Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 18 de maio de 1999 Páx. 5.900

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 1999, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se dictan instruccións para a organización das actividades de final do curso 1998-1999 nas escolas de educación infantil, nos colexios de educación infantil e primara e nos centros públicos integrados.

Co obxecto de organiza-las actividades de final de curso con criterios uniformes nas escolas de educación infantil, nos colexios de educación infantil e primaria e nos centros públicos integrados, esta dirección xeral resolveu dictar, con carácter xeral, seguintes instruccións:

Primeiro.-Os comedores escolares funcionarán ata o día 28 de maio, inclusive.

Segundo.-A partir do día 31 de maio ata o 22 de xuño, inclusive, as actividades escolares para os alumnos escolarizados no centro desenvolveranse en xornada única de 4 horas, sen prexuízo do cum

primento por parte do profesorado do horario que lle corresponda.

Terceiro.-O período comprendido entre o 23 e o 30 de xuño será dedicado polo profesorado, entre outras actividades, a elabora-las actas de avaliación, os informes individualizados, os informes ás familias e a cubri-los libros de escolaridade, permanecendo todo o profesorado no centro ata o día 30 de xuño, inclusive.

Cuarto.-A fin de que os pais ou titores dos alumnos dispoñan do prazo para exerce-lo dereito a presentar reclamación, se é o caso, contra das cualificacións finais, segundo establece o punto 11 do capítulo IV do anexo á Orde do 22 de xullo de 1997 (DOG do 2 de setembro) para os alumnos de educación infantil e primaria, e a Orde do 28 de agosto de 1995 (BOE do 20 de setembro) para os alumnos de educación secundaria obrigatoria, a sesión de avaliación final dos alumnos terá lugar o día 23 de xuño; e a comunicación ás familias do resultado da avaliación farase o día 24 de xuño.

Quinto.-Para lle dar cumprimento ó establecido na disposición adicional cuarta do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias o equipo directivo elaborará, ó longo do mes de xuño, a memoria final de curso de acordo co disposto no punto 5 do capítulo I do anexo da citada Orde do 22 de xullo de 1997. Unha copia da devandita memoria, unha vez informada polo claustro e o consello escolar, será remitida ó Servicio Provincial da Inspección educativa antes do 10 de xullo.

Sexto.-Os alumnos que rematen a educación primaria e tiveran feita a reserva de praza prevista no punto segundo da Orde do 5 de abril de 1995 (DOG do 10 de maio) quedarán automaticamente matriculados no instituto de educación secundaria ó que estea adscrito o centro de educación primaria, de conformidade co punto terceiro da dita orde. Para tales efectos os directores dos centros de educación primaria remitirán ó instituto de educación secundaria ó que estean adscritos, relación nominal dos alumnos que pasan a primeiro curso de educación secundaria obrigatoria acompañada dos documentos correspondentes.

Sétimo.-Os centros deberán observa-las normas fixadas no Decreto 89/1993, do 19 de abril (DOG do 27-4-1993) polo que se regula a autorización de libros de texto e outros materiais curriculares para as ensinanzas de réxime xeral, e as fixadas no Decreto 247/1995, do 14 de setembro (DOG do 15 de setembro), polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a súa

aplicación ó ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios, que no artigo 8.2º establece que os materiais que se empreguen nas áreas ou materias que se deben impartir na lingua propia de Galicia terán que estar normalmente en galego. Para tal efecto exporán no taboleiro na primeira quincena de xuño a relación de libros e material didáctico impreso que se utilizará no curso 1999/2000. Unha copia da citada relación enviarase ós respectivos servicios provinciais da Inspección educativa antes do día 21 de xuño. Así mesmo, observarase a prohibición da venda e/ou distribución de libros e material didáctico nos centros tanto por persoal do colexio, como por persoas alleas a el.

Oitavo.-Conforme o disposto na Orde do 30 de maio de 1998 (DOG do 10 de agosto), pola que se aproba o calendario escolar do curso 1998-1999, cando as circunstancias dalgún centro o requiran, o delegado provincial da Consellería de Educación e Oredenación Universitaria poderá modifica-las datas sinaladas na presente resolución e autorizar outro tipo de xornada.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 1999.

Severino Somoza Gómez

Director xeral de Centros e Inspección Educativa