Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 21 de abril de 1999 Páx. 4.698

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN DE PADRÓN

AUTO (17/1998-N).

En Padrón o catro de marzo de mil novecentos noventa e nove.

Feitos.

Primeiro.-Con data do 6 de novembro de 1998 foi dictado por este xulgado auto polo que se denega

a autorizacion solicitada polo Concello de Rianxo co fin de entrar (para realizar tarefas de limpeza) nun alpendre situado na parte traseira da praza de abastos de Rianxo, negativa fundada no feito de non se teren esgotados tódolos medios dispoñibles para o efecto de identificar e requirir persoalmente o seu dono.

Segundo.-Contra o dito auto foi interposto, con data do 27 de novembro, por Pedro Piñeiro Hermida recurso de reforma.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro.-Examinadas as alegacións efectuadas no escrito de recurso e comprobada a práctica efectiva de dilixencias necesarias para a indentificación, sen éxito, do posible titular do alpendre referido, informe da policía local de Rianxo de data 4 de abril de 1998 e publicación do anuncio no BOP da Coruña do 6 de maio de 1998, procede reformar deixando sen efecto o auto de data 6 de novembro de 1998.

Segundo.-A teor do disposto no artigo 87.2º da LOPX, correspóndelles ós xulgados de instrucción a autorización en resolución motivada para a entrada nos domicilios e nos restantes edificios ou lugares de acceso dependente do consentimento do seu titular, cando iso proceda para a execución forzosa de actos da Administración.

En tal caso, o xuíz actúa non para controla-la legalidade e a executividade do acto administrativo senón para que a entrada se produza con tódalas garantías e sen máis menoscabo có estrictamente indispensable e conducente á finalidade pretendida: a efectividade da decisión administrativa.

Verbo da súa práctica, á parte da esixencia de lle notificar persoalmente ó titular do lugar ó que se pretende acceder logo de auto que autorice a entrada, notificación que no presente caso e dadas as circunstancias se fará por edictos-, deberase levantar acta na que conste quen asistiu, as horas de comezo e fin, incidencias e resultados obtidos, debéndoselle comunicar ó xuíz autorizante o resultado da entrada, para que poida cumpri-las súas funcións garantistas e corrixir, se é o caso, posibles excesos.

Terceiro.-Á vista do expediente administrativo remitido polo Concello de Rianxo, do que resulta a existencia dun alpendre situado no paseo da Ribeira, na parte traseira da praza de abastos- entre as vivendas nº 6 e nº 8 B-, en Rianxo, en condicións que infrinxen o artigo 170 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, e a ordenanza xeral de limpeza e ambiente do Concello de Rianxo, procede, de conformidade co disposto nos artigos 18.2º e 87.2º da LOPX, autoriza-la entrada e acceso para efectua-los correspondentes traballos de limpeza.

En atención ó exposto:

Dispoño autoriza-la entrada no alpendre situado no paseo da Ribeira, na parte traseira da praza de abastos, -entre as vivendas nº 6 e nº 8 B- en Rianxo, co fin de que funcionarios do Concello de Rianxo procedan á súa limpeza.

Sinálase para a práctica de tal dilixencia o vindeiro día 15 de abril, durante as horas do día.

Autorízase os funcionarios adscritos á secretaría do Concello de Rianxo para levaren a cabo a dita actuación, para o cal se expide testemuño da presente resolución que servirá de mandamento.

Notifíqueselle-la presente resolución ás partes librando exhorto ó Xulgado de Paz de Rianxo e por edictos ó DOG.

Esta resolución non é firme e fronte a ela cabe recurso de apelación, que se ha de interpoñer no prazo de cinco días.

Así o acorda, manda e asina Dolores Vilar Hortas, xuíza accidental do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Padrón, do que eu, secretario, dou fe.

O secretario

Rubricado