Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Botamavi, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 21-6-1999, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa e da parte social, polo delegado de persoal, en data 7-6-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial
ACORDA:
Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.
Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.
Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Vigo, 2 de xullo de 1999.
Antonio Coello Bufill
Delegado provincial de Pontevedra
Convenio colectivo da empresa Botamavi, S.L.
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Ámbito funcional.
O presente convenio regula as condicións económicas, sociais e laborais entre a empresa Botamavi, S.L. e os seus traballadores fixos ou temporais.
Artigo 2º.-Ámbito persoal e territorial.
O presente convenio obriga a tódolos traballadores e á dirección da empresa durante todo o tempo da súa vixencia.
Artigo 3º.-Ámbito temporal e denuncia.
Este convenio será de aplicación desde o 1-6-1999 ata o 31-5-2002, agás naqueles conceptos para os que se establezan datas de vixencia diferentes, entendéndose prorrogado por anualidades agás que fose efectuada de forma expresa a correspondente denuncia por calquera das partes mediante escrito e cun prazo de aviso previo superior a dous meses respecto á data do seu remate, manténdose en vigor a totalidade do seu contido ata que non se logre acordo expreso.
Artigo 4º.-As partes.
Dunha parte, o empresario ou a persoa que apodere expresamente para tal fin e, doutra, o delegado de persoal ou os representantes sindicais que acrediten a dita representantividade esixida legalmente.
Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.
As partes asumen o cumprimento de cada unhas das cláusulas deste convenio con vinculación á totalidade del, que respecta e mellora as condicións pactadas no convenio nacional de amarradores publicado no BOE nº 203, do 22 de agosto de 1996, as cales en cómputo anual e global se consideran substituídas, compensadas e absorbidas o mesmo ca calquera mellora parcial que por disposición legal con carácter xeral ou específica para o sector puidese establecerse.
Artigo 6º.-Comisión paritaria.
Durante a vixencia do presente convenio consituirase unha comisión paritaria de carácter permanente que se deberá formalizar no prazo dos trinta días seguintes ó da sinatura deste convenio e que estará formada polos membros integrantes da comisión negociadora; poderán asistir ás sesións con voz pero sen voto os asesores que as partes coiden convenientes cun máximo de dúas por cada parte.
Terá a función de vixilancia e seguimento do cumprimento deste convenio e, por instancia dalgunha das partes, mediar e/ou tentar conciliar, se é o caso,
e logo de acordo das partes e por solicitude delas, arbitrar en cantas cuestións e conflictos, todos eles de carácter colectivo, poidan suscitarse na aplicación do presente convenio.
Os acordos da comisión paritaria adoptaranse en todo caso por unanimidade.
Poderanse convoca-las reunións extraordinarias que se consideren necesarias, solicitadas pola metade máis un dos seus membros, mediante a oportuna comunicación escrita á secretaría con sede administrativa na estación marítima, con tres días de antelación á data da reunión, facendo consta-la orde do día e o carácter dela.
A condición de membro da comisión é persoal e intransferible.
Capítulo II
Contratación
Artigo 7º.-Período de proba.
Estipúlase un período de proba durante o que ámbalas partes poden resolve-lo contrato sen necesidade de alegar causa xusta sen aviso previo e sen ningunha indemnización regulada de acordo co establecido no artigo 14 do Estatuto dos traballadores agás na súa duración, que se fixa en:
-15 días para traballadores sen cualificación profesional.
-30 días para traballadores con cualificación, incluído o persoal administrativo, e
-3 meses para o persoal titulado.
Transcorrido o período de proba sen que se producise o desestimento, o contrato producirá plenos efectos, computándose o tempo de servicios prestados para efectos de antigüidade.
Artigo 8º.-Contratación de duración determinada (artigo 15.1º B.E.T.)
Cando o contrato se concerte para cubrir un posto de traballo que non teña a consideración de obra e por un período inferior ó legalmente previsto, este poderá de común acordo ser prorrogado ata a duración máxima establecida.
