Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Luns, 19 de outubro de 1998 Páx. 11.278

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de outubro de 1998 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Dr. Francisco Comesaña.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Dr. Francisco Comesaña, con domicilio en Tui.

Supostos de feito.

1. Ana Francisca Comesaña Kotrialkaia, na súa calidade de secretaria do padroado da fundación,

en escrito do 6 de agosto de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da sua inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Madrid, o día 26 de xullo de 1998, ante o notario Eduardo García-Duarte Acha, co número tres mil catrocentos setenta e dous do seu protocolo, por Francisco Comesaña Concheiro, Ana Francisca Comesaña Kotrialkaia e Irina Felicita Comesaña Kotrialkaia, que interveñen no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 2 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a organización e desenvolvemento de actos culturais na cidade de Tui, en especial un festival e curso anual de música de cámara.

4. O padroado da fundación estará constituído por Francisco Comesaña Kotrialkaia como presidente, Ana Francisca Comesaña Kotrialkaia como secretaria e Irina Felicita Kotrialkaia Kishner e Ángel García Jermann como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Dr. Francisco Comesaña, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 28 de setembro de 1998.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril), a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación,

Na súa virtude

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Dr. Francisco Comesaña e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

9364