Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galiza Sempre, con domicilio na avenida de Rodríguez de Viguri, 16, baixo. Santiago de Compostela. A Coruña.
Supostos de feito.
Primeiro.-Xosé Gonta Sobrino, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 1 de xullo de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día vinteún de maio de mil novecentos noventa e nove, ante o notario do Colexio da Coruña Domingo Enrique Gutiérrez Aller, co número mil trescentos cinco do seu protocolo, polo Bloque Nacionalista Galego. Esta escritura foi emendada por outra posterior con data do quince de xullo de mil novecentos noventa
e nove perante o mesmo notario e interveniente, co número mil setecentos vinte do seu protocolo.
Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Galiza Sempre, dado o seu obxecto e finalidade polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.
Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 6 de xullo de 1999 (DOG do 27 de xullo) clasificouse como de interese cultural a Fundación Galiza Sempre, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.
Quinto.-Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é:
a) O fomento e a realización de actividades culturais que teñan por fin o estudio e desenvolvemento do pensamento político, social, económico e cultural de Galicia.
b) Difundi-lo pensamento político daquelas persoas e entidades que traballan, dentro da legalidade vixente, pola consecución da soberanía da nación galega, o progreso social e o afondamento na democracia na perspectiva de acadar unha sociedade galega e mundial máis libre, xusta e solidaria.
c) Promove-lo coñecemento na sociedade da personalidade nacional de Galicia e da súa historia impulsando o seu estudio e a súa proxección pública.
d) Afondar no coñecemento da realidade galega na súa dimensión política, social, cultural e económica.
e) Aumenta-la formación política dos cidadáns, afondar no debate político e impulsa-la sensibilización e concienciación da sociedade sobre a realidade e problemáticas propias da nación galega e a visión do mundo desde unha perspectiva nacional galega.
Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Galiza Sempre, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.
O padroado da fundación estará constituído por Xosé Manuel Beiras Torrado como presidente, Fran
cisco Rodríguez Sánchez como vicepresidente, Xosé Gonta Sobrino como secretario-tesoureiro.
Fundamentos de dereito.
Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galiza Sempre, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.
Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación dela.
Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.
Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.
Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.
Por todo isto
DISPOÑO:
Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Galiza Sempre.
Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Funda
cións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.
Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.
Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de dá-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.
Santiago de Compostela, 9 de agosto de 1999.
Jesús Pérez Varela
Conselleiro de Cultura, Comunicación Social
e Turismo