Se o contrato de duración determinada é superior a un ano, o empresario estará obrigado a notifica-la súa terminación cunha antelación mínima de quince días, agás no contrato de interinidade no que dada a natureza da substitución se descoñeza a data exacta de reincorporación do traballador substituído.
Artigo 9º.-Cesamentos.
O persoal afectado polo presente convenio que se propoña cesar voluntariamente terá que llo comunicar á empresa alomenos con quince días de anticipación á data en que teña que deixar de prestar servicio.
O incumprimento por parte do traballador da obriga de avisar coa indicada antelación daralle dereito á empresa a reter na liquidación del o importe do salario dun día por cada día de falta de aviso previo.
Artigo 10º.-Clasificación e mobilidade funcional.
Tódolos traballadores serán clasificados individualmente de acordo coas funcións e tarefas de traballo que desempeñan e para os que foron contratados.
As categorías asignadas ó persoal non poderán sufrir modificación ningunha fóra dos supostos recollidos no presente convenio. En ningún caso se poderá producir promoción profesional polo só feito da antigüidade.
A mobilidade funcional, de libre designación por parte do empresario, non terá outras limitacións que as esixidas polas titulacións académicas ou profesionais precisas para exerce-la prestación laboral e pola permanencia ó grupo profesional.
A mobilidade funcional para a realización de funcións non correspondentes ó grupo profesional só será posible dentro do horario fixado para as quendas entre as 8 e as 19 horas e, se existisen razóns técnicas ou organizativas que a xustifiquen, polo tempo imprescindible para a súa atención.
Capítulo III
Xornada e horario de traballo
Artigo 11º
a) A xornada laboral será de 1.826,5 horas de traballo efectivo en cómputo anual, establecéndose quendas da seguinte forma: quendas dun día de traballo e outro de descanso para os meses de outubro a maio e quendas de descanso dunha semana si e outra non para os meses de xuño a setembro.
Estas quendas de traballo son establecidas pola empresa, tendo en conta que o servicio ten que estar cuberto as 24 horas ó día por un equipo cunha composición que en ningún caso poderá ser inferior a catro operarios, dous pertencentes ó persoal marítimo e dous ó persoal de terra, para buques de menos de 100 m de eslora e cinco operarios, dous marítimos e tres de terra, para labores de amarre e/ou desamarre que hai que desenvolver con buques de eslora superior ós 100 m referenciados.
Este número mínimo-suficiente determínao:
1. A Capitanía Marítima por razóns de seguridade marítima adecuadas ó tráfico marítimo existente e á tipoloxía de manobra que hai que realizar.
2. A Corporación de Prácticos do Porto de Vigo por razóns de funcionalidade co fin de lle dar cumprida dilixencia ó servicio as 24 horas ó día os 365 días ó ano, e
3. A Asociación Española de Amarradores de acordo coas boas regras de oficio.
Para o período comprendido entre os meses de xuño a setembro designarase con carácter rotatorio aquel integrante de entre o persoal de terra que na súa quenda de descanso semanal e por razóns técnicas ou organizativas poderá ser requirido para a súa pronta incorporación ó posto de traballo.
O abandono do posto de traballo durante a xornada laboral, sexa cal for a quenda asignada, poderá ser sancionado pola empresa de acordo coa gradación de faltas e sancións tipificadas no artigo 18º do presente convenio a excepción daquelas situacións imprevisibles sobrevidas por forza maior, logo de comunicación ó persoal que deba efectua-la substitución e posterior xustificación.
b) Establécese un horario para estas quendas que é desde as 8 ás 19 horas, cun intervalo de dúas horas (entre as 12 e as 15) para o xantar. Durante este horario, o cadro de persoal estará integrado por dous equipos composta sempre en función dos prácticos de servicio no porto.
Desde as 19 horas en diante, en todo caso ata as 8 horas do día seguinte o servicio cubrirase cunha persoa de entre as de amarre desde embarcación e outra de entre as de amarre de terra, quedando as demais persoas localizadas, para que nun prazo máximo de 30 minutos se incorporen ó seu posto de traballo.
A quenda para os sábados será desde as 8 horas ata as 13 horas; o cadro de persoal de servicio estará formado por dous operarios de persoal martítimo e dous do persoal de terra.
Desde as 13 horas do sábado ata as 8 horas do luns, o servicio cubrirase polo cadro do persoal de servicio que se establece no segundo parágrafo da letra b) do presente artigo.
O persoal que integra o servicio de garda fíxao á súa conveniencia a empresa respectando os descansos. O servicio iníciase ás 19 horas ata as 8 horas do día seguinte, de luns a venres.
A garda deberá iniciarse os sábados ás 13 horas e durará ata o domingo ás 8 horas; o relevo iniciarase ata as 8 horas do luns.
O persoal que estivo de garda durante a noite non abandonará o servicio ata que comparezan fisicamente os integrantes do servicio diúrno. A parte prexudicada terá unha compensación económica en detrimento da outra, a razón do tempo efectivo transcorrido; o persoal de garda deberalle comunicar inmediatamente á dirección da empresa a inasistencia do seu relevo ó traballo.
Para tódolos efectos terase presente o R.D. 1561/1995, do 21 de setembro, regulador da xornada de traballo e descanso dos traballadores do mar.
Con carácter extraordinario, a festividade do 16 de xullo, Nosa Señora do Carme, terá o mesmo tratamento para os efectos do réxime de xornada de traballo e quendas có establecido para os domingos.
Capítulo IV
Vacacións, permisos e licencias
Artigo 12º.-Vacacións.
Posto que a distribución da xeira laboral en quendas permítelles ós traballadores dispoñeren de varios
días continuados de descanso, acórdase desta maneira o desfrute do período vacacional; en todo caso a suma total deles sempre deberá superar como mínimo trinta días naturais.
No suposto de renuncia expresa por parte do traballador ó método anteriormente descrito -durante o mes de decembro anterior ó ano en que se aplique a empresa concederá para o seu desfrute trinta días naturais, ou, se é o caso, a parte proporcional, en concepto de vacacións anuais retribuídas, e publicará con anterioridade ó 31 de xaneiro de cada ano o calendario de vacacións para coñecemento do persoal, ou ben notificando para cada caso en particular alomenos con dous meses de antelación do comezo delas.
A empresa concederá preferentemente as vacacións entre os meses de xuño e setembro, ambas inclusive; poderá excluír, por motivos de organización xustificados, determinados períodos para o seu desfrute.
Artigo 13º.-Licencias.
A empresa concederalles ós traballadores que o soliciten, logo de xustificación, se é o caso, as licencias sinaladas seguidamente sen perda de retribución salarial:
Apartado a):
a.1. Por matrimonio do traballador: quince días.
a.2. Por nacemento de fillos, enfermidade grave de cónxuxe ou fillos: tres días.
a.3. Enfermidade grave de pais ou irmáns: dous días.
Enténdense por enfermidade grave só aqueles supostos en que se produza hospitalización ou intervención cirúrxica.
O tempo deste apartado poderá ser ampliado sen dereito a ningunha remuneración.
Apartado b):
b.1. Morte do cónxuxe, parella de feito ou fillos: tres días.
b.2. Morte de pais ou irmáns: dous días.
b.3. Morte de familiares políticos ata segundo grao: dous días.
b.4. Cambio de domicilio: un día.
b.5. Matrimonio dun fillo: un día se se celebra en día laborable.
b.6. Consulta ó médico especialista ou xeneralista: un máximo de tres horas xustificadas ó día.
Apartado c):
Os traballadores terán dereito, así mesmo, a dispoñer de tres días ó ano (sen que poida ser consecutivo ós relacionados nos apartados a) e b), non retribuído, calquera que sexa a causa alegada na súa petición escrita á empresa cunha antelación mínima de cinco días.
Capítulo V
Suspensión do contrato
Artigo 14º.-Excedencia.
