Visto o texto e o escrito de rectificación do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Allariz para os anos 2003 e 2004 de Ourense (código de convenio nº 3200812), que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais o día 31 de marzo de 2003, subscrito en data 5 de marzo de 2003 polo alcalde e membros da corporación municipal, en
representación da parte económica, e polos membros do comité de empresa, en representación dos traballadores do concello.
Esta delegación provincial, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e o Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo e demais normas aplicables de dereito común,
ACORDA:
Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.
Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.
Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Ourense, 24 de abril de 2003.
José Lage Lage
Delegado provincial de Ourense
Convenio colectivo do persoal laboral
do Concello de Allariz
Capítulo I
Ámbito e garantías
Artigo 1º.-Ámbito.
Este convenio aplicaráselle ó persoal laboral fixo e temporal que traballe para o Concello de Allariz. Queda excluído do ámbito deste convenio, só en materia retributiva, o persoal eventual con contrato celebrado ó abeiro de programas de cooperación e/ou colaboración con outras administracións públicas, a remuneración dos cales está prefixada con base en fondos específicos establecidos nos ditos programas.
Artigo 2º.-Período de vixencia.
Este convenio terá unha duración de dous anos, desde o 1 de xaneiro de 2003 ata o 31 de decembro de 2004.
Antes de rematada a súa vixencia, as partes procederán á súa revisión, sen necesidade de denuncia previa.
Considerarase prorrogado de ano en ano mentres as partes non asinen outro que o substitúa.
Artigo 3º.-Consideracións xerais e materia reservada.
Este convenio queda subordinado a calquera disposición de rango superior da que deriven efectos máis favorables para os empregados e empregadas públicos.
Quedan reservadas á negociación colectiva todas aquelas materias que directa ou indirectamente afec
ten as condicións de traballo do persoal deste concello, particularmente as retribucións, oferta de emprego, sistemas de selección, promoción e provisión de postos de traballo, xornada laboral, calendario de vacacións, réxime disciplinario, xestión de servicios e métodos de traballo, seguranza e saúde laboral e dereitos sindicais e de participación.
Artigo 4º.-Comisión de control.
Despois da súa aprobación, no prazo máximo de 30 días constituirase unha comisión de control para o seguimento do convenio, composta por 4 membros, 2 en representación do concello e outros 2 representantes legais dos traballadores e traballadoras.
A comisión deberá estar presidida por quen designen as partes de mutuo acordo, sendo designado polo mesmo procedemento o secretario. Cada unha das partes pode estar asistida polos seus asesores. Cada unha das partes poderá presentar perante a comisión de control do convenio os diferentes conflictos e irregularidades que poidan xurdir na interpretación e aplicación do convenio, co fin de que a comisión emita o dictame e, consecuentemente, utiliza-las medidas legais que procedan. Esta comisión reunirase a petición de calquera das partes dentro das 48 horas seguintes á súa comunicación.
As súas funcións consistirán na emisión de dictames sobre os seguintes temas:
a) Interpretación dos artigos ou cláusulas deste documento.
b) Vixilancia do cumprimento do convenio.
c) Cadros de persoal e postos de traballo.
d) Cantas outras actividades leven á eficacia práctica do convenio.
As funcións ou actividades desta comisión non impedirán en ningún caso o libre exercicio da xurisdicción administrativa e contenciosa prevista na lexislación vixente.
A comisión de control elaborará as súas propias normas de funcionamento interno e o seu calendario de reunións. Os acordos tomaranse por unanimidade ou por acordo conxunto de ámbalas partes.
Organización do traballo.
Artigo 5º.-Organización do traballo.
De acordo coa lexislación vixente, a organización do traballo correspóndelle á alcaldía, que poderá delega-las súas competencias. Cando se deriven especiais repercusións para as condicións de traballo dos empregados públicos, negociarase cos representantes legais dos traballadores e traballadoras.
Artigo 6º.-Clasificación profesional.
Ten por obxecto a determinación das diferentes categorías profesionais en que poden ser agrupados os traballadores e traballadoras de acordo coa titulación ou formación esixida ó posto de traballo e ás funcións que efectivamente desenvolven.
A clasificación de postos de traballo é a establecida no orzamento de 2003 e que figura como anexo nº 2.
Capítulo III
Ingreso, promoción e provisión de postos
Artigo 7º.-Ingreso, promoción e provisión de postos.
a) Dentro do mes seguinte á aprobación dos orzamentos municipais, o concello fixará a súa oferta de emprego pública, que será negociada cos delegados sindicais dos traballadores e traballadoras.
b) O ingreso no concello realizarase por calquera dos sistemas establecidos pola lexislación vixente. Os delegados sindicais dos traballadores e traballadoras designarán un vocal nos tribunais de selección que actuará con voz e voto, debendo ser de igual ou superior categoría á da praza convocada.
c) O sistema de provisión de postos de traballo será o de concurso ou concurso oposición, segundo a lei. A selección de persoal realizarase tendo en contalos principios de igualdade, mérito e capacidade. Os baremos que se utilicen serán aprobados polo órgano competente e deberán conte-los seguintes criterios: méritos académicos e profesionais e antigüidade.
d) Para as contratacións de carácter temporal elaboraranse no prazo de tres meses unhas bases de contratación que deberán ser negociadas cos representantes sindicais.
Capítulo IV
Xornada de descanso
Artigo 8º.-Xornada de traballo.
Establécese con carácter xeral unha xornada de traballo de 37,5 horas semanais e non máis de 1.695 horas anuais, coa aspiración de acadar a medio prazo a xornada de 35 horas semanais.
A xornada realizarase preferentemente, e sempre que o servicio o permita, de luns a venres.
De acordo coa natureza das funcións dos diferentes postos de traballo, estableceranse negociadamente cos representantes legais dos traballadores e traballadoras as quendas e distribucións horarias que mellor resolvan as necesidades dos diferentes servicios.
Esgotadas as vías de negociación, o alcalde ou concelleiro en quen delegue fixará finalmente a xornada de traballo para os respectivos servicios municipais, segundo o disposto nos artigos 8º e 9º deste convenio, sen menoscabo das accións que os representantes legais dos traballadores e traballadoras puidesen emprender.
Artigo 9º.-Descanso.
Todo traballador ou traballadora municipal terá dereito a desfrutar dun descanso de vinte minutos durante a súa xornada diaria, que se computará, para tódolos efectos, como tempo de traballo efectivo.
Por cada período semanal de traballo desfrutarase, como mínimo, un día e medio de descanso ininterrompido, preferentemente na tarde do sábado e o día enteiro do domingo. O descanso entre xornada e xornada será, como mínimo, de doce horas.
Capítulo V
Vacacións, permisos, licencias e excedencias
Artigo 10º.-Vacacións.
As vacacións anuais retribuídas terán unha duración dun mes natural e gozaranse preferentemente nos meses de xuño, xullo e agosto e setembro.
Se por necesidade do servicio houbese que acordar te-las vacacións total ou parcialmente fóra do período preferencial establecido, o traballador ou traballadora terá dereito a unha compensación en días ou económica dun día (1 día) por cada semana desfrutada fóra do dito período vacacional preferente.
Non obstante, o traballador ou traballadora poderá solicitar da alcaldía gozar das súas vacacións nun mes diferente ós sinalados no parágrafo primeiro.
Poderase acceder ó solicitado sen que iso produza dereito a gozar dos días adicionais, sempre e cando as necesidades do servicio o permitan.
O plan de vacacións elaborarase antes do día un de abril de cada ano para a súa negociación cos delegados sindicais.
Artigo 11º.-Permisos.
Concederanse permisos polas seguintes causas xustificadas:
a) Por nacemento ou adopción de fillos catro días; en caso de adopción soamente un dos cónxuxes poderá gozar do permiso.
b) Por morte ou enfermidade grave dun familiar de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade catro días se o suceso se produce na mesma localidade, e cinco se se produce en localidade distinta. Se o parentesco é de segundo grao, terase dereito a dous días menos que os sinalados anteriormente.
c) Por traslado de domicilio, dous días.
d) O funcionario ou funcionaria cun fillo menor de nove meses terá dereito a unha hora de ausencia do traballo. Este período de tempo poderase dividir en dúas fraccións ou substituírse por unha reducción de xornada en media hora.
e) Quen por garda legal teña ó seu cargo algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou sensorial, terá dereito a unha reducción da xornada nun tercio ou a metade, con deducción proporcional de retribucións. Tamén poderán acollerse a este dereito os empregados e empregadas públicos que teñan ó seu cargo familiares en primeiro grao que por razóns de enfermidade precisen asistencia continuada.
f) Para concorrer a exames ou probas de avaliación en centros oficiais, o día da súa realización e o necesario para concorrer a este xustificadamente.
g) Durante o tempo que duren os congresos ou reunións de carácter profesional ou sindical, coa debida xustificación e ata un máximo de 8 días no ano, en función das necesidades do servicio.
h) Por asuntos particulares, ata nove días ó ano. Non poderán acumularse ó período vacacional. Deberán solicitarse, excepto casos de forza maior, cunha
anticipación mínima de dous días. O alcalde, ou concelleiro delegado resolverán en función das necesidades do servicio.
i) Para o cumprimento dun deber público de carácter ineludible, o tempo mínimo imprescindible.
j) Tralo aviso e posterior xustificación, o funcionario ou funcionaria terá dereito ó tempo necesario para asistir a consulta médica.
k) Estableceranse nos días de Nadal quendas, garantindo o normal funcionamento dos servicios, que permitan que cada traballador poida desfrutar dunha semana de permiso retribuído, con independencia do establecido no artigo 8º.
Artigo 12º.-Licencias.
Concederanse as seguintes licencias:
a) Por matrimonio, licencia de 15 días naturais ininterrompidos.
b) En caso de enviuvar, o empregado ou empregada pública que teña fillos menores de 6 anos ou diminuídos que non desempeñen actividades retributiva ningunha, terá dereito a 1 mes natural de licencia.
c) Licencia por parto ou adopción, nos casos previstos na lexislación xeral.
d) A petición do persoal, e coa conformidade do responsable do servicio, poderán concederse permisos non retribuídos por un período máximo dun mes ó ano, no que se conservarán tódolos dereitos laborais, agás a precepción do salario e da antigüidade. O alcalde ou concelleiro delegado resolverán nas peticións que se formulen.
Artigo 13º.-Excedencias.
O persoal laboral fixo poderá solicitar, mediante petición escrita motivada, un período de excedencia dun mínimo de 6 meses e un máximo de 5 anos, con garantía de reserva do posto de traballo.
A alcaldía ou concelleiro delegado de persoal resolverán sobre a solicitude, en función das razóns desta e das necesidades do servicio.
O desfrute da excedencia comunicarase cunha anticipación mínima de 3 meses, e poderase ir prorrogando por períodos anuais ata o máximo establecido.
O anuncio de reingreso farase tamén por escrito e con tres meses de anticipación.
Artigo 14º.-Despedimentos.
No caso de despedimento declarado improcedente por órgano competente, será o traballador ou traballadora quen opte entre a indemnización legal ou a súa readmisión.
Capítulo VI
Réxime de retribucións
Artigo 15º.-Salarios.
Os salarios do persoal municipal serán os que figuran no anexo I, no que se aplica un incremento do 5% para tódalas categorías.
Artigo 16º.-Incremento salarial para o ano 2004.
O incremento salarial para o ano 2004 será equivalente ó IPC do ano 2003.
Artigo 17º.-Incapacidade temporal.
O concello garantirá a percepción do 100% do salario nas baixas laborais. O empregado ou empregada pública estará obrigado a someterese ós controis médicos que se consideren convenientes por parte da corporación, así como a facilita-las visitas médicas.
Artigo 18º.-Antigüidade.
Establécese para os laborais fixos e determínase por bienios. A súa contía será igual para tódalas categorías, sendo esta de 22,50 euros no ano 2003.
A esta cantidade aplicaránselle os incrementos anuais que experimenten os demais conceptos retributivos.
Artigo 19º.-Horas extraordinarias.
Establécese a prohibición, como norma xeral, de realizar traballos extraordinarios fóra da xornada agás as excepcións que sexan necesarias. Só se retribuirán aqueles traballos extraordinarios que foran antes autorizados pola alcaldía ou concelleiro delegado de persoal. Quedan exceptuados da regra anterior os traballos necesarios para previr ou reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes.
Cando exista a necesidade de realizar traballos extraordinarios repartiranse, se é posible, de maneira equitativa entre o colectivo afectado. En calquera caso, as hora extraordinarias non sobrepasarán 70 ó ano.
Mensualmente informarase os representantes dos empregados e empregadas de todo o que afecte as horas extraordinarias.
O importe da hora extraordinaria será o resultante da fórmula seguinte:
(Salario bruto anual/ xornada anual)x1,75: non incluído no salario bruto anual ou percibido en concepto de horas extraodinarias.
Tamén se poderá compensar as horas extraordinarias en descansos, coa mesma proporción que no caso de aboalas economicamente.
Capítulo VII
Dereitos sociais
Artigo 20º.-Póliza de seguros.
O concello subscribirá un seguro coas seguintes coberturas: morte ou incapacidade permanente absoluta ou total, ou grande invalidez, derivada de accidente de traballo, incluído o accidente in itinere. Este seguro será concertado cunha casa especializada e na determinación deste será escoitada a comisión de control. O prazo para a súa concertación será de 3 meses desde a publicación do convenio.
A contía económica da indemnización que se vai contratar será de entre trinta mil cincuenta con sesenta e un euros e sesenta mil cento un con vinteún euros, que se fixará de común acordo, unha vez analizadas pola comisión de control as distintas ofertas.
Capítulo VIII
Saúde laboral
Artigo 21º.-Recoñecemento médico.
Con carácter xeral anualmente efectuarase un recoñecemento médico a tódolos empregados e empregadas públicos, do que se lles deberá dar coñecemento.
Preferentemente, solicitaráselle ó Gabinete Provincial de Seguranza e Hixiene a realización do dito recoñecemento. Este recoñecemento, que será voluntario, realizarase preferentemente na xornada laboral.
Artigo 22º.-Comité de seguranza e saúde.
O concello constituirá un comité de seguranza e saúde.
Estará constituído por dous representantes do grupo de goberno e dous dos traballadores e como presidente o alcalde ou persoa en quen delegue.
Artigo 23º.-Funcións do comité de seguranza e saúde.
a) Promove-lo coñecemento e a observancia da normativa desta materia.
b) Coñecer e recibir información dos riscos profesionais.
c) Estudia-las situacións de perigosidade, accidentes ocorridos, analiza-las súas causas e realizar propostas motivadas de prevención.
d) Confeccionar un ficheiro de locais do concello e estudia-las súas condicións de seguranza e salubridade, para o que deberá contar cun máximo apoio da corporación.
e) Realizar campañas de mentalización e prevención de accidentes.
f) Poñer en coñecemento dos órganos competentes as situacións de perigosidade e risco de que se produzan de xeito eventual e con carácter de urxencia.
g) Promove-la paralización profesional de traballos ante a presencia dun risco grave e inminente.
h) Realizar plans de evacuación.
i) Estudio do tipo e número de uniformes.
Artigo 24º.-Competencia do comité de seguranza e saúde.
A competencia do comité de seguranza e saúde acada a tódolos centros de traballo propios ou dependentes do concello.
As conclusións deste comité trasladaranse á comisión de control.
Artigo 25º.-Material de primeiros auxilios.
Cada centro de traballo contará imperativamente cos medios precisos de primeiros auxilios en perfectas condicións de utilización en todo momento.
Capítulo IX
Dereitos sindicais
Artigo 26º.-Liberdade sindical.
A corporación e os representantes legais dos empregados e empregadas comprométense a desenvolveren
as condicións que permitan o pleno exercicio da liberdade sindical.
A representación do persoal desenvolverase de conformidade co Estatuto dos traballadores e a Lei orgánica de liberdade sindical e cantas disposicións desenvolvan esta materia.
Artigo 27º.-Competencias dos representantes dos traballadores e traballadoras.
É competencia dos representantes dos empregados e empregadas a defensa dos intereses xerais e específicos dos empregados e empregadas e, en particular, a negociación das súas condicións salariais, sociais e sindicais. Os representantes dos empregados e empregadas deberán ser informados:
a) Das cuestións que afecten o persoal e vaian ser tratadas na comisión informativa de persoal. Enviarase orde do día e acta da reunión anterior. Permitirase na devandita comisión a presencia dos representantes legais dos empregados e empregadas, para que expoñan as súas opinións, pero non están presentes na deliberación e votación.
b) Das sancións e expedientes disciplinarios, para os que será requisito necesario darlle audiencia previa.
c) Da asignación de complementos, gratificacións, honores e distincións.
Artigo 28º.-Capacidade de actuación.
Os representantes dos empregados e empregadas terán a capacidade xurídica que o ordenamento xurídico lles outorga para o exercicio das accións administrativas ou xudiciais que procedan, no ámbito das súas competencias.
Artigo 29º.-Dereito de folga.
Recoñécese o dereito de folga, de conformidade coa súa normativa de desenvolvemento, aínda que as partes se comprometen a exercelo en último caso.
Artigo 30º.-Garantías e crédito horario.
Os representantes legais dos empregados e empregadas non poderán ser discriminados na súa promoción profesional ou económica. Ningún deles pode ser trasladado nin sancionado durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte á expiración do seu mandato, por motivos sindicais.
Cada un dos membros dos órganos de representación disporá de 18 horas mensuais para a realización das súas actividades, coas seguintes especificacións:
a) Quedan fóra de cómputo as empregadas en negociación colectiva ou a proposta da administración.
b) A comunicación dos seus usos realizarase con 24 horas de antelación, 48 horas se se ten traballo a rolda, ante o servicio de réxime interior e no propio servicio. No caso de que non poida facerse así, respectaranse as necesidades do servicio, pasando posteriormente notificación a réxime interior.
c) Tamén coa anticipación que sexa posible, os membros de comisións negociadoras comunicarán nos seus servicios as devanditas ausencias.
d) Excepcionalmente, logo de acordo coa alcaldía ou concelleiro delegado de persoal, poderanse acumula-las horas dos empregados e empregadas presentes nos órganos de representación nun ou varios dos seus compoñentes, dando coñecemento diso con anticipación suficiente á dirección de persoal, con expresión de quen acumula, de quen proceden e sempre por decisión do sindicato ó que pertenzan.
Artigo 31º.-Dereito de reunión e asemblea.
As reunións nos centros de traballo autorizaranse fóra da xornada laboral, agás acordo en contra. Neste caso concederase autorización ata un máximo de 8 horas anuais, tendo que parti-la convocatoria desta do comité de empresa ou delegados de persoal. En calquera caso, a celebración de reunións non prexudicará a prestación dos servicios públicos e procurarase que coincida coa entrada ou saída dos empregados e empregadas.
Capítulo X
Formación profesional
Artigo 32º.-Formación.
O persoal laboral público poderá acceder á realización de calquera curso relacionado co seu posto de traballo convocado polo concello ou calquera outro organismo, respectándose o principio de igualdade de oportunidades. A asistencia ós cursos terase en conta para a promoción profesional, sempre e cando se expida certificación que amose o aproveitamento das mate
rias impartidas. Anualmente, elaborarase un programa destinado á formación permanente do persoal laboral público pola comisión de control.
Capítulo XI
Código de conducta
Artigo 33º.-Código de conducta.
O réxime disciplinario e o procedemento para a imposición de sancións, con plena observancia e en defecto do disposto no Estatuto dos traballadores e demais lexislación laboral que sexa de aplicación, será o previsto para os funcionarios e funcionarias da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia.
Capítulo XII
Dereitos lingüísticos
Artigo 34º.-Dereitos lingüísticos.
Os traballadores e traballadoras teñen dereito a desenvolve-la súa actividade laboral e profesional en lingua galega e a recibir formación lingüística para mellora-lo servicio ós cidadáns e cidadás no seu posto de traballo.
No seo do concello, os seus responsables e os representantes dos traballadores fomentarán o uso da lingua galega nas actividades internas e nas súas relacións cos cidadáns e cidadás e mais coas administracións públicas en Galicia.
Aclaracións e rectificacións ó texto do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Allariz
A comisión negociadora do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Allariz, reunida con carácter extraordinario o mércores 9 de abril de 2003, acordou, por unanimidade, dirixirse a esta delegación provincial para efectúa-las seguintes aclaracións e rectificacións a respeto do texto do convenio que está en fase de tramitación para a súa publicación no BOP de Ourense.
Primeira.-Partes asinantes.
Son partes asinantes do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Allariz, por unha banda, os membros do comité de empresa, en representación dos traballadores e traballadoras; e pola outra, os membros da corporación municipal designados por esta, co seu alcalde á cabeza, en representación do concello de Allariz.
Segunda.-Vixencia e denuncia.
En relación ó artigo 2º do convenio, e vixencia queda establecida tal e como se recolle nel isto é, desde o 1 de xaneiro de 2003 ata o 31 de decembro de 2004.
Así mesmo, establécese unha fórmula de denuncia para proceder a negociar un novo texto. Esta fórmula é a seguinte: «O convenio denunciarase cun mínimo dun mes de anticipación á finalización da vixencia. A forma de denuncia será por medio de escrito dunha parte á outra, na que se fará consta-la pretensión de abrir novas negociacións, a representatividade que se ten e as materias obxecto da dita pretensión negociadora. De no mediar denuncia, o convenio prorrogarase automaticamente en tódolos artigos».
Asinan o presente escrito os membros da comisión negociadora, en Allariz, na data arriba indicada.

