Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Luns, 28 de xaneiro de 2013 Páx. 2362

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 8 de xaneiro de 2013, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade á resolución do expediente número 417, que afecta os montes Penafesa e Marola, da parroquia de San Fiz de Monfero.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 20 de decembro de 2012, adoptou a seguinte resolución:

«Asistentes:

• Presidente: Antonio Manuel Aguión Fernández, xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña.

• Vogais:

Susana Loreta Benedeti Corzo, letrada da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Augusto José Pérez-Cepeda Vila, representante do Colexio Provincial de Avogados da Coruña.

Mª Josefa Fernández Fernández, xefa do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña.

• Vogais representantes das comunidades veciñais solicitantes de Dialcabo, As Seixas, O Valcovo, Guitiriz, A Pila da Leña, A Bouza Maior e Montelongo, da parroquia de San Fiz de Monfero: Manuel Regueiro Miño e Narciso Caruncho López, na súa condición de presidente da xunta promotora e comuneiro, respectivamente.

• Secretaria: Mª de los Dolores Añón Rodríguez, xefa de sección do Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña.

Na cidade da Coruña, no día 20 de decembro de 2012, reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña coa asistencia das persoas indicadas anteriormente, co obxecto estudar e resolver, entre outros, o expediente de clasificación como veciñais en man común dos montes Penafesa e Marola, da parroquia de San Fiz de Monfero.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Manuel Regueiro Miño, no seu propio nome e en representación dos veciños dos lugares de Dialcabo, As Seixas, O Valcovo, Guitiriz, A Pila da Leña, A Bouza Maior e Montelongo, da parroquia de San Fiz de Monfero, presenta unha solicitude para seren clasificados como montes veciñais os montes Penafesa e Marola, da devandita parroquia e concello, dos cales achega a correspondente documentación gráfica xunto con outra documentación.

Segundo. O Xurado, na súa reunión do 16.12.2011, acorda iniciar a tramitación do expediente e nomear instrutor. As características dos montes dos cales se solicita a clasificación son as seguintes:

Montes: Penafesa e Marola.

Comunidades veciñais solicitantes: veciños dos lugares de Dialcabo, As Seixas, O Valcovo, Guitiriz, A Pila da Leña, A Bouza Maior e Montelongo.

Parroquia: San Fiz de Monfero.

Concello: Monfero.

Superficie total: 259,37 ha.

Segundo os informes do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do 1.12.2011 e do 2.4.2012 as súas estremas son as seguintes:

• Norte: do vértice 159 ao 56 con propiedades particulares do lugar da Bouza Maior, co monte Penacavada e Marola, co monte Os Cerqueiros (patrimoniais pertences á Comunidade Autónoma de Galicia) e con propiedades particulares do lugar da Armada.

• Este: do vértice 56 ao 53 coa propiedade particular dos herdeiros de Daniel López Villajurjo.

• Sur: do vértice 53 ao 183 co rego da Insua, coa propiedade particular de María Vázquez Martínez, co monte Penafesa de San Pedro, patrimonial pertencente á Comunidade Autónoma de Galicia, co rego da Insua e con propiedades particulares do lugar de Guitiriz.

• Oeste: do vértice 183 ao 159 con propiedades particulares do lugar de Guitiriz.

A delimitación do monte corresponde ás parcelas catastrais 15051A083001130000LD (en parte), 15051A081005390000LK, 15051A081005120000LD, 15051A081004020000LG (en parte), 15051A081005130000LX (en parte), 15051A08108154 (en parte), 15051A073008750000LP (en parte) e 15051A073011610000LE (en parte).

Os lindeiros e características dos montes veñen determinados na planimetría presentada polos solicitantes no seu informe técnico e validada polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no seu informe do 1.12.2011.

Terceiro. En cumprimento do disposto no artigo 20 do Regulamento de montes veciñais en man común e por petición do Xurado, o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes remite un informe o 2.4.2012 en que manifesta, en síntese, que «os montes solicitados abranguen na súa maioría máis perímetro do que corresponde aos montes Marola Grande (CUP nº 339-D) e Penafesa de San Fiz (CUP nº 339-E), aínda que deixando algún anaco sen solicitar». Canto á súa titularidade «segundo a ficha dos devanditos montes do CUP, pertencían á parroquia de San Fiz de Monfero, a cal vén sendo representada polo Concello de Monfero». Ademais, informa de que existe un consorcio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Monfero para a explotación dos dous montes (Marola Grande C-3016 e Penafesa de San Fiz C-3014). Por último, canto ao aproveitamento e estado forestal sinala: «no informe presentado polo Distrito Forestal I reflíctense os actos de disposición, así como o estado forestal, e que consta que veñen realizando os membros desta comunidade veciñal algún tipo de aproveitamento, especialmente pasteiro e gando».

Logo de solicitarse a correspondente certificación de asentos ao Rexistro da Propiedade de Pontedeume sobre as parcelas de monte solicitadas como veciñais, sinala que as leiras, tal e como se describen, non figuran inscritas neste Rexistro da Propiedade. Non obstante, informa da inscrición das leiras números 5.226 e 5.227 baixo a denominación de monte Penacavada e Marola, da parroquia de San Fiz de Monfero, e Penafesa, da parroquia do Val de Xestoso, ambas do concello de Monfero. Solicitado informe ao Servizo de Montes sobre estas leiras mediante escrito do 27.11.2012 indica «que se atopan totalmente ou na maioría fóra do monte solicitado», sendo ambas as dúas leiras de dominio público territorial da Comunidade Autónoma.

Cuarto. Para dar cumprimento ao disposto no artigo 23 do Regulamento do 4 de setembro de 1992, procedeuse á correspondente tramitación e libráronse por orde do instrutor do expediente comunicacións do acordo de inicio do expediente de clasificación ao Servizo de Montes para os efectos de aproveitamentos e de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro; ao alcalde do Concello de Monfero, ao cal se remitiu edicto do acordo de inicio a fin de que, segundo o disposto no artigo 10 da lei e 23 do Regulamento de montes veciñais en man común, sexa exposto polo período dun mes para os efectos de alegacións dos posibles interesados; ao representante da comunidade veciñal que presentou a solicitude; e ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación (DOG nº 194, do 10.10.2012). No taboleiro de anuncios do Concello de Monfero estivo exposto, segundo certificación achegada polo seu secretario, desde o 8.10.2012 e polo período dun mes.

Quinto. Durante o período de alegacións, o Concello de Monfero presenta un escrito o 9.11.2012 no cal, en síntese, se opón á clasificación dos montes como veciñais por considerar que son de titularidade municipal. Na súa defensa esgrime que estes montes están incluídos no Catálogo de utilidade pública como de pertenza ao concello e que a súa inclusión constitúe unha presunción de posesión a favor da entidade a que se lle asigna a súa pertenza, segundo o disposto no artigo 65 do Regulamento de montes, aprobado polo Decreto 485/1962, que só se pode impugnar en xuízo declarativo ordinario