1. A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa:
a) Voluntaria: o traballador con, polo menos unha antigüidade dun ano na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de se situar en excedencia voluntaria por un tempo non menor a dous anos nin superior a cinco. O traballador só poderá exercer de novo este dereito se transcorren catro anos desde o remate da anterior excedencia.
b) Forzosa: o traballador poderase situar en situación de excedencia forzosa nos seguintes casos:
-Cando sexa elixido para un cargo público que imposibilite a súa asistencia ó traballo.
-Cando exerza un cargo ou funcións sindicais de ámbito provincial ou superior. Neste caso a solicitude irá acompañada dunha certificación da central sindical á que pertenza, na que conste o cargo ou función para a que foi elixido.
2. Na excedencia voluntaria conservarase un dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa, que houbesen ou se produzan na empresa cun prazo de solicitude dun mes antes da terminación do prazo que lle foi concedido. Na excedencia forzosa o reingreso será automático na empresa, ó rematar aquela e para ocupar unha praza da mesma categoría cá que anteriormente ocupaba na empresa, se ben tamén será necesaria a comunicación da súa incorporación cunha antelación mínima dun mes.
3. O tempo de excedencia non será computable para efectos de antigüidade e promoción e de non se face-la solicitude en tempo e forma, dará lugar á perda de tódolos dereitos.
Capítulo VI
Estructura salarial
Artigo 15º
As percepcións salariais brutas dos traballadores encadrados no ámbito funcional do presente convenio distribuiranse, ademais dos de carácter individual que teñan recoñecidos, entre os seguintes conceptos:
a) Salario base: inclúe os complementos por quendas e por nocturnidade.
b) Complemento de categoría: establécese este complemento compensatorio, con carácter exclusivo para as categorías de patrón de tráfico interior e mecánico naval que exerzan mando nos buques; o seu importe fíxase nun 10% sobre o salario base retribuído no mes de referencia.
Os conceptos de salario base e complemento de categoría serán revisados anualmente aplicándolle-las variacións que experimente o IPC que publique con carácter nacional o INE. As revisións realizaranse sempre en febreiro de cada ano, aplicando
no referido mes as diferencias por atrasos, unha vez publicado o IPC real habido no ano inmediato anterior.
Táboa salarial
CategoríasSalario base (en ptas.)
Sección servicios
Tódalas categorías129.649
Sección administración
Xefe de persoal129.649
Administrativo129.649
Axudante/auxiliar105.470
CobradorS.M.I.
Persoal servicios variosS.M.I.
(*S.M.I.: salario mínimo interprofesional)
Capítulo VII
Percepcións de carácter extrasalarial
Artigo 16º.-Axudas de custo, locomoción e transporte.
a) Locomoción e transporte: todo o persoal da empresa percibirá a cantidade de tres mil duascentas (13.200 ptas.) pesetas mensuais por este concepto extrasalarial.
b) Axudas de custo: para compensa-los traballadores que ó longo do mes prestan servicios en lugar distinto do traballo habitual (recinto portuario de Vigo) e que se corresponde cos peiraos de Cangas, Moaña, Rande e Chapela, a empresa aboaralle a cada traballador a cantidade de trinta e seis mil seiscentas quince (36.615 ptas./mes) pesetas mensuais, efectivo de desprazamento.
Capítulo VIII
Xubilación
Artigo 17º
Como política de emprego e por necesidades do mercado do traballo no sector, establécese a xubilación forzosa ós sesenta e cinco anos. En consecuencia, o cumprimento da idade prevista operará automaticamente sobre a extinción do contrato de traballo, agás que o traballador non tivese cuberto o período mínimo necesario de carencia para acceder á xubilación, caso en que poderá continuar traballando polo tempo indispensable para iso.
O empresario está obrigado a comunica-la extinción do contrato por esta causa dentro do mes anterior ó cumprimento da idade de xubilación do traballador.
Sempre e cando o traballador teña dereito ó 100% da pensión de xubilación incentivarase, en función da súa idade, a solicitude da súa prestación anticipada na cantidade que a seguir se sinala:
Idade do traballador no momento
da solicitude da prestación anticipadaContía que se vai percibir
Ós 60 anos300.000 ptas.
Ós 61 anos240.000 ptas.
