Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 22 de abril de 1999 Páx. 4.772

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 1999 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso na escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Vigo.

En cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados por Resolución do 16 de setembro de 1993 (DOG do 22 de outubro), e co obxecto de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios desta universidade,

Este rectorado en uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 18 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, (BOE do 1 de setembro) de reforma universitaria, en relación co seu artigo 3.2º e), resolve convocar probas selectivas para o ingreso na escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Vigo, consonte as seguintes bases da convocatoria:

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 7 prazas polo sistema xeral de acceso libre.

1.2. Do total de prazas convocadas reservarase un 3 por 100 para seren cubertas por persoas con minusvalidez cun grao de discapacidade igual ou superior ó 33 por 100, de acordo coa disposición adicional décimo novena da Lei 30/1984, do 2 de agosto (BOE do 3), de medidas para a reforma da función pública.

1.3. As presentes probas selectivas axustaranse ó disposto na Lei 30/1984, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo (BOE do 29); á Lei 4/1988, do 26 de maio, (DOG do 1 de xuño) da función pública de Galicia, modificada pola Lei 4/1991, do 8 de marzo (DOG do 13) e pola Lei 3/1995, do 10 de abril (DOG do 20); ó Real decreto 364/1995, do 10 de marzo (BOE do 10 de abril); ó Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25); ós estatutos da Universidade de Vigo e ó disposto na presente convocatoria.

1.4. O proceso selectivo constará das seguintes fases: concurso e oposición, coas probas e puntuacións que se especifican no anexo I.

1.5. A adxudicación das prazas ós aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida.

1.6. As prazas convocadas sitúanse nas localidades de Ourense, Pontevedra e Vigo.

1.7. O programa que rexerá as probas da fase de oposición é o que se relaciona no anexo II.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas os aspirantes deberán posuí-los seguintes requisitos na data de remate do prazo de presentación

de solicitudes e mantelos durante todo o proceso selectivo:

2.1.1. Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

2.1.2. Ter cumpridos dezaoito anos e non ter alcanzado a idade de xubilación.

2.1.3. Estar en posesión do título académico de diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, formación profesional de terceiro grao ou equivalente.

2.1.4. Non padecer enfermidade ou estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

2.1.5. Non estar separado mediante expediente disciplinario de calquera das administracións públicas nin inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. No caso de nacionais dun estado estranxeiro, non estar sometido a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

3. Solicitudes.

3.1. As solicitudes para tomar parte nestas probas selectivas axustaranse ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria e deberán presentarse acompañadas de fotocopia do DNI ou documento acreditativo de ser nacional dun Estado membro da Unión Europea e do comprobante bancario de ter ingresado os dereitos de exame sinalado na base 3.4.

Os aspirantes que soliciten adaptación deberán presentar, ademais, certificado acreditativo da minusvalidez ou discapacidade, co obxecto de poder facer efectivo, se é o caso, o pedimento.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Vigo no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Vigo (rúa Areal, 46, 36201 Vigo) ou segundo as restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, (BOE do 27) de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.4. Os dereitos de exame serán de 8.770 pesetas e ingresaranse na conta corrente 2080-0000-74-0040225994, Universidade de Vigo. Outros ingresos (Caixavigo, O.P. de Vigo). A acreditación deste ingreso efectuarase na forma prevista na base 3.1.; a súa falta determinará a exclusión do aspirante.

En ningún caso a mera presentación da solicitude e o pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude perante o órgano expresado na base 3.2.

3.5. Os aspirantes deberán observa-las seguintes instruccións para cubri-la súa solicitude:

a) Os aspirantes con minusvalidez que desexen participar nas probas selectivas pola quenda de reserva de discapacitados deberán indicalo no cadro nº 7 da solicitude e expresar no cadro nº 8 as adaptacións de tempo e medios que, para a realización das probas, consideren necesarias.

b) No cadro nº 25 farase consta-lo idioma elixido polo aspirante.

3.6. Os erros de feito que puideran advertirse poderán emendarse en calquera momento de oficio ou a pedimento do interesado.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Vigo publicará no taboleiro de anuncios do rectorado, no prazo dun mes, resolución pola que se aprobe a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos con expresión das causas que motivaran a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos que será de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución.

4.2. Os aspirantes que dentro do prazo sinalado non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o seu dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

Na resolución definitiva, publicada no rectorado, indicarase así mesmo o lugar, data e hora de celebración do primeiro exercicio. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, dentro do prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación.

