O Decreto 263/1996, do 6 de xuño, regula a integración na escala superior de estatísticos de determinados/as funcionarios/as da Administración da Xunta de Galicia que cumpran as previsións contidas na Lei 12/1992, do 7 de novembro, de creación de escalas de persoal funcionario. A norma, no seu artigo 5, establece que a integración do persoal relacionado nos seus artigos 3 e 4, levarase a efecto logo da superación de cursos ou probas específicas que se establecerán mediante orde desta consellería.
Por resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 28 de abril de 1998, integráronse provisionalmente na escala superior de estatísticos varios/as funcionarios/as da Xunta de Galicia que formularon solicitude en tal sentido de conformidade cos artigos 6 e 7 do Decreto 263/1996, do 6 de xuño, e que se atopaban nalgunha das situacións previstas nos artigos 3 e 4 del. O proceso rematará mediante a integración definitiva na escala dos/as funcionarios/as que proceda en aplicación do sinalado artigo 5 do Decreto 263/1996.
Na súa virtude, vista a proposta efectuada polo Instituto Galego de Estatística, e de conformidade
co previsto no artigo 5 do Decreto 263/1996, de 6 de xuño, a Consellería da Presidencia e Administración Pública
DISPÓN:
Primeiro.-Participantes.
Convócase un curso no que participarán, obrigatoriamente, tódolos/as funcionarios/as integrados, con carácter provisional, na escala superior de estatística.
Segunda.-Dirección.
A organización do curso conforme co previsto nesta orde correspóndelle ó Instituto Galego de Estatística da Consellería de Economía e Facenda que designará un/ha director/a ou persoa responsable do seu desenvolvemento.
Terceira.-Características do curso.
Duración: cen (100) horas, das que cincuenta (50) serán de desenvolvemento teórico e cincuenta (50) práctico.
Lugar: salón de actos do Consello de Contas de Galicia, sito na rúa Ramón Piñeiro, nº 29, de Santiago de Compostela.
Datas: do 19 de outubro ó 29 de decembro de 1998.
Días: luns e mércores.
Horario: das 11 ás 14 horas e das 16 ás 18 horas.
Cuarta.-Asistencia.
É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas actividades do curso. A ausencia xustificada deberá ser autorizada polo/a director/a responsable do curso. A falta de asistencia inxustificada de 10 ou máis horas determinará a cualificación de non apto. A falta de asistencia, aínda que estea xustificada, a máis do 20 por cento das horas lectivas, determinará a cualificación de non apto.
Quinta.-Proba de aptitude.
Valorarase a participación e dedicación dos/as alumnos/as no curso. O Instituto Galego de Estatística fixará as probas que considere pertinentes para avalia-los coñecementos adquiridos polos/as participantes.
Sexta.-Certificado.
Rematado o curso, a dirección del expedirá unha certificación na que se farán consta-los/as alumnos/as que o superaron e será remitida á Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos da súa integración definitiva na escala superior de estatísticos, de conformidade co previsto no artigo 5 do Decreto 263/1996, do 6 de xuño.
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 1998.
Dositeo Rodríguez Rodríguez
Conselleiro da Presidencia e Administración
Pública
9312