Ós 62 anos180.000 ptas.
Ós 63 anos120.000 ptas.
Ós 64 anos120.000 ptas.
Capítulo IX
Réxime disciplinario
Artigo 18º
Os traballadores poderán ser sancionados pola empresa de acordo coa gradación de faltas e sancións que se establecen nos números seguintes:
Toda falta cometida polo traballador clasificarase, atendendo á súa importancia, trascendencia e intención, en leve, grave e moi grave.
1. Faltas leves. Consideraranse faltas leves as seguintes.
a) As de neglixencia na execución de calquera traballo que non poroduza perturbación no servicio encomendado.
b) As de puntualidade inferior a quince minutos, sempre que do atraso no se derive prexuízo para o servicio que se teña que prestar; neste caso terán a consideración de faltas graves.
c) Abandona-lo traballo sen motivo xustificado, aínda que sexa por breve tempo. Se, como consecuencia diso, se derivase prexuízo dalgunha consideración á empresa ou fose causa de accidente para os seus compañeiros de traballo, esta falta será considerada como grave ou moi grave segundo os casos.
d) As discusións cos compañeiros de traballo. Se tales discusións quebrasen a orde e a disciplina do persoal, poderán ser consideradas como faltas graves.
e) Pequenos descoidos na conservación dos materiais, útiles e ferramentas que o traballador teña ó seu cargo.
f) Falta de aseo ou limpeza persoal que non produza queixa dos compañeiros de traballo.
g) Calquera outra que non estea cualificada como grave ou moi grave.
2. Faltas graves. Considéranse como faltas graves as seguintes:
a) Máis de tres faltas de puntualidade na presentación no posto de traballo non xustificadas e cometidas no período de dous meses. Abondará unha soa cando tivese que relevar un compañeiro ou cando, como consecuencia dela, se lle causase prexuízo dalgunha consideración á empresa.
b) Faltar dun a tres días ó traballo nun período de trinta días sen causa que o xustifique. Abondará unha soa cando tivese que relevar un compañeiro ou cando, como consecuencia dela, se lle causase prexuízo dalgunha consideración á empresa.
c) Sempre que del se derive un prexuízo para a empresa, considerarase falta grave non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia que poden afecta-la Seguridade Social, as retencións sobre salarios que se deban practicar para o seu posterior ingreso na delegación de Facenda correspondente. Tanto a falta como o falseamento malicioso destes datos consideraranse como falta laboral moi grave.
d) Non comunica-lo cambio de domicilio que experiemente o traballador nun prazo de trinta días desde que aquel se producise.
e) Neglixencia no traballo que afecte a boa marcha del.
f) A imprudencia grave en actos de servicio, se implicase risco de accidente para el ou para os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións, poderá ser considerada como falta moi grave.
g) Ausentarse do traballo sen a correspondente xustificación ou permiso.
h) A simple desobediencia ós seus superiores en calquera materia de servicio.
i) As faltas de aseo e limpeza que produzan queixas xustificadas dos compañeiros de traballo.
j) A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do traballo.
3. Faltas moi graves. Considéranse faltas moi graves as seguintes:
a) Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade cometidas nun período de catro meses ou sete en oito meses.
b) As faltas inxustificadas ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos no período dun mes.
c) Causar accidentes graves por neglixencia ou imprudencia inescusable.
d) A embriaguez e o estado derivado do consumo de drogas durante o traballo.
e) A fraude (inlcuído o suposto de incapacidade temporal finxida ou maliciosamente provocada), deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto ós seus compañeiros de traballo como á empresa ou a calquera outra persoa dentro das dependencias dela, ou durante o traballo en calquera outro lugar.
f) Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou falta grave de respecto e consideración ós seus xefes, así como a compañeiros ou subordinados.
g) A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza.
4. Réxime de sancións.
Correspóndelle á empresa a facultade de sancionar nos termos do estipulado por este convenio.
A sanción de faltas leves, graves e moi graves requirirá a comunicación por escrito ó traballador, na que se faga consta-la data e os feitos que o motivaron. No caso de se negar a recibi-la comunicación, esta será asinada ante a presencia de dous traballadores testemuñas do acto.
5. Sancións.
As sancións máximas que se poderán interpoñer serán as seguintes:
a) Por faltas leves:
-Amoestación verbal.
-Amoestación por escrito.
b) Por faltas graves:
-Amoestación por escrito.
-Suspensión de emprego e soldo de dous a dez días.
c) Por faltas moi graves:
-Suspensión de emprego e soldo de once a sesenta días.
-Despedimento.
Capítulo X
Incapacidade temporal
Artigo 19º
Nos casos de baixa por accidente laboral ou enfermidade común, o traballador percibirá o salario que lle corresponda segundo a lexislación vixente; para este segundo caso percibirase ata o 100% do salario base e o 5% da antigüidade que ó traballador lle corresponda durante o 2º e 3º mes da súa situación de incapacidade temporal.
Capítulo XI
Seguros de responsabilidade civil e accidentes
Artigo 20º
Con independencia do seguro obrigatorio de accidentes e como complemento a el, a empresa establecerá, pola súa conta e en favor dos traballadores, un seguro de accidentes que cubra os riscos na súa actuación profesional de:
-Invalidez permanente total e parcial por accidente: 4.000.000.
-Gran invalidez por accidente: 6.000.000.
-Falecemento por accidente: 2.000.000.
-Invalidez permanente por infarto laboral: 6.000.000.
-Falecemento por infarto laboral: 2.000.000.
-Incapacidade temporal por accidente: (*) 1.000 ptas./día
(*) Período de cobertura: 365 días.
Para a súa cobertura será preceptivo o dictame da Seguridade Social mediante o que se recoñeza o accidente laboral nas situacións de invalidez permanente e falecemento derivadas de infarto laboral.
Capítulo XII
Seguridade e saúde laboral
Artigo 21º
No tocante á saúde laboral e prevención de riscos laborais haberá que se ater ó previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, e demais normativa que a desenvolva ou substitúa, estando a empresa obrigada a lles realizar un recoñecemento médico periódico a tódolos traballadores unha vez ó ano, sendo requisito imprescindible para a formalización de calquera tipo de contrato a presentación do certificado médico pertinente.
Capítulo XIII
Roupa de traballo
Artigo 22º
A empresa proporcionaralle ó traballador a indumentaria necesaria e obrigatoria para o desempeño das súas funcións (reemprazándoa no caso de deterioración), incluíndo como mínimo:
1. Un xogo de roupa de auga ou equivalente.
2. Dúas fundas de traballo.
3. Un par de botas de seguridade.
4. Un xersei.
5. Dúas camisas de verán.
6. Un par de botas de auga.
7. Un pantalón.
8. Dous pares de luvas.
9. Chaleco de seguridade (dependendo da funcionalidade do posto de traballo que vaia desempeñar).
A indumentaria descrita nos números 1 e 6 deberá permanecer en poder e coidado de cada un dos traballadores por un período de tempo non inferior ós dous anos.
Os traballadores no momento da extinción do seu contrato devolverán a roupa usada. De non o facer, a empresa poderá desconta-lo 50% do importe correspondente ó equipo da última entrega.
Capítulo XIV
Formación
Artigo 23º
As partes comprométense á cooperación necesaria para impulsa-la formación continua dos traballadores.
Unha vez recibidos os programas e cursos formativos do Forcem para o ano 1999, a comisión negociadora poderá convoca-la correspondente reunión extraordinaria para os efectos de coordinar horarios e xornada laboral.
Capítulo XV
Clasificación profesional
Artigo 24º
Recóllense e regúlanse as seguintes categorías profesionais:
Sección servicios:
Encargado xeral/xefe de taller.
Capataz encargado.
Patrón de cabotaxe.
Patrón de tráfico interior.
Mecánico naval de 1º e de 2º.
Boteiro especialista.
Boteiro-amarrador.
Sección administración:
Xefe de persoal.
Administrativo.
Axudante-auxiliar.
Cobrador.
Persoal de servicios varios.

