Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 26 de xuño de 2012 Páx. 25461

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2012, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración de listas para o desempeño transitorio de postos reservados a funcionarios da escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidades de medicina subacuática e hiperbárica e intervencións subacuáticas e hiperbáricas.

A necesidade de cobertura transitoria de postos adscritos á escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros das especialidades creadas pola Orde da Consellería do Mar do 9 de maio de 2011, fai necesaria a apertura de novas listas.

Consonte o anterior e de conformidade co Decreto 37/2006, do 2 de marzo (DOG nº 48, do 9 de marzo), polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, esta dirección xeral acorda realizar a convocatoria, de conformidade coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é a elaboración das listas para a cobertura con carácter temporal de postos de traballo reservados á escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidades: medicina subacuática e hiperbárica (materia: Fisiopatoloxía do mergullo e asistencia sanitaria de urxencia a mergulladores) e intervencións subacuáticas e hiperbáricas (materia: Inmersión a media profundidade).

Segunda. Ámbito territorial

O ámbito territorial das listas será único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira. Requisitos que deberán posuír os solicitantes

Para ser admitidas/os nas listas, os aspirantes deberán posuír, na data de presentación da súa solicitude, os seguintes requisitos:

3.1. Idade: ter cumpridos dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

3.2.Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

d) Calquera que sexa a súa nacionalidade, tamén poderán participar os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

3.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título que para cada unha das escalas se especifica no anexo.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

3.4. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

3.5. Habilitación: non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios.

No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

3.6. Coñecemento da lingua galega: estar en posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, publicada no DOG nº 146, do 30 de xullo.

Cuarta. Solicitudes

4.1. Os/as interesados/as en formar parte das listas deberán presentar a instancia conforme o modelo que se atopa á súa disposición na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), na epígrafe «Listas de contratación», subepígrafe «Xeración de solicitudes».

4.2. As instancias dirixiranse á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e presentaranse no Servizo do Rexistro Xeral e Información da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas oficinas de rexistro e información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia, nas oficinas comarcais, así como nos demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.3. O prazo para a presentación de instancias comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de xullo de 2011, de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 37/2006.

Quinto. Documentación

Xunto coa instancia deberá presentarse fotocopia compulsada dos seguintes documentos:

a) DNI ou pasaporte.

Estarán exentos da presentación os interesados que manifesten na solicitude o consentimento expreso para que o órgano convocante poida acceder á comprobación dos seus datos de identidade.

b) Titulación académica e demais requisitos exixidos para cada escala no anexo desta resolución.

c) Documento xustificativo de estar en posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

d) Xustificante de ter aboadas as taxas administrativas por dereitos de inscrición.

Sexto. Taxas

6.1. De conformidade coa Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e coa Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, o importe das taxas que se vai aboar en concepto de dereitos de inscrición ascende a 16,98 euros.

6.2. Están exentos de pagamento, de acordo co sinalado no artigo 23.5 da devandita lei:

Do importe total da taxa:

a) As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33%.

b) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50% do importe:

a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e non perciban prestación ou subsidio por desemprego.

Os solicitantes exentos do pagamento da taxa marcarán esta opción na solicitude, imprimirana e presentarana, antes do remate do prazo fixado, xunto co orixinal ou copia debidamente compulsada dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo o suposto en que se atopen.

Discapacitados:

a) Certificado de discapacidade.

Familia numerosa ordinaria ou especial:

a) Certificado de familia numerosa de carácter ordinario ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

Demandantes de emprego:

a) Certificación expedida pola Oficina de Emprego en que conste que a/o aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data da convocatoria.

b) Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

6.3. Os solicitantes que non estean exentos de pagamento poderán aboar as taxas:

a) Nas entidades financeiras autorizadas.

Para tal efecto utilizarán os impresos que están á súa disposición no Servizo do Rexistro Xeral e Información da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas oficinas de rexistro e información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

Tamén poderán descargar o impreso na páxina web da Consellería de Facenda, epígrafe «Tributos», premendo a ligazón «Taxas e prezos» no menú da marxe esquerda, a continuación «Confección en liña de impresos» e, por último, «Modelo A1. Autoliquidación de taxas».

A presentación do xustificante do ingreso das taxas, no cal non figure o selo da entidade bancaria con indicación da data, determinará a exclusión do solicitante.

b) A través da páxina web da Consellería de Facenda.

Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboado a taxa e achegarase xunto coa instancia.

En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

6.4. O importe aboado en concepto de dereitos de inscrición devolveráselles, logo dos trámites correspondentes, só aos aspirantes excluídos que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia das listas definitivas das novas inclusións.

Sétima. Orde de prelación

7.1. A orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.

7.2. Para dirimir os empates de puntuación aplicarase o previsto no artigo 10 do Decreto 37/2006.

7.3. A actualización de méritos será efectuada anualmente de oficio pola Administración, conforme o previsto no artigo 12 do Decreto 37/2006.

Oitava. Elaboración das listas

8.1. A Comisión Permanente Central prevista no artigo 4 do Decreto 37/2006 será a encargada de elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública o anuncio da exposición das listaxes provisionais e definitivas de admitidos e excluídos para a súa publicación no DOG.

8.2. As ditas listaxes, en que se indicará a puntuación obtida por cada candidato, poderán consultarse no Servizo do Rexistro Xeral e Información da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no Servizo de Información dos edificios administrativos, nas oficinas comarcais e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Novena. Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Facenda, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde a mesma data ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, conforme os artigos 46 e 14.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2012

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO
Corpos e escalas de persoal funcionario

Grupo

Corpo/

escala

Descrición

Especialidade

Titulación

académica/requisitos

Ámbito

A1

2093-06

Corpo facultativo superior de administración da Xunta de Galicia, escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros

Medicina subacuática e hiperbárica (materia: Fisiopatoloxía do mergullo e asistencia sanitaria de urxencia a mergulladores)

Licenciado/a en medicina e cirurxía (1)

Autonómico

A1

2093-07

Corpo facultativo superior de administración da Xunta de Galicia, escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros

Intervencións subacuáticas e hiperbáricas (materia: inmersión a media profundidade)

Licenciado/a,

enxeñeiro/a, arquitecto/a (2)

Autonómico

(1) En cumprimento dos artigos 43 e 45 da Orde do 23 de abril de 1999, deberá estar escrito no Censo de facultativos habilitados para a realización de exames médicos a mergulladores.

(2) En cumprimento dos artigos 40 e 42 da Orde do 23 de abril de 1999, deberá estar en posesión da tarxeta profesional de mergullador instrutor profesional en vigor e ter a especialidade subacuática de instalacións e sistemas de mergullo, segundo o artigo 3 f) e 4 do Decreto 152/1998, do 15 de maio.