Antecedentes.
Segundo o artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto lexislativo, só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.
Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data 1 de xuño de 2001.
O obxecto do proxecto é a definición das obras e instalacións necesarias para a clausura, selaxe e recuperación medioambiental do vertedeiro de R.S.U. de Cerdedo (Pontevedra), que se atopa concretamente nunha zona denominada O Coteliño, a uns 1.600 m do núcleo urbano de Cerdedo, a uns 150 m da N-541, a uns 250 m dun regato intermitente e a uns 300 m do río Lérez.
O residuos presentes son na súa maior parte R.S.U., cunha profundidade media de 3 m, ademais existe unha pequena acumulación de voluminosos na parte leste do vertedeiro. O volume de residuos no momento da redacción do proxecto é de 850 m, esperando que se acade un valor de 1.100 m no momento da clausura. O vertedeiro pode dividirse en tres zonas:
-Zona 1: comprende a zona máis próxima á plataforma de descarga, nela atópanse os residuos máis recentes. Nesta zona vértense os residuos e procédese o seu queimado. Observándose gran cantidade de cinzas.
-Zona 2: coincide co noiro do vertedeiro e é onde se depositan os residuos xa queimados, que son cubertos por terras, presentando vexetación na zona superior.
-Zona 3: zonas onde existe unha maior cantidade de entullos, terras e residuos voluminosos.
O vertedeiro está situado nunha ladeira de pendente moderada que chega a ser abrupta na súa parte final. Nel distínguense dúas partes ben diferenciadas: un queimadeiro e unha zona inferior de depósito de lixo. Os camións acceden á plataforma de vertido por un acceso asfaltado e verten os residuos desde a plataforma a unha superficie delimitada por oito pilares que constitúe o queimador, onde os residuos atópanse en combustión. Unha vez queimados, esténdense formando un noiro na zona inferior do vertedoiro, onde son cubertos por terras.
No que repecta á vexetación da área de vertido caracterízase pola presencia de escasas especies vexetais: algunhas especies herbáceas e primocolonizadoras poco esixentes. Nos arredores a vexetación está representada por zonas de matogueira (toxeiras), e zonas de arborado a base de piñeiros e eucaliptos.
Co obxecto de rexenera-la zona do vertedoiro actual prevese realizar en todo o vertedoiro (uns 2.325 m) unha sementeira coa seguinte mistura de especies herbáceas e arbustivas: xoio (Lolium perenne, 20%), festuca encarnada (Festuca rubra, 20%), pelo de raposo (Agrostis curtissi, 15%), dáctilo (Dactylis glomerata, 15%), trevo branco (Trifolium repens, 10%), trevo encarnado (Trifolium pratense, 10%), xesta (Cytisus scoparius, 6%) e toxo (Ulex europaeus, 4%). Ademais realizarase unha plantación de 4.650 unidades das seguintes especies arbustivas: toxo (Ulex europaeus, 50%) e xesta (Cytisus scoparius, 50%).
No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras consideradas no estudio ambiental presentado.
O estudio de impacto ambiental do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedeiro de R.S.U. de Cerdedo (Pontevedra) someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 19 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 132, do 9 de xullo de 2001. O certificado de exposición pública na Delegación da Consellería de Medio Ambiente da provincia de Pontevedra recíbese con data 23 de agosto de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.
Con data 19 de xuño de 2001 consúltase á Dirección Xeral de Saúde Pública e á de Montes e Medio Ambiente Natural. O informe elaborado pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural recíbese o 17 de xullo de 2001. Non tendo constancia da emisión do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública no prazo legalmente establecido, e á vista
do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
No anexo II resúmese o contido do informe da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.
Cuberta a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedeiro de R.S.U. de Cerdedo (Pontevedra), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Cerdedo.
O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Cerdedo, a obriga de asumi-lo mantemento e a conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Cerdedo. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
Declaración de impacto ambiental.
Examinado o documento proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de R.S.U. de Cerdedo (Pontevedra). Xuño 2000 e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.
Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas na presente declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.
No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Condicionado.
1. Ámbito da declaración.
A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de R.S.U. de Cerdedo (Pontevedra).
2. Sobre o nivel sonoro ambiental.
Haberá que aterse ó disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (Diario Oficial de Galicia do 20 de agosto de 1997), así como ó estipulado, no seu caso, pola ordenanza municipal ó respecto.
3. Sobre a calidade do aire.
Durante a adecuación da masa de residuos, consideraranse as condicións meteorolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.
Trala finalización das obras vixiarase que as emisións nas chemineas de desgasificación non sexa percibida de forma habitual polas poboacións do contorno, e se é o caso, recollerase este gas e procederase a queimalo.
Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.
4. Sobre as augas.
Tendo en conta que o vertedeiro se atopa a uns 250 m dun regato intermitente e a uns 300 m do río Lérez, segundo o plano titulado Hidroloxía, para calquera afección no dominio público hidráulico, zona de servidume e policía, consecuencia da realización do proxecto, así como para o vertido de efluentes, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.
As regas previstas para evita-la emisión de po efectuaranse de xeito que se humecte o solo, pero non se formen asolagamentos nin regatos. Este aspecto tamén deberá ser tido en consideración durante os movementos de terras e residuos, de tal xeito que non se impida o libre fluxo de auga.
Os lixiviados acumulados no depósito durante o mantenemento posterior á clausura, retiraranse cando se acade como máximo as 3/4 partes da súa capacidade e serán entregados a xestor autorizado, para o seu traslado ata a estación depuradora de augas residuais de Cerdedo, ou planta de tratamento autorizada. Tendo en conta que no proxecto se indica que se procederá ó baleiro do depósito cada tres semanas, terase especial coidado de que non se produzan saídas de lixiviados por rebordamento.
Os lixiviados acumulados sobre o terreo serán recollidos e entregados a un xestor autorizado se superan os límites de vertido recollidos na táboa 3 do anexo ó título IV do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.
Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.
As augas de escorrega superficial conduciranse a través do foxo perimetral proxectado. Para evita-la erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, deberanse colocar sistemas de disipación de enerxía (encachados de pedra, pequenos diques, etcétera) nos puntos de vertido. Así mesmo, nestes puntos débense impedi-los fenómenos de asolagamento ou deposición.
Realizaranse periodicamente labores de mantemento co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.
As reparacións e cambios de aceite da maquinaria móbil realizaranse en talleres autorizados.
5. Sobre o solo.
De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio e restrinxíndose o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.
Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado, deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.
Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.
Os materiais precisos para a adecuación e selaxe do vertedeiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.
6. Sobre a restauración.
De acordo co proxecto, na superficie que se vai revexetar empregarase unha dose mínima de sementes de 400 kg/ha e no caso da plantación de arbustivas a dose será de 20.000 pés/ha.
Ata asegura-la viabilidade da sementeira e da plantación, procederase á rega regular e ó aboado mineral de reforzo anual e á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas e a reposición de marras no caso de que se produzan.
7. Sobre a protección e control de accesos.
Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertido, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase posclausura.
Segundo o proxecto planifícase mante-lo peche perimetral existente, a este respecto, deberá asegurarse a funcionalidade deste peche en todo momento, ademais realizarase un acceso para o mantemento e baleiro do depósito de lixiviados. Débese limita-la entrada polos accesos só a persoal autorizado.
8. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental (PVSA).
O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras consideradas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como
tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes que se van remitir a esta dirección xeral.
As analíticas que se van realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar así mesmo a toma de mostras.
A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
8.1. Informe final de obras.
Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:
a) Data de finalización das obras.
b) Plano en planta a escala 1:400 dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control e do acceso para o mantemento e baleirado do depósito de lixiviados. Este plano acompañarase de relación de coordenadas UTM que defina o perímetro da parcela.
c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar incluíndo a zona non selada. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos dende os que se realizaron as tomas.
d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, e que non puideron ser obxecto de depósito no vertedoiro.
e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertido. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.
8.2. Informe de seguimento ambiental.
Presentarase con periodicidade semestral, contado desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no anexo 13. Plan de seguimiento ambiental do proxecto, debendo incluír ademais a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da entrega dos lixiviados a xestor autorizado, indicando os volumes e as súas características.
b) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de vertidos. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a loca
lización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.
Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade dos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que hai que controlar, así como a frecuencia dos controis que se van realizar.
9. Condicións adicionais.
9.1. O Concello de Cerdedo poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.
Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó concello o acordo adoptado.
9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.
9.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental, poderá paralizar cautelarmente as obras ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.
9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia, poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.
9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.
9.7. A presente resolución adoptada por esta dirección xeral, non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan xeral de ordenación urbana ou normas subsidiarias.
9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.
ANEXO I
Resumo do proxecto
Localización e descrición do vertedoiro
Situación O Coteliño, Concello de Cerdedo
Superficie da parcela 3.210 m
Superficie que hai que selar 1.254 m
Superficie de actuación 2.325 m
Volume de residuos actual 850 m
Volume de residuos que hai que selar 1.100 m
Tipos de residuos RSU, maiormente incinerados e algúns voluminosos
Tipo de vertedoiro En ladeira
Duración do vertedoiro Máis de 12 anos
Situación actual e situación prevista coa realización do proxecto
actual
Situación
Proxecto
Lixiviados Fondo impermeabilizado Non, terreo natural Non, terreo natural
Drens lixiviados Non Si
Captación de lixiviados Non Si
Tratamento Non Depósito e traslado a EDAR
Gases Drens Non Si
Captación Non Si, 3 pozos
Tratamento Non Extracción pasiva
Pluviais Gabias de recollida perimetral Non Si
Punto de vertedura Non Ó medio
Cuberta Lámina/capa impermeable Non Si
Terra vexetal Nunha zona 30 cm
Vexetación Nunha zona Si
Estabilidade Estabilidade Non Si
Accesos Posibilidade de acceso Non Non
Vixilancia ambiental Plan de vixilancia ambiental Non Si
Compoñentes do sistema de selaxe
Superficie do vertedoiro
Capa de asentamento 30 cm de xabre compactado
Protección da capa de impermeabilización Xeotéxtil de 300 g/m
Capa de impermeabilización Lámina composta xeotéxtil-bentonita-xeotéxtil
Capa de drenaxe Xeocomposto drenante
Capa de cobertura Solo seleccionado (70 cm) e terra vexetal (30 cm)
Resumo das medidas preventivas e correctoras.
-Atmosfera:
* Eliminación dos procesos de combustión que sofren os residuos e reducción das emisións gasosas e dos fedores producidos polo vertedeiro.
-Solo:
* Recuperaración do terreo mediante solo seleccionado e terra vexetal, facilitando a incorporación de vexetación.
-Augas:
* Recollida dos lixiviados producidos e conducción destes a unha arqueta, onde serán recollidos e xestionados.
-Vexetación:
* Rexeneración ambiental da zona afectada polo proxecto.
* Non se afectará a ningún tipo de vexetación que non se atope no interior do vertedoiro, limitando a eliminación desta ó estrictamente necesario.
* Achegarase o substrato axeitado para a implantación da vexetación, o que permitirá restituír hábitats e o acceso da vexetación natural.
* Procederase a revexeta-la zona o que facilitará a sucesión climática.
-Fauna:
* Coa creación de novos hábitats producirase unha progresiva utilización destes espacios por especies máis esixentes e en condicións de maior naturalidade, ó tempo que se evita en gran medida a presencia de vectores.
-Paisaxe:
* Integración paisaxística da zona.
-Socioeconomía:
* Elimínanse riscos para a saúde das persoas motivadas pola presencia do vertedoiro, aumentando o valor económico dos terreos próximos.
* Diminúese o risco de incendios forestais ó eliminar un axente potencialmente xerador.
ANEXO II
Resumo do informe.
* A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite o seguinte informe:
A documentación entregada está integrada polo documento que ten de título básico, proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de R.S.U. de Cerdedo (Pontevedra).
O vertedoiro de referencia sitúase no concello de Cerdedo próximo á zona denominada O Coteliño.
O obxecto do proxecto previsto é a definición das obras e instalacións precisas para a clausura, selaxe e recuperación medioambiental do vertedoiro. Estes obxectivos intentan acadarse coas seguintes actuacións:
-Acondicionamento dos residuos.
-Control do acceso.
-Selaxe superficial.
-Obras de drenaxe.
-Captación e control de lixiviados.
-Control de gases.
-Revexetación.
-Control e seguimento ambiental.
Revisada a documentación presentada, exponse que os obxectivos que se perseguen, así como a súa formulación e desenvolvemento, imprimen unha calidade adecuada para a precisa integración ambiental. Non cabe polo tanto máis que referir que se adecue a execución e seguimiento posclausura ó establecido no proxecto e estudio ambiental para así mante-los impactos negativos nun nivel de aceptabilidade.
Informan isto sempre dentro do ámbito competencial que lles é propio, polo que se emite este informe sen prexuízo das comunicacións, autorizacións ou outros informes que sexan precisos.
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2001.
Francisco Pan-Montojo González
Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