4.3. En todo caso, co obxecto de evitar erros e, no suposto de se produciren, para posibilita-la súa emenda en tempo e forma, os aspirantes comprobarán fidedignamente non só que non figuran na lista de excluídos, senón que os seus datos constan correctamente na relación de admitidos.

4.4. Os dereitos de exame serán reintegrados de oficio ós aspirantes que sexan excluídos definitivamente da realización das probas selectivas e cubriran os datos bancarios necesarios para face-la devolución.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura no anexo III desta convocatoria e terá a categoría segunda das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG 1 de xuño).

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas no

artigo 28 da Lei 30/1992, ou se tivesen participado en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontrar incursos nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias citadas.

5.3. Logo da convocatoria do presidente constituirase o tribunal coa asistencia do presidente e o secretario, ou de se-lo caso, daqueles que o substitúan e a metade alomenos dos seus membros. Nesta sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. Para os efectos de celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal especificados no punto anterior.

5.5. O tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase ó disposto na Lei 30/1992.

5.6. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que considere pertinentes, limitándose os ditos asesores a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores será feita polo rector da Universidade de Vigo por proposta do tribunal e seralles de aplicación o previsto na base 5.2.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ó resto dos aspirantes. Para as persoas con minusvalidez que o soliciten na forma prevista na base 3.5.a), estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

5.8. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos aprobados pola orde do Ministerio da Presidencia do 18 de febreiro de 1985 (BOE do 22), ou calquera outro equivalente. O tribunal excluirá aqueles opositores que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.9. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade de Vigo, rúa Areal nº 46, 36201 Vigo (Pontevedra), teléfono 986 81 36 36.

5.10. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra G, de conformidade coa resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 23 de febreiro de 1999 (DOG do 3 de marzo).

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento, sendo excluídos da oposición os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal.

6.4. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se celebrara o anterior, así como na sede do tribunal e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con 48 horas de antelación, polo menos, á data sinalada para a súa iniciación.

6.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos aspirantes non cumpre un ou varios dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia do interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da universidade, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares de celebración daqueles e no rectorado a relación de aspirantes que os superaron, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. Rematada a fase de oposición, e para os aspirantes que a superaron, o Servicio de Xestión de Persoal expedirá, de oficio, certificacións acreditativas do tempo de servicios prestados na Universidade de Vigo e o tribunal fará públicos os puntos obtidos na fase de concurso, que en ningún caso poderán sumarse para efectos de supera-los exercicios da oposición.

A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e, de se-lo caso, na fase de concurso. Os puntos obtidos nesta última en ningún caso poderán sumarse para efectos de supera-la fase de oposición. No caso de empate, daráselle preferencia ó aspirante que obtivese maior puntuación no primeiro exercicio.

De persisti-lo empate, acudirase á maior puntuación na fase de oposición, ó nivel de C.D., ó grao persoal consolidado e á formación, nesta orde.

O tribunal fará pública a lista de aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. Os opositores que non se atopen incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non aptos para tódolos efectos, único extremo verbo do que o tribunal poderá certificar.

7.3. Rematado o proceso selectivo, o presidente do tribunal elevará ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados por orde de puntuación na que constarán, se é o caso, as cualificacións da fase de concurso, as de cada un dos exercicios da fase de oposición e a suma total.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do seguinte a aquel no que se fagan públicas as relacións definitivas de aprobados, estes deberán presentar no rexistro xeral da Universidade de Vigo os seguintes documentos:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou documento acreditativo de ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Fotocopia do título de diplomado universitario, arquitecto técnico, enxeñeiro técnico, formación profesional de terceiro grao ou equivalente.

c) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separados mediante expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio da función pública.

d) Certificado médico oficial de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Os aspirantes que fixeran vale-la súa condición de minusválidos deberán presentar, ademais, certificación dos órganos competentes da Comunidade Autónoma ou, de se-lo caso, do Ministerio de Asuntos Sociais, que acredite tal condición e igualmente deberán presentar certificación acreditativa da compatibilidade da minusvalidez co desempeño das funcións correspondentes.

8.2. Quen tivese a condición de funcionario de carreira estará exento de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo presentar certificación do organismo do que dependa para acreditar tal condición.

8.3. Os que dentro do prazo fixado, agás caso de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderán ser nomeados funcionarios de carreira e quedarán anu

ladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento.

9.1. Concluído o proceso selectivo, aqueles que o superasen serán nomeados funcionarios de carreira da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Vigo, con especificación do destino adxudicado, mediante resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. A toma de posesión dos aspirantes que aprobasen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á data de publicación da devandita resolución de nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ademais, a Universidade de Vigo poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal consonte o previsto na devandita lei.

Vigo, 26 de marzo de 1999.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

ANEXO I

EXERCICIOS E VALORACIÓN

A) Fase de oposición: estará integrada polos exercicios que se indican a continuación, todos eles obrigatorios, sendo os tres primeiros eliminatorios:

Primeiro exercicio: consistirá na redacción dos asentos bibliográficos de catro documentos modernos en calquera soporte e calquera lingua viva occidental que se realizará de acordo coas vixentes regras de catalogación (Madrid, Ministerio de Cultura) en formato IBERMARC.

-Os encabezamentos de materia redactaranse de acordo con algunha das listas de encabezamentos existentes preferentemente os da Universidade de Sevilla, a Library of Congress, Subject Headings e o Repertoire des Vedettes Matière de L'Université Laval. En calquera caso, os aspirantes indicarán o repertorio utilizado antes do comezo do exercicio.

-CDU.

Proporcionaránselles ós aspirantes fotocopias dos impresos orixinais, que recollerán a información necesaria para a realización da catalogación. Os impresos orixinais poderán consultarse na mesa do tribunal. Os opositores poderán utiliza-lo material de apoio que consideren conveniente (regras, repertorios, diccionarios, etc.).

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 180 minutos.

Cualificarase de 0 a 30 puntos, sendo necesario obter 15 puntos para superalo.

Segundo exercicio: consistirá no desenvolvemento por escrito de tres temas elixidos polo opositor de entre seis seleccionados por sorteo polo tribunal, dous de cada un dos bloques no que se divide o programa (anexo II).

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 240 minutos.

O exercicio deberá ser lido polos aspirantes en sesión pública ante o tribunal, valorándose a formación xeral, a claridade e a orde das ideas, a achega persoal do aspirante e a facilidade da expresión escrita.

Cualificarase de 0 a 30 puntos sendo necesario obter 15 puntos para superalo.

Terceiro exercicio: constará de dúas partes.

a) Primeira: consistirá na realización dun resumo (ata 150 palabras) dun texto sobre temas bibliotecario-documentais nun dos seguintes idiomas: inglés, francés ou alemán. Cada opositor deberá facer consta-lo idioma elixido no modelo de solicitude.

Os opositores poderán servirse de diccionarios técnicos para realizar esta proba.

O tempo máximo de realización será de 90 minutos.

b) Segunda: consistirá na realización dunha busca bibliográfica empregando recursos impresos e/ou automatizados, sobre un tema concreto elixido por sorteo entre os propostos polo tribunal.

O tempo máximo de realización será de 90 minutos.

Cada unha das partes cualificarase de 0 a 15 puntos, sendo necesario obter 15 puntos entre ámbalas dúas para superalo.

Cuarto exercicio: constará de dúas partes.

a) Primeira parte: consistirá na traducción sen diccionario dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

b) Segunda parte: consistirá na traducción sen diccionario dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo de realización deste exercicio será de 60 minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 9 puntos. Terá carácter obrigatorio e non eliminatorio.

B) Fase de concurso:

Na fase de concurso a valoración de méritos farase da forma seguinte:

0,40 puntos por cada mes completo de servicios prestados na Universidade de Vigo como contratado

laboral temporal ou como funcionario de emprego interino, na categoría de diplomado universitario na área de biblioteca ata un máximo de 24 puntos.

ANEXO II

PROGRAMA

I. Biblioteconomía e documentación.

1. Concepto e función dos servicios bibliotecarios. Clases de bibliotecas.

2. Bibliotecas nacionais. Concepto e función.

3. Bibliotecas públicas. Concepto e función.

4. Bibliotecas especializadas. Concepto e función.

5. Bibliotecas universitarias. Concepto e función.

6. Bibliotecas de Galicia. A biblioteca universitaria de Vigo.

7. Instalación e equipamento de bibliotecas universitarias.

8. Desenvolvemento da colección nas bibliotecas universitarias. Selección e adquisición.

9. Proceso técnico de libros, publicacións periódicas e materiais especiais.

10. O catálogo na biblioteca universitaria: concepto, fins e problemas de elaboración. O OPAC. Control de autoridades.

11. Formatos de intercambio de información. Formato Marc.

12. Xestión dos fondos bibliotecarios: modalidades de acceso, sistemas de organización. A súa preparación para o uso público.

