Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 18 de setembro de 2000 Páx. 13.122

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE OURENSE

ANUNCIO.

Anúnciase que a Comisión Municipal de Goberno, en sesión ordinaria do día 29 de xuño de 2000 adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Vista a providencia da concellería delegada da Área de Urbanismo sobre modificación do PXOU, no referente á extracción de fumes das caldeiras e calefactores de gas nas vivendas individuais, e vistos tamén os informes que figuran no expediente, a Comisión de Goberno, por unanimidade, acordou:

1. Aproba-la instrucción 1/2000, do Servicio de Planeamento e Xestión Urbanística, sobre a interpretación do artigo 3.4º.c.2 do Plan Xeral de Ordenación Urbana.

2. Proceder á súa publicación para xeral coñecemento no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Ourense.

Instrucción 1/2000, do Servicio de Planeamento e Xestión Urbanística, sobre interpretación do artigo 3.4º.c.2 do Plan Xeral de Ordenación Urbana.

Exposición de motivos.

A vixencia no tempo do actual PXOU superou de sobra non só o límite establecido na lexislación vixente. Ó prazo de oito anos establecido na lexislación vixente no momento da súa aprobación seguíronlle outros seis, continuando na actualidade como ordenación urbanística vixente no termo municipal.

Isto deu lugar á existencia de determinacións que, se ben no seu día poderían ter sentido, hoxe en día quedaron obsoletas por innecesarias e gravosas para os particulares.

Este é o caso da normativa relativa á extracción dos gases de combustión producidos nos edificios coa tipoloxía de vivenda multifamiliar. En concreto, o artigo 3.4º.c.2 do PXOU.

Esta normativa redactouse pensando nos métodos daquela existentes para calefacción de vivendas na nosa cidade (caldeiras de gasóleo, calefacción de carbón, etcétera, tanto colectivas coma individuais).

As previsións contidas no dito artigo, a consecuencia das melloras técnicas producidas nestes quince anos, así como a chegada ó termo municipal do gas cidade, non previsto entón, fan do dito artigo e, en concreto, da obriga de eleva-la cheminea por enriba da altura de coroación do edificio, unha normativa obsoleta.

Esta normativa obriga a unhas excesivas, por innecesarias tecnicamene, obras, que supoñen un custo para os propietarios elevado que hoxe en día non ten xustificación, á vista da normativa reguladora das instalacións de gas (R.D. 1853/1993).

Así mesmo, proponse a retroactividade da interpretación, para non prexudica-las persoas ás que se lles concederon licencias de acordo co artigo que se interpreta e que se encontran pendentes de subvencións do Instituto Galego da Vivenda e Solo da

Xunta de Galicia, dependendo a concesión da adecuación do construído á licencia no seu día outorgada, cousa que agora non ocorre, dado que non se construíron as chemineas esixidas polo plan polos motivos arriba expresados de innecesariedade técnica e custo económico.

Ponse de manifesto, polo tanto, a necesidade de corrixir esta cuestión, e elíxese a fórmula de instrucción de servicio por entender que a modificación do plan resulta unha figura notoriamente desproporcionada respecto do que se pretende, tendo en conta ademais que se trata de cubrir unha transitoriedade ata que entre en vigor a revisión do PXOM que actualmente está en trámite.

A esta instrucción daráselle a debida publicidade, publicándose no BOP ou DOG.

Na súa virtude, e á vista do exposto, disponse o seguinte:

Artigo 1º

É obxecto da presente instrucción de servicio a interpretación do disposto no artigo 3.4º.c.2 do vixente PXOU, referido ás chemineas de fumes, en concreto, ás chemineas de quentadores de uso doméstico individual (categoría A) e caldeiras de calefacción para unha soa vivenda (categoría B).

Artigo 2º

Unicamente se aplicará a presente interpretación naquelas instalacións onde o combustible que subministre os ditos quentadores e caldeiras sexa o gas, en calquera das formas de abastecemento existentes ou que existan no futuro.

Artigo 3º

Nos supostos onde concorran as circunstancias expresadas nos dous artigos anteriores, non será esixible a instalación de cheminea de fumes nas condicións previstas no artigo PXOU mencionado, bastando con que se lle dea cumprimento ó disposto na normativa actualmente vixente sobre instalacións de gas (R.D. 1853/1993 e instruccións técnicas complementarias MIE-IRG) ou naquela que a substitúa).

Disposición adicional

Primeira.-Esta instrucción terá carácter retroactivo, aplicándose as licencias concedidas ata o momento e que se atopen dentro do seu ámbito de aplicación, polo que a esixencia de instalación da dita cheminea de fumes queda revogada, salvo naqueles casos onde xa fora efectivamente instalada.

Disposición derradeira

Esta instrucción entrará en vigor o día seguinte ó da súa derradeira publicación nos diarios oficiais (DOG ou BOP).

Ourense, 7 de xullo de 2000.

Manuel Jaime Cabezas Enríquez

Alcalde-presidente