Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Xoves, 20 de febreiro de 2003 Páx. 1.956

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 12 de febreiro de 2003 pola que se establecen as contías das indemnizacións por sacrificio obrigatorio de gando nos programas de erradicación de enfermidades animais para 2003.

Os animais reaccionantes positivos ás probas diagnósticas establecidas nos programas de erradicación de tuberculose bovina e brucelose no gando vacún e ovino-cabrún para os que se estableceu o sacrificio obrigatorio pola imposibilidade de establecer un tratamento terapéutico, implica que os gandeiros de acordo co establecido no artigo 154 do Regulamento de epizootias do 4 de febreiro de 1955 e demais lexislación concordante poderán recibir unha indemnización de acordo ó baremo oficialmente aprobado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3, en relación co artigo 33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O obxecto desta orde é establece-la contía das indemnizacións por sacrificio obrigatorio de animais reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose bovina e brucelose no gando vacún, ovino e cabrún, así como daqueloutros animais que convivindo cos animais enfermos sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.

As ditas indemnizacións serán as que correspondan en cada momento segundo o baremo oficialmente aprobado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

Artigo 2º

Para poder ter dereito á indemnización por sacrificio é imprescindible o cumprimento estricto da normativa en vigor sobre epizootias e programas de erradicación de enfermidades animais, contida na Lei de epizootias, do 20 de decembro de 1952 e o seu Regulamento, do 4 de febreiro de 1955; no Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais; e en todas aquelas normas de desenvolvemento en materia de epizootias.

Artigo 3º

As indemnizacións establecidas nesta orde, así como as correspondentes ós animais sacrificados que

non puideron ser tidos en conta por presenta-lo certificado de sacrificio con posterioridade ó peche do exercicio orzamentario anterior, aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.613 A.770.0 «Programas Sanitarios Especiais» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 ata un importe de 1.359.503 euros.

Este importe podería verse incrementado con sucesivas achegas doutras administracións.

Artigo 4º

1. As solicitudes de indemnización, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, poderán presentarse nas oficinas da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, así como nos demais lugares e formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 20 de novembro de 2003, incluída esta data no cómputo do prazo.

2. Os beneficiarios das indemnizacións deberán presentar xunto coa solicitude un certificado de sacrificio das reses nun matadoiro autorizado para sacrificar animais positivos a enfermidades sometidas a programas de erradicación. Ademais deberán presentar:

a) Declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

b) Certificación de encontrarse ó corrente das obrigas tributarias e sociais e de que non teñen débeda ningunha coa Administración da Comunidade Autónoma. O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria -AEAT- e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de atoparse ó corrente das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se é o caso, cubrir, debidamente asinada, a autorización que figura no anexo II desta orde para os efectos de que pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenolvemento Rural se poida solicitar por vía informática.

Non obstante, quedan exentos de achega-los xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, as axudas especificadas no artigo 42 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

c) Certificación da entidade bancaria acreditativa de que a conta indicada na solicitude para a domiciliación dos pagamentos corresponde ós solicitantes.

Os beneficiarios terán a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 5º

Unha vez comprobados os requisitos esixidos nos artigos anteriores, polas delegacións provinciais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, desta orde:

1. Será emitida resolución do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural de aprobación ou denegación da indemnización na que se especificarán os recursos que procedan. Contra esa resolución poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa notificación.

2. A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. No caso de que, transcorridos tres meses desde o rexistro da solicitude de indemnización, non se dictase resolución expresa, entenderase desestimada a indemnización. Transcorrido o dito prazo, o interesado disporá de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se entenda desestimada a indemnización para interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Cabe interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, se é expresa, ou seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produzca o acto presunto, de acordo co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 6º

As axudas reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outra que poida obterse de distintas administracións para esta finalidade.

Artigo 7º

O incumprimento polo beneficiario de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á perda do dereito á axuda e á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades a que houber lugar (artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural