Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 18 de maio de 1999 Páx. 5.893

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de abril de 1999 pola que se convocan cursos de especialización para mestres en servicio activo na Comunidade Autónoma de Galicia.

As novas esixencias de especialistas derivadas da implantación das etapas de educación infantil e pri

maria que sinala a LOXSE, fan necesaria a organización de cursos de especialización en áreas que, neste momento, son deficitarias en número de profesorado especialista. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, consciente de que a formación permanente do profesorado é un dereito e unha obriga, fai posible que, de xeito gradual, mestres ós que se lles suprimiu o seu posto de traballo ou que, debido á especialidade que posúen, ven alongado substancialmente o seu período de provisionalidade ou de poder cambiar de destino, poidan obter unha das especialidades que o sistema educativo require na actualidade.

En consecuencia co anterior é necesario subscribir novos convenios coas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo e Universidade Nacional a Distancia (UNED) para organizar cursos de especialización, correspondéndolle a súa dirección e desenvolvemento a cada universidade.

Cómpre, polo tanto, articula-la oportuna convocatoria que permita selecciona-los mestres interesados en participar nestes cursos.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convocar cursos de especialización en: educación musical, educación física, audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica e educación infantil, este último baixo a modalidade de ensino a distancia. Os cursos terán lugar nas cidades e nas datas que se especifican no anexo I desta orde de convocatoria.

Segundo.-Os funcionarios de carreira pertencentes ó corpo de mestres que estean en servicio activo na Comunidade Autónoma de Galicia poderán solicita-la realización de calquera das especialidades convocadas, indicando a súa orde de preferencia por cada unha delas, así como pola localidade de celebración cando proceda, na folla de solicitude do anexo II.

Quedará excluído desta convocatoria:

-O profesorado destinado en comisión de servicios durante o período para o que se solicita o curso de especialización; é dicir, durante o curso 1999-2000.

-O profesorado que estea desfrutando ou teña concedida para o curso 1999-2000 licencia por estudios.

-O profesorado que teña concedida unha axuda do Programa Sócrates, Lingua B, para o vindeiro curso 1999-2000.

-O profesorado de linguas estranxeiras que teña concedida unha actividade formativa para o profesorado de inglés e de francés para o vindeiro curso 1999-2000.

-O profesorado ó que se lle concedera un curso de especialización para mestres durante o curso 1998-1999

Terceiro.-Os cursos desenvolveranse de acordo coa estructura e características que marca a Orde do 11 de xaneiro de 1996 (BOE do 23) pola que se homologan cursos de especialización para o profesorado de educación infantil, de educación primaria, de educación especial e do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria, que se establecen no anexo I da presente orde.

Cuarto.-A matrícula será gratuíta para os funcionarios do corpo de mestres seleccionados ó abeiro desta orde.

Quinto.-A solicitude dirixirase ó director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional e, xunto coa documentación expresada de seguido, deberá presentarse no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a través do rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se, en uso deste dereito, o expediente é remitido por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado polo funcionario de correos antes de que se proceda á súa certificación.

Xuntaráselle á solicitude:

-Documentos acreditativos, orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas, dos méritos alegados dos recollidos no baremo que figura no anexo III.

-Folla de servicios, debidamente cuberta, pechada o 31 de agosto de 1999.

-Fotocopia compulsada da credencial de estar suprimido, se é o caso.

-Declaración xurada na que se enumeren as especialidades posuídas, de acordo co modelo do anexo V.

-Relación numerada e asinada da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no indicado anexo III.

Sexto.-A selección dos candidatos realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Ordenación Educativa, ou persoa en quen delegue, que será o presidente.

-Dous membros da inspección educativa.

-O xefe do Servicio de Formación do Profesorado.

-O/a director/a de cada un dos cursos presenciais.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario, con voz e sen voto.

-Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente poderá nomear un representante para a asistencia ás sesións da comisión con voz e sen voto. Coa debida

antelación, o nome do representante sindical seralle comunicado ó presidente da comisión de selección.

A comisión poderá dispoñe-la constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos nos puntos 1, 2 e 3 do baremo do anexo III. Ás reunións desta subcomisión poderán asistir representantes das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, esta comisión considérase incluída na categoría segunda.

Sétimo.-A selección dos aspirantes e a asignación de prazas farase de acordo cos seguintes criterios:

1. Terá preferencia na asignación das prazas convocadas para cada un dos cursos o profesorado do corpo de mestres, con independencia da súa situación administrativa, que non posúa as especialidades de: educación musical, educación física, pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe, educación infantil e inglés.

No caso de quedaren prazas non cubertas por este profesorado, as vacantes poderán ser cubertas por profesores posuidores das ditas especialidades. Dentro deste colectivo, pola súa vez, terán preferencia os que estean en posesión dunha especialidade sobre os que estean en posesión de dúas especialidades, e así sucesivamente.

2. Na asignación das prazas teranse en conta as seguintes cotas:

-Reservarase un 50% das prazas de cada curso para o profesorado ó que se lle suprimiu o seu posto de traballo e non conte con novo destino definitivo e que non estea en posesión das especialidades sinaladas no punto 1.

-Reservarase un 30% das prazas de cada curso para o profesorado con destino provisional que non estea en posesión das ditas especialidades.

-Reservarase un 20% das prazas de cada curso para o profesorado con destino definitivo que non estea en posesión das especialidades mencionadas.

No suposto de quedaren vacantes nas prazas reservadas para algún destes colectivos non especializado, estas acumularanse ás reservadas a outro grupo non especializado, pola orde establecida neste punto.

Se unha vez aplicado o criterio anterior aínda quedaren vacantes nalgún dos cursos, estas prazas poderanse cubrir con profesorado posuidor das especialidades mencionadas nos parágrafos anteriores e coas mesmas porcentaxes para cada situación administrativa.

Oitavo.-A valoración dos méritos dos solicitantes realizarase de acordo co baremo que figura no anexo III.

No caso de se produciren empates no total das puntuacións, estes resolveranse atendendo sucesivamente á maior puntuación en cada un dos puntos

do baremo, pola orde na que aparecen nel. A continuación desempatará o número de rexistro persoal máis baixo (cando proceda) e, se é o caso, ano de oposición e número de lista.

Noveno.-Finalizada a selección, a comisión elevaralla ó director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, para a súa resolución provisional, que se exporá nos taboleiros da consellería e das delegacións provinciais, con expresión da puntuación obtida polos solicitantes preseleccionados. Nesta resolución provisional, e para os efectos de cubrir posibles baixas, incluirase como reserva un número máximo de 20 persoas.

Xunto á resolución provisional indicarase o lugar, data e hora na que os aspirantes deberán realiza-la proba de acceso para os cursos de especialización en educación musical e en educación física. Na realización dela, os solicitantes serán chamados pola orde de puntuación acadada no baremo, segundo se especifica no anexo IV, e obrigatoriamente terán que obter un mínimo de dous puntos para poderen resultar preseleccionados finalmente para a realización do curso.

Décimo.-Dentro dos sete días naturais seguintes ó da exposición da resolución provisional da selección á que se refire o punto anterior, os solicitantes poderán presentar diante da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional as reclamacións oportunas.

No mesmo prazo os solicitantes que resulten preseleccionados, así como os reservas, deberán presentar na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación que en cada caso se solicite nesa resolución provisional.

Transcorrido o prazo de reclamacións, e dentro dos cinco días naturais seguintes, a comisión resolverá as reclamacións, comprobará a documentación achegada polos solicitantes preseleccionados e os reservas, así como os resultados obtidos polos candidatos nas probas de acceso naqueles cursos de especialización nos que esta sexa precisa, e proporalle ó director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a selección definitiva, que será publicada no taboleiro de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das delegacións provinciais.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación, segundo o disposto nos artigo 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso

contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Décimo primeiro.-Unha vez resolta a presente convocatoria soamente se admitirán renuncias ós cursos concedidos en casos de excepcional gravidade e libremente apreciados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O profesorado seleccionado que non participe na actividade concedida perderá a súa preferencia para participar nas tres próximas convocatorias destes cursos de especialización, agás nos casos excepcionais autorizados.

As baixas que por calquera causa se produzan entre os seleccionados antes de empeza-lo curso e na primera semana de realización del, cubriranse cos aspirantes que figuran como reservas, por orde de puntuación.

Décimo segundo.-Os mestres participantes nun curso están obrigados a asistir e realizar tódalas actividades programadas del. O seu incumprimento en cada unha das fases (máis do 10% no caso dos cursos convocados baixo a modalidade de ensino presencial) dará lugar á exclusión do curso, logo de informe do director deste, oído o interesado e coa conformidade do director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. A mencionada exclusión dará lugar á perda da preferencia para participar nas vindeiras tres convocatorias da actividade.

Décimo terceiro.-A cualificación global será «apto» ou «non apto». Ós declarados «non aptos» nos cursos convocados baixo a modalidade de ensino presencial, faráselles sabe-la data e condicións para a realización dunha nova proba con carácter extraordinario.

Décimo cuarto.-Durante o tempo de duración da fase teórico-práctica dos cursos de especialización convocados baixo a modalidade de ensino presencial, os profesores seleccionados desfrutarán de licencia por estudios e recibirán os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias.

Décimo quinto.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia a relación de persoas que superen os cursos con avaliación positiva. Con posterioridade á dita publicación, a delegación provincial correspondente expedirá, de oficio, a oportuna habilitación.

Décimo sexto.-As persoas participantes no curso comprométense a imparti-las ensinanzas obxecto de especialización ó longo dos 5 anos seguintes á obtención da especialidade, no seu propio centro, ou noutro centro no que puidesen acada-lo devandito posto en concurso de traslados ou, de non darse ningún dos supostos anteriores, nos centros ós que a Administración educativa os destine en comisión de servicios dentro da zona do seu centro de destino.

Décimo sétimo.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para

dicta-las normas que considere oportunas para o desenvolvemento e interpretación da presente orde.

Décimo oitavo.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

Curso de especialización en educación musical

Celebrarase un curso en Ourense, sendo a responsable da súa organización a Universidade de Vigo.

Número de participantes: 40 profesores/alumnos.

Partes do curso: teórico-práctica e práctica.

-Fase teórico-práctica:

1. Linguaxe musical (40 horas).

2. Formación vocal e auditiva (40 horas).

3. Formación instrumental (80 horas).

4. Formación rítmica e danza (40 horas).

5. Agrupacións musicais (80 horas).

6. Música e cultura (40 horas).

7. Didáctica da expresión musical (80 horas).

8. O currículo da educación musical en educación primaria (40 horas).

En total, esta fase teórico-práctica será de 440 horas e realizarase nos meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 1999, en sesións de mañá e tarde.

-Fase práctica: realizarase nos centros de destino unha vez rematada a fase teórico-práctica.

Para acceder a esta fase é necesario supera-la fase teórico-práctica.

II. Avaliación.

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independentemente. A superación desta fase implicará ter aprobadas as avaliacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. Ó longo dela deberanse presenta-los traballos que se indiquen ó comezo. A avaliación terá en conta o informe do director ou directora do curso e unha memoria final que terá que ser entregada por cada alumno e avaliada polos responsables do curso.

Curso de especialización en educación física

Celebrarase un curso en Vigo, sendo a responsable da súa organización a Universidade de Vigo.

Número de participantes: 40 profesores/alumnos.

Partes do curso: teórico-práctica e práctica.

-Fase teórico-práctica:

1. Aprendizaxe e desenvolvemento motor (60 horas).

2. Bases biolóxicas e fisiolóxicas do movemento (60 horas).

3. Teoría e práctica do acondicionamento físico (60 horas).

4. Bases teóricas da educación física (60 horas).

5. Didáctica da educación física (120 horas).

6. O currículo da área na educación primaria (40 horas).

En total esta fase teórico-práctica será de 400 horas e realizarase nos meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 1999, en sesións de mañá e tarde.

-Fase práctica: realizarase nos centros de destino, unha vez rematada a fase teórico-práctica.

Para acceder a esta fase é necesario supera-la fase teórico-práctica.

II. Avaliación.

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independentemente. A superación desta fase implicará ter aprobadas as avaliacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. Ó longo dela deberanse presenta-los traballos que se indiquen ó comezo. A avaliación farase tendo en conta o informe do director ou directora e unha memoria final que terá que ser entregada por cada alumno e avaliada polos responsables do curso.

Curso de especialización en audición e linguaxe

Celebraranse dous cursos:

-Un na Coruña, sendo a responsable da súa organización á Universidade da Coruña.

-E outro en Santiago de Compostela, sendo a responsable da súa organización a Universidade de Santiago de Compostela.

Número de participantes: 40 profesores/alumnos por curso.

Partes do curso: teórico-práctica e práctica.

-Fase teórico-práctica:

1. Anatomía, fisioloxía e neuroloxía da linguaxe (40 horas).

2. Aspectos evolutivos do pensamento e da linguaxe (40 horas).

3. Desenvolvemento de habilidades lingüísticas (40 horas).

4. Patoloxía da audición e a linguaxe (80 horas).

5. Tratamento educativo dos trastornos da audición e a linguaxe oral e escrita (160 horas).

6. Sistemas alternativos de comunicación (40 horas).

En total esta fase teórico-práctica será de 400 horas e realizarase nos meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 1999, en sesións de mañá e tarde.

-Fase práctica: realizarase nos centros de destino, unha vez rematada a fase teórico-práctica.

Para acceder a esta fase é necesario supera-la fase teórico-práctica.

II. Avaliación.

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independentemente. A superación desta fase implicará ter aprobadas as avaliacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. Ó longo dela deberanse presenta-los traballos que se indiquen ó comezo. A avaliación farase tendo en conta o informe do director ou directora e unha memoria final que terá que ser entregada por cada alumno e avaliada polos responsables do curso.

Curso de especialización en pedagoxía terapéutica

Celebraranse dous cursos:

-Un na Coruña, sendo a responsable da súa organización a Universidade da Coruña.

-E outro en Lugo, sendo a responsable da súa organización a Universidade de Santiago de Compostela.

Número de participantes: 40 profesores/alumnos por curso.

Partes do curso: teórico-práctica e práctica.

-Fase teórico-práctica:

1. Aspectos didácticos e organizativos da educación especial (50 horas).

2. Aspectos evolutivos e educativos da deficiencia auditiva (50 horas).

3. Aspectos evolutivos e educativos da deficiencia mental (60 horas).

4. Aspectos evolutivos e educativos da deficiencia motórica (50 horas).

5. Aspectos evolutivos e educativos da deficiencia visual (50 horas).

6. Educación física en alumnos con necesidades educativas especiais (40 horas).

7. Expresión plástica e musical en alumnos con necesidades educativas especiais (40 horas).

8. Trastornos de conducta e de personalidade (50 horas).

9. Tratamentos educativos dos trastornos da lingua escrita (50 horas).

En total esta fase teórico-práctica será de 440 horas e realizarase nos meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 1999, en sesións de mañá e tarde.

-Fase práctica: realizarase nos centros de destino, unha vez rematada a fase teórico-práctica.

Para acceder a esta fase é necesario supera-la fase teórico-práctica.