13. Os documentos e as súas clases.

14. Indicación e clasificación de documentos. Análise documental e linguaxes documentais.

15. A xestión das publicacións periódicas nas bibliotecas universitarias.

16. Servicios ós lectores: información bibliográfica, difusión selectiva da información. Formación de usuarios.

17. Servicios ós lectores: préstamo, préstamo interbibliotecario e fotodocumentación.

18. As novas tecnoloxías e a súa aplicación ós servicios bibliotecarios.

19. Avaliación da xestión nos servicios bibliotecarios.

II. Bibliografía, historia do libro e arquivística.

1. Definición e obxectivos da bibliografía. Estado actual. O programa CBU-MARC.

2. A normalización da identificación bibliográfica. ISBD, ISBN, ISSN e outros identificadores.

3. Bibliografías de bibliografías. Bibliografías xerais.

4. Bibliografías nacionais. A bibliografía nacional española. Fontes bibliográficas para o estudio da cultura galega.

5. Fontes de información impresas e automatizadas en ciencias sociais e humanidades.

6. Fontes de información impresas e automatizadas en ciencia e tecnoloxía.

7. Catálogos de grandes bibliotecas. Catálogos colectivos.

8. Internet: desenvolvemento, funcionamento, organización, acceso e utilidade. Aplicación en bibliotecas universitarias.

9. Os arquivos universitarios. Producción e xestión documental. Valor histórico da documentación universitaria. Automatización das tarefas de arquivo.

10. Principios xerais de organización de fondos. Sistemas de clasificación, ordenación e descrición de documentos. Transferencia e expurgo.

11. O libro e as bibliotecas ata a invención da imprenta.

12. O libro e as bibliotecas desde a invención da imprenta ata o século XVIII.

13. O libro e as bibliotecas nos séculos XIX e XX.

14. A industria editorial e o comercio libreiro na actualidade. A edición electrónica.

15. A ilustración e a encadernación do libro.

III. Organización bibliotecaria. Organización administrativa.

1. A cooperación bibliotecaria. Redes e sistemas de bibliotecas. Redes de bibliotecas universitarias e de investigación.

2. Organizacións nacionais e internacionais ó servicio das bibliotecas e a documentación. A cooperación internacional.

3. A Constitución española de 1978. Estructura e contido.

4. A organización territorial do Estado español. O Estatuto de autonomía de Galicia.

5. O funcionario público. Concepto e clases. Situacións, dereitos e deberes.

6. A Lei de reforma universitaria.

7. O Ministerio de Educación e Cultura. A súa estructura en relación ó libro, bibliotecas e patri

monio. A Consellería de Cultura e Comunicación Social da Xunta de Galicia.

8. Os estatutos da Universidade de Vigo. Estructura e contido.

9. Lexislación española sobre o patrimonio artístico, bibliográfico e documental. A Lei de propiedade intelectual.

ANEXO III

TRIBUNAL Titular:

Presidente: Julio Taboada Pérez, xerente da Universidade de Vigo.

Vocais:

Paz Canduela Martínez, funcionaria da escala de axudantes de arquivos, biblioteca e museos da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da Xunta de Persoal funcionario de Administración e Servicios.

Dolores Mendía Sanmartín, funcionaria da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da Xunta de Persoal funcionario de Administración e Servicios.

José Francisco Menéndez García, funcionario da escala de facultativos de arquivos e bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da Xerencia.

Secretaria: Montserrat Caballero Villa, funcionaria da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Vigo, que actuará con voz e voto.

Suplente:

Presidenta: Ascensión Muñoz del Barrio, funcionaria da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Vigo.

Vocais:

Gloria Araújo Poutás, funcionaria da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da Xunta de Persoal funcionario de Administración e Servicios.

Rosario Pascual Matarranz, funcionaria da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Vigo, en representación da Xunta de Persoal funcionario de Administración e Servicios.

Mª Eugenia Carballo Bobillo, funcionaria da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da Xerencia.

Secretaria: Inés Alonso Castro, funcionaria da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz e voto.