A Consellería da Presidencia e Administración Pública ten establecida unha liña de axuda que, baixo a rúbrica orzamentaria de «a familias e institucións sen fins de lucro», se dedica á cobertura de necesidades xurdidas por razón do seu interese social ou humanitario.
As ditas axudas teñen carácter meramente paliativo e destínanse a plasmar en accións concretas o compromiso da Xunta de Galicia na atención a accións humanitarias nos países en vías de desenvolvemento, de tal xeito que alcancen a complementar ou alivia-la carencia de recursos, sen pretender solucións de desenvolvemento sostido (que xa se recollen na orde de convocatoria de axudas a ONGD para execución de proxectos de desenvolvemento). Polos ditos motivos propóñense uns mecanismos de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da concesión e garantías na súa aplicación, faciliten a cobertura, curso e resolución sobre as peticións que se formulen.
Na súa consecuencia, convén introducir na presente convocatoria uns criterios básicos nos que se fundamentan as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal xeito que non xeren expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón das limitacións dos créditos e da propia índole da convocatoria e, por outra banda, que a consellería estea en situación de facer fronte ó número crecente de solicitudes que se van producindo cada ano.
Por todo iso, en uso das atribucións que teño conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1º
A Consellería da Presidencia e Administración Pública poderá conceder axudas económicas por razón de interese social ou humanitario, a peticións solicitadas desde paises en vías de desenvolvemento, por un importe de catro millóns cincoenta mil (4.050.000 ptas.), con cargo á aplicación orzamentaria 04.013.121A.490.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000.
O importe máximo por beneficiaro destas axudas será de 1.000.000 de pesetas.
Poderán solicita-las devanditas axudas as persoas físicas e xurídicas que cumpran os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria.
Dadas as dificultades das comunicación nos países en vías de desenvolvemento, onde se destina a maioría destas subvencións, faise necesario que o importe
das axudas sexa librado en firme, pola Intervención, á Habilitación da Consellería da Presidencia e Administración Pública, que será a encargada de face-lo pagamento ós beneficiarios.
Artigo 2º
A concesión das ditas axudas baséanse nos seguintes criterios:
1. Necesidade urxente de recursos económicos para paliar ou solucionar, segundo os casos, as causas sobrevidas.
2. Carencia de medios económicos propios ou dos obtidos por outros medios de facer fronte á situación.
3. Incidencia, se é o caso, no contorno social ou comunitario no sentido ó que se dedica a presente convocatoria.
4. Concederáselles prioridade ás solicitudes que proveñan de/ou a través de persoas ou institucións que teñan vinculación con Galicia.
5. Concederáselles prioridade a proxectos que sirvan para paliar, cubrir ou prever catástrofes de tipo natural e imprevisibles e de conservación do ambiente.
Artigo 3º
Considéranse situacións de urxencia aquelas que demanden atención económica urxente para cubri-las necesidades de carácter básico e urxente, tales como, entre outras similares, as seguintes:
1. As destinadas a cubrir necesidades básicas derivadas de problemas de alimentación, vestido, atención sanitaria, educación e outras de natureza análoga non cubertas.
2. As encamiñadas a promove-la inserción ou recuperación de persoas en situación de marxinación social, que non teñan cuberta esta atención por outros medios.
3. As encamiñadas a paliar, cubrir ou prever catástrofes de tipo natural e imprevisible, así como conservación do ambiente.
Artigo 4º
Os interesados na obtención destas axudas deberán dirixi-las súas solicitudes á Consellería da Presidencia e Administración Pública. Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias. As solicitudes deberán cubrirse, preferentemente á máquina ou en letras maiúsculas.
Artigo 5º.-Documentación.
Xunto á solicitude, deberá achegarase a seguinte documentación:
a) Memoria e orzamento dos gastos para os que solicita axuda.
b) Datos da entidade bancaria na que desexe que se faga efectivo o ingreso.
A Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias fará consta-la necesidade e carencia de medios económicos do solicitante da axuda de acordo coa documentación facilitada por este na súa solicitude.
Artigo 6º
Os defectos, erros ou ausencias na presentación da documentación á que se refire o artigo anterior, deberán ser reparados ou completados, se é o caso, no prazo de 10 días a partir da notificación do seu requirimento, quedando sen efecto aquelas solicitudes que non cumpran co referido trámite.
Artigo 7º
As solicitudes presentadas por persoas xurídicas excluirán calquera outra presentada separadamente por outros membros destas.
Artigo 8º
A Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias desta consellería, á vista das solicitudes recibidas ó abeiro da presente disposición, elevaralle informe e proposta ó conselleiro, que resolverá.
Artigo 9º
O prazo de presentación das solicitudes queda aberto desde a entrada en vigor desta orde ata o día 31 de outubro de 2000.
Artigo 10º
A resolución das solicitudes seralles notificada a tódolos solicitantes no prazo máximo de seis meses desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 11º
Tanto esta orde como as axudas que se concedan ó seu amparo, non poderán prolonga-la súa vixencia máis alá do 31 de decembro de 2000.
Disposición adicional
Primeira.-No non previsto nesta orde, deberá observarse o establecido pola Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000 e pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Así mesmo, no momento da xustificación da execución do proxecto e en calquera caso antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.
Disposición derradeira
A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2000.
Jaime Pita Varela
Conselleiro da Presidencia e Administración
Pública

