Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 29 de maio de 1998 Páx. 5.872

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 147/1998, do 15 de maio, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica, a 20 kV ó C.T. de Montecelo, Felmil, concello de Begonte, provincia de Lugo. (Expediente 2807 A.T.).

Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na r/ Cidade de Viveiro, nº 4, 1º, Lugo, solicitou da Consellería de Industria e Comercio, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da L.M.T. aérea a 20 kV, de 730 m de lonxitude, con conductor LA-30, sobre apoios de formigón e metálicos, co orixe na L.M.T.

Rábade, Vilalba, entroncamento coa L.M.T. a Vila e remate no C.T. de Montecelo, afectando no seu percorrido ó termo municipal de Begonte (Lugo). (Expediente 2807 A.T.).

A dita instalación autorizouse por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo do 21-5-1990; coa mesma data foi aprobado o seu proxecto de execución. A instalación declarouse de utilidade pública en concreto por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo do 16-11-1995, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 8-1-1996, no BOP de Lugo do 3-1-1996, e no BOE do 21-12-1995.

A solicitude de urxente ocupación fíxose e tramitouse de acordo co disposto no artigo 31 do Decreto 2619/1996, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido polo apartado 2º da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 9-6-1997, no BOP de Lugo do 3-6-1997, no xornal El Progreso do 14-2-1997, e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello de Begonte e no da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación, agás ó titular do predio nº 3, que por ser de enderezo descoñecido, se deu traslado das actuacións ó Ministerio Fiscal, de conformidade co disposto no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Durante o período en que se someteu a trámite de información pública non se recibiron alegacións.

Unha vez practicada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar, segundo certificado emitido ó respecto, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan as limitacións previstas no artigo 56 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, que reitera as sinaladas no artigo 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e que é aplicable a este expediente en virtude do establecido no apartado 2º da disposición transitoria segunda da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, nin lle son de aplicación as prohibicións e limitacións dos artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, respectivamente.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., xa que con esta liña se pretende mellora-la subministración de enerxía eléctrica nos sectores de influencia, debido ás numerosas reclamacións presentadas por cortes e deficiente subministración, aumentando deste xeito a seguridade para as persoas e bens, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible atende-lo servicio demandado coa celeridade debida.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de maio de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co establecido polo artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, declárase a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola servidume de paso, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., da liña eléctrica aérea, a 20 kV de alimentación ó C.T. de Montecelo, Felmil (Exp. 2807), cos efectos e alcance previstos nos artigos 55 e 57 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Begonte (Lugo) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, quince de maio de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

4988