Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Venres, 11 de xaneiro de 2013 Páx. 994

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 26 de decembro de 2012 sobre a aprobación definitiva da modificación do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Santiago de Compostela, para a ampliación do cemiterio de San Xián do Carballal.

O Concello de Santiago de Compostela remite a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal para a ampliación do cemiterio de San Xián do Carballal, e solicita a súa aprobación, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Santiago de Compostela dispón na actualidade dun PXOM aprobado definitivamente por Orde da CPTOPT do 1.9.2008.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 20.6.2011 non someter a proposta ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previo á aprobación inicial, conforme o artigo 85.1 da LOUG, con data 7.5.2012.

4. No expediente figuran informes municipais xurídicos do 13.10.2011, 2.3.2012, 16.5.2012, 17.9.2012 e 18.9.2012; e técnico do 7.3.2012.

5. O Pleno do Concello aprobou inicialmente a modificación en sesión do 31.5.2012. Sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 5.7.2012 e Diario Oficial de Galicia do 9.7.2012) e comunicada aos concellos estremeiros de Oroso, Val do Dubra, Teo, Ames, O Pino, Boqueixón, Vedra e Trazo, non foi obxecto de alegación ningunha.

6. A Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade emitiu informe sobre a normativa sanitaria de aplicación con data do 22.6.2012.

7. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal do 27.9.2012.

8. A Dirección Xeral de Patrimonio emitiu un informe favorable con data do 1.10.2012, condicionado á introdución dun texto no documento.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación pretende, dentro do ámbito do núcleo rural histórico-tradicional das Quintáns (parroquia de Carballal) recualificar unha parte do espazo libre público ZL 05.1 (dotación local) para incorporala ao equipamento relixioso contiguo R 05.1, a fin de posibilitar a ampliación do cemiterio existente.

2. As razóns alegadas para a proposta son a insuficiencia do cemiterio parroquial na súa para satisfacer as necesidades existentes, cun informe do párroco, e a inadecuación como alternativa do resto do solo estremeiro, clasificado como solo rústico de protección de augas. Daquela, considérase que concorren razóns de interese público para fundamentar a modificación, nos termos exixidos polo artigo 94.1 da LOUG.

III. Análise e consideracións.

Analizada a documentación remitida e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, observouse:

1. A modificación implica unha redución de 433,76 m2 de espazos libres de dotación local (que pasa de 2.026 m2 a 1.592,24 m2) e o mesmo incremento na superficie de equipamento local (que pasa de 1.152 m2 a 1.585,76 m2). Non se compensa esta redución de espazos libres coa cualificación como tal doutro ámbito.

2. O espazo libre que se elimina ten un carácter marxinal respecto do resto do terreo así cualificado, que constitúe o campo da festa da parroquia.

3. Considerando que a modificación afecta terreos cualificados como espazos libres públicos, solicitouse o informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo na súa sesión do 19.12.2012, de conformidade co previsto no artigo 94.4 da LOUG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

IV. Resolución.

Visto o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM de Santiago de Compostela para a ampliación do cemiterio de San Xián do Carballal, de acordo co punto 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, con suxeición ao condicionado sinalado no informe da Dirección Xeral de Patrimonio do 1.10.2012.

Segundo. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas