Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 4 de maio de 2012 Páx. 16322

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2012, da Presidencia da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a obtención do informe previo á contratación excepcional de profesorado colaborador polas universidades do Sistema Universitario de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes.

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) ten atribuída, a través da disposición adicional vixésimo sétima da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, dentro do ámbito da Comunidade Autónoma, a competencia para realizar as avaliacións das actividades docentes, investigadoras e de xestión do profesorado para poder ser contratado en determinadas figuras polas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), de conformidade co establecido na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, e co Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario.

Por outra banda, os estatutos da ACSUG, publicados mediante a Resolución do 10 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, e o Decreto 326/2009, do 11 de xuño, polo que se modifica o 270/2003, do 22 de maio, regulador da ACSUG, configuraron a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) como o órgano superior en materia de avaliación, competente para a elaboración dos protocolos e procedementos específicos de avaliación e informe.

Posteriormente, a Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009 unificou a normativa existente relativa aos distintos procesos de avaliación e informe atribuídos a ACSUG, previos á contratación, progresión e consolidación do profesorado universitario. Así mesmo, esta orde regula os supostos de validación automática e establece o procedemento común que se debe seguir nos distintos procesos de avaliación e informe.

Finalmente a CGIACA, en virtude das competencias que ten atribuídas, aprobou mediante Acordo do 9 de novembro de 2010, o protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia (SUG), que substitúe o anterior protocolo aprobado mediante Acordo do 10 de novembro 2009.

De conformidade co exposto, a presidenta do Consello de Dirección da ACSUG, en virtude das competencias que ten delegadas por Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro),

RESOLVE:

Primeira. Obxecto.

Apróbase a convocatoria para a presentación de solicitudes por parte dos interesados que desexen obter o informe previo á contratación excepcional de profesorado colaborador a que se fai referencia na disposición transitoria segunda da Lei orgánica 4/2007, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como no artigo 3 do Real decreto 989/2008, do 13 de xuño, polo que se regula a contratación excepcional dos profesores colaboradores.

Segunda. Destinatarios.

Poderán presentar a súa solicitude todas aquelas persoas que desexen obter o informe a que se fai referencia na base anterior, que posúan o título de diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

Terceira. Presentación das solicitudes.

As solicitudes de informe, de conformidade co disposto no artigo 9 da citada Orde do 17 de setembro de 2009, dirixiranse á presidenta da ACSUG e, sen prexuízo do establecido na base seguinte, presentaranse no modelo normalizado de instancia que se publica para o efecto como anexo á presente resolución.

As solicitudes poderán presentarse en calquera dos rexistros relacionados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo electrónico https://sede.xunta.es

Cuarta. Requisitos de cumprimentación das solicitudes.

1. A instancia cubrirase necesariamente en formato dixital, ben a través do modelo dispoñible na aplicación informática, a que se poderá acceder ben a través da páxina web www.acsug.es, ben a través do modelo dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo electrónico https://sede.xunta.es

2. Cando se opte pola formalización da instancia mediante o aplicativo informático da ACSUG, será necesario imprimila e, unha vez asinada debidamente, deberá presentarse ante a ACSUG do xeito que se indica na base anterior.

3. Con independencia da opción elixida para a formalización da instancia, será imprescindible a presentación ante a ACSUG da seguinte documentación:

– Unha copia do documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI ou equivalente) no caso de non prestar o interesado a autorización á ACSUG para consultar os seus datos no Sistema de Verificación de Datos de Identidade, de conformidade co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro (DOG do 13 de novembro).

– Unha copia do xustificante do título de diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

Quinta. Admisión a trámite, emenda e mellora da solicitude.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1892, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a ACSUG comprobará que as solicitudes cumpran cos requisitos exixidos no punto primeiro do artigo 70 da citada lei e demais normativa específica de aplicación, necesarios para admitir a trámite as solicitudes.

2. Coa presentación da instancia será imprescindible achegar a documentación a que se fai referencia na base cuarta.

3. Cando as solicitudes non cumpran con estes requisitos requirirase o interesado para que proceda á súa emenda, de conformidade co disposto no citado artigo 71 da Lei 30/1992. De non facelo, considerarase que desiste da súa petición e arquivarase o expediente nos termos previstos neste artigo.

Sexta. Alegación e cumprimentación dos méritos curriculares.

O currículum vitae formalizarase necesariamente no formato dixital dispoñible no aplicativo informático a que se poderá acceder a través da páxina web www.acsug.es. Só se valorarán os méritos que aparezan alegados no currículum vitae cubertos deste xeito. No caso de que un mérito sexa susceptible de ser alegado en distintas epígrafes do currículo, o interesado elixirá o lugar onde desexa que aquel sexa valorado.

Sétima. Xustificación dos méritos curriculares.

1. A documentación xustificativa dos méritos curriculares deberase presentar en soporte dixital (DVD, CD-ROM, pendrive). A orde de presentación deberá coincidir coas epígrafes do currículum vitae. Achegaranse dúas copias desta documentación dixital, con independencia do número de figuras contractuais para as cales se solicite a avaliación.

2. Coa excepción do indicado na base cuarta, non se admitirá ningunha documentación xustificativa en formato papel, sen prexuízo do cal a ACSUG poderá solicitar ao interesado os orixinais ou copias compulsadas da documentación en calquera momento previo á resolución das solicitudes.

Tendo en conta que o solicitante asina unha declaración respecto da veracidade dos datos que fai constar na instancia e no currículum vitae, así como de toda a documentación xustificativa que xunta á solicitude, os interesados asumirán as responsabilidades que poidan derivar das inexactitudes que consten nestes documentos.

3. Os solicitantes deberán xustificar do xeito máis axeitado e completo posible a realización dos méritos curriculares alegados. Sen prexuízo do anterior, os méritos que se relacionan a continuación soamente serán tidos en conta cando se xustifiquen do xeito que expresamente se indica:

– A docencia universitaria regrada xustificarase cun certificado da autoridade académica competente emitido pola universidade en que se prestase aquela, no cal deberán constar as materias e o número de horas ou créditos impartidos.

– O expediente académico xustificarase a través dun certificado expedido pola autoridade competente, en que figurará a nota media calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificación nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

– Os cursos e másteres recibidos xustificaranse co correspondente certificado en que conste o número de horas.

– As bolsas e as axudas acreditaranse a través da credencial emitida polo organismo pagador.

– Os proxectos e contratos de investigación competitivos e non competitivos xustificaranse coa documentación en que conste a súa concesión por parte do organismo pagador, as características, o posto ocupado como membro do proxecto e o seu carácter internacional, nacional, autonómico, interuniversitario ou interdepartamental.

– A actividade profesional desenvolvida xustificarase prioritariamente coa presentación da copia dos correspondentes contratos de traballo e o certificado de vida laboral da Seguridade Social.

– Para acreditar libros, artigos e demais publicacións será suficiente con entregar unha copia da primeira e última folla, índice e folla onde figure o ISBN, ISSN, depósito legal, etc.

– No caso de publicacións telemáticas, se son de acceso libre, sinalarase o modo de acceso. En caso contrario xuntarase a copia da primeira e última folla do artigo, índice e folla onde figure o ISSN.

– No caso de traballos aceptados e pendentes de publicación xustificaranse coa aceptación da editorial ou organismo responsable da publicación.

4. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes non se admitirá ningunha documentación xustificativa dos méritos curriculares. As correspondentes avaliacións faranse con base nos xustificantes dos méritos que achegase o interesado ata ese momento, sen prexuízo do cal a ACSUG poderá requirir dos solicitantes as aclaracións e concrecións que considere oportunas en relación cos méritos alegados nos seus currículos.

Oitava. Prazo.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Novena. Procedemento de informe.

De conformidade co establecido na alínea b) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009, os informes realizaranse de conformidade co establecido para o efecto no protocolo de avaliación e informe para a contratación de profesorado polas universidades integrantes do Sistema Universitario de Galicia, aprobado por acordo da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) o 9 de novembro de 2010, publicado na páxina web www.acsug.es

Décima. Acordos de informe.

De conformidade co establecido na alínea a) do artigo 10 da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de setembro de 2009 e co establecido no artigo 22 dos estatutos da ACSUG, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión dos informes a que se fai referencia na base primeira.

Os acordos serán motivados e notificaranse aos solicitantes nos seis meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes.

Décimo primeira. Recurso.

Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa polo que, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, se poderá recorrer contra eles en reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Quen desexe interpoñer un recurso de reposición poderao facer desde a mesma plataforma informática en que formalizou a súa solicitude. Este recurso, unha vez cuberto telematicamente, deberáse imprimir, asinar debidamente e presentar en calquera dos rexistros indicados no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

Décimo segunda. Protección de datos de carácter persoal.

Na presente convocatoria cúmprese co indicado na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE n.º 298, do 14 de decembro), poñendo en coñecemento dos interesados o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento dos seus datos persoais, que poderán exercer mediante escrito dirixido á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Lamas de Abade s/n, CIFP Compostela 5.º andar, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña).

Décimo terceira. Entrada en vigor.

A presente resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2012.

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

missing image file