En sesión ordinaria do Pleno deste Concello do 19 de maio de 1999 e coas ausencias de Ana Fumega Piñeiro e Argimiro Marnotes Rodriguez, entre outros, adoptouse o seguinte acordo, que na súa parte dispositiva di:
«3. Aprobación definitiva do ED patio interior das rúas Carreira, Xaquín Losada, Conde Vallellano e Aldara.
Sen máis, a corporación, por unanimidade dos seus membros presentes, acorda:
1. Desestima-la alegación efectuada por Mª Josefa González Ordóñez, xa que:
-A parcela propiedade de Etelvino Valeiras cumpre as condicións establecidas polo artigo 1.3º.12 das vixentes normas subsidiarias deste concello, polo que procede á expropiación, no seu momento, e á aprobación previa do ED para fixa-la liña de fondo, segundo consta na memoria deste.
-A edificación existente na r/ Carreira, 25 de Mª Josefa González é de recente construcción, con fondo total duns 14 m, sen que conste solicitude no concello para a ampliación da edificación no resto vacante do soar. Non obstante e aínda no caso de facerse efectiva a expropiación, a interesada podería amplia-la edificación que posúe de cara ó fondo da súa propiedade e pola traseira de Etelvino Valeiras, onde restaría agotar un fondo entre 7 e 8 m.
2. Desestima-las alegacións efectuadas no seu momento pola comunidade de propietarios do edificio Conde Vallellano, nº 20 xa que a previsión de rueiro pechado sen patio interior se atopa incluído nas normas subsidiarias municipais, sen que poida, pola argumentación dos alegantes, deixar sen efecto un dereito que estas lle atribúen expresamente ó posible beneficiario da expropiación. O momento para efectuar reclamacións ou solicitudes do estilo da presentada enténdese que sería na exposición pública á que no seu día se someteu o procedemento para a aprobación das normas subsidiarias ou ben instando a súa modificación.
3. Aprobar definitivamente o ED da zona delimitada polas rúas Carreira, Xaquín Losada, Conde Vallellano e Aldara, publicando esta aprobación, xunto co seu réxime de recursos, no Diario Oficial de Galicia e no BOP, de conformidade co sinalado no artigo 70.2º da Lei 7/1985, artigo 48 da Lei 1/1997, do solo de Galicia e 140 do R.D. 2159/1978, sen que entre en vigor ata o transcurso do prazo previsto no artigo 65.2º da propia Lei 7/1985.
4. Dar traslado deste acordo ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda xunto con copia autentificada do expediente administrativo completo e de dous exemplares do instrumento apro
bado definitivamente no senso exposto polo artigo 48.3º da devandita Lei 1/1997».
O que se fai público, en cumprimento do ordenado e para os efectos oportunos.
Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o seguinte ó da súa notificación. Non obstante e con carácter potestativo, poderá interpor recurso de reposición ante o propio órgano autor desta resolución no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación. Contra a resolución deste último recurso non poderá interpoñerse de novo recurso de reposición.
Todo iso sen prexuízo de interpoñer calquera outro recurso que vostede considere máis procedente e sexa conforme a dereito.
O Carballiño, 19 de maio de 1999.
José Luis Mato Rodríguez
Secretario