II. Avaliación.

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independentemente. A superación desta fase implicará ter aprobadas as avaliacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. Ó longo dela deberanse presenta-los traballos que se indiquen ó comezo. A avaliación farase tendo en conta o informe do director ou directora e unha memoria final que terá que ser entregada por cada alumno e avaliada polos responsables do curso.

Curso de especialización en educación infantil

Responsable da súa organización: Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).

Número de participantes: 80 profesores/alumnos.

Datas de celebración: ó longo do curso 1999-2000.

Partes do curso: teórico-práctica e práctica.

-Fase teórico-práctica:

En total esta fase teórico-práctica será de 400 horas e realizarase segundo a modalidade de ensino a distancia.

-Fase práctica: realizarase nos centros de destino, asistidos e asesorados por un titor da UNED, durante o curso 1999-2000. A duración desta fase será de 100 horas.

Para acceder a esta fase é necesario supera-la fase teórico-práctica.

II. Avaliación.

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independentemente. A superación desta fase implicará ter aprobadas as avaliacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. Ó longo dela deberanse presenta-los traballos que se indiquen ó comezo. A avaliación terá en conta o informe do director ou directora do curso e unha memoria final que terá que ser entregada por cada alumno e avaliada polos responsables do curso.

ANEXO IV

Proba de aptitude

A puntuación mínima esixida neste apartado é de 2 puntos, e a máxima de 4 puntos. Serán excluídos os que non acaden esta puntuación mínima. Así mesmo, esta nota non se acumulará á puntuación final do baremo.

Para os aspirantes ó curso de educación musical:

Primeira proba: lectura dunha pasaxe de ritmo de 16 compases. Lectura, entoación e medida dunha pasaxe melódica.

Segunda proba: interpretación dunha obra de libre elección achegada polo aspirante nun instrumento melódico ou harmónico.

Para os aspirantes ó curso de educación física:

Primeira proba: recorrer en zigzag un circuíto de cinco conos, en liña cunha separación de dous metros entre cada un, botando un balón de voleibol en percorrido de ida e volta. Tras supera-lo último cono do percorrido de ida realizaranse lanzamentos do balón coa man ata obter tres dianas sobre un branco dun metro de diámetro, situado na parede a dous

metros e medio de distancia e o bordo inferior estará situado a un metro e medio do nivel do chan; a continuación realizaranse lanzamentos do balón co pé ata obter tres dianas sobre unha superficie delimitada dun metro e medio de largo por un metro de alto, colocada a ras do chan e debaixo da anterior.

Mínimos establecidos: homes, vinte segundos; mulleres, vintecatro segundos.

Segunda proba: tumbado boca arriba, coas pernas flexionadas e suxeitando unha pelota na caluga, elevar e descender o tronco repetidamente durante trinta segundos.

Mínimos establecidos: homes, 15 veces; mulleres, 12 veces.

Terceira proba: 9 por 4. Partir dunha liña de saída ata outra situada a nove metros; recoller un taco de madeira, levalo e deixalo na liña de saída; repeti-lo percorrido facendo o mesmo cun segundo taco de madeira.

Mínimos establecidos: homes, once segundos; mulleres, doce segundos.

Cuarta proba: carreira continuada de nove minutos.

Mínimo establecidos: homes, 2.000 metros; mulleres, 1.500 metros.

Para os aspirantes ós cursos de audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica e educación infantil:

Non haberá proba de aptitude.

ANEXO V

Modelo de declaración xurada

Don/Dona

con DNI nº e nº rexistro de persoal

profesor/a do corpo de mestres con destino no:

Teléfono: (.......)..........................

Declara baixo a súa responsabilidade que se encontra en posesión das seguintes especialidades:

E para que conste na solicitude de cursos de especialización para mestres convocados pola Orde do 20 de abril de 1999, asino a presente declaración en, ..... de...................... de 1999.

Asdo.:

Educación infantil, filoloxía francesa, filoloxía inglesa, lingua e literatura galega, audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica, educación musical e educación física.