesora, con voz e sen voto, cando excepcionalmente se requira para a adecuada cualificación.

Tódolos membros do tribunal que asistan ás probas percibirán as asignacións que lles corresponda segundo a súa categoría de conformidade co Real decreto 236/1988, do 4 de marzo.

Sexta.- Comezo e desenvolvemento dos exercicios.

Os exercicios non poderán comezar ata transcorridos dous meses desde a data na que apareza publicada a presente convocatoria no BOP, anunciándose, como mínimo, quince días antes de comeza-lo primeiro exercicio o día, hora e local en que terá lugar.

Os aspirantes convocaranse para cada exercicio en chamamento único, sendo excluídos da oposición os que non comparezan, salvo nos casos debidamente xustificados e apreciados discrecionalmente polo tribunal.

A actuación dos aspirantes naqueles exercicios que non poidan realizarse conxuntamente realizaranse pola orde alfabética segundo a primeira letra do apelido, comezando pola letra que resulte do sorteo ó que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Comunidade Autónoma do 20 de marzo de 1991.

Os aspirantes deberán acredita-la súa personalidade coa exhibición do documento nacional de identidade.

O tribunal publicará os sucesivos anuncios de celebración do segundo e restantes exercicios no taboleiro de edictos do concello.

Entre o final dunha proba e o comezo da seguinte deberá transcorrer un prazo mínimo de 48 horas e máximo de 40 días.

Os exercicios da oposición serán os seguintes:

Primeiro exercicio: de carácter obrigatorio, consistirá en realiza-las seguintes probas:

-Escritura ó dictado dun texto en galego e outro en castelán, elixido polo tribunal, durante dez minutos cada un, co fin de demostra-lo coñecemento da lingua valorándose a ortografía, limpeza e exactitude na corrección do texto.

-Resolución de tres problemas sobre as catro regras aritméticas para resolver no prazo de trinta minutos.

Segundo exercicio: de carácter obrigatorio, consistirá na contestación durante unha hora de 50 preguntas, tipo test con respostas alternativas, sobre o temario que figura no anexo.

Terceiro exercicio: de carácter práctico e obrigatorio, consistirá en contestar nun prazo máximo de trinta minutos un cuestionario sobre o municipio, a organización municipal, a organización da función pública local e tarefas que se van desenvolver no posto de conserxe-telefonista.

Cuarto exercicio: obrigatorio non eliminatorio, consistirá na traducción dun texto de castelán para o galego e viceversa nun tempo máximo total de trinta minutos.

Sétima.-Cualificación dos exercicios.

Os exercicios primeiro, segundo e terceiro cualificaranse de 0 a 10 puntos. Os aspirantes que non acaden un mínimo de 5 puntos en cada un deles serán eliminados.

O cuarto exercicio, non eliminatorio, será cualificado ata un máximo de dous puntos.

O número de puntos que outorgará cada membro do tribunal, para os exercicios primeiro, segundo e terceiro será de 0 a 10 puntos, para o cuarto de 0 a 2 puntos. As cualificacións adoptaranse sumando as puntuacións outorgadas polos distintos membros do tribunal e dividindo o total polo número de asistentes daquel, sendo o cociente a cualificación definitiva.

A puntuación final será a suma das puntuacións obtidas nas catro probas.

As cualificacións dos aspirantes aprobados en cada exercicio publicaranse o mesmo día en que se acorden no taboleiro de anuncios do concello

Oitava.-Relación de aprobados.

Rematada a cualificación dos aspirantes, o tribunal publicará a relación de aprobados por orde de puntuación. Dado que en ningún caso o número de aspirantes aprobados pode supera-lo número de prazas convocadas, a relación definitiva de aprobados confeccionarase co aspirante que, superados tódolos exercicios, obteña a maior puntuación na suma de todos eles.

O tribunal presentará a citada relación á presidencia da corporación, á cal compete o nomeamento correspondente.

Novena.-Presentación de documentos, nomeamento e toma de posesión.

No prazo de vinte días naturais, contados desde o día seguinte ó da publicación do aspirante aprobado, este deberá presentar no rexistro xeral do concello os documentos que seguidamente se relacionan:

a) Fotocopia do seu documento nacional de identidade, que se deberá presentar co orixinal para compulsar.

b) Copia autentificada ou fotocopia (que deberá presentar co orixinal para compulsar) do título académico esixido para participar no proceso selectivo ou xustificante de aboa-los dereitos para a súa expe

dición. Se estes documentos se expedisen despois da data na que rematou o prazo para presenta-las instancias, deberá xustifica-lo momento en que remataron os correspondentes estudios.

c) Declaración xurada de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública, nin se encontrar inhabilitado para exerce-las funcións públicas.

d) Declaración xurada de non estar incurso en causa de incapacidade ou incompatibilidade, de conformidade coa lexislación vixente.

e) Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que impida o desempeño das correspondentes funcións.

Quen tivese a condición de funcionario público de carreira non terá que xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa acreditados para obte-lo seu anterior nomeamento, unicamente deberá presentar certificación da Administración pública da que depende que acredite tal condición e demais circunstancias que consten no seu expediente persoal ou folla de servicios.

Os que dentro do prazo sinalado, e salvo casos de forza maior, non presenten a súa documentación ou non reúnan os requisitos esixidos, non poderán ser nomeados, quedando anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade na que puidesen incorrer por falsidade na súa instancia solicitando participar no proceso selectivo.

O aspirante proposto que presentase a documentación preceptiva será nomeado funcionario de carreira, e deberá tomar posesión no prazo de trinta días contados desde o día seguinte a aquel en que se lle notifique o citado nomeamento; quedará en situación de cesante cando, sen causa xustificada, non o fixese dentro do prazo sinalado.

Décima.-O tribunal queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e adopta-los acordos necesarios para a boa orde do proceso selectivo en todo o non previsto nestas bases.

Décimo primeira.-Os interesados poderán impugna-la presente convocatoria e as súas bases, así como tódolos actos administrativos que se derivan dela nos casos e na forma establecidos na Lei de procedemento administrativo.

Cambre, 3 de abril de 1998.

Antonio Varela Saavedra

Alcalde

ANEXO

Tema 1. A Constitución española de 1978. Características. Principios xerais da nosa Constitución.

Tema 2. Dereitos e deberes fundamentais dos españois.

Tema 3. Funcións constitucionais de El-Rei. As Cortes Xerais: composición e funcións.

Tema 4. O Goberno e a Administración do Estado. O poder xudicial.

Tema 5. O Estatuto de autonomía de Galicia. Contido e valor normativo. O sistema institucional.

Tema 6. A organización municipal. Concello Pleno. Alcalde. Comisión de Goberno.

Tema 7. A función pública local e a súa organización.

Tema 8. O procedemento administrativo local. Rexistro de Entrada e Saída de Documentos. Requisitos na presentación de documentos. Comunicacións e notificacións.

Tema 9. Atención ó público: acollida de información ó administrado. Os servicios de información administrativa.

Tema 10. Introducción á comunicación. A comunicación humana. A linguaxe como medio de comunicación. Tipos de comunicación: oral e telefónica.

3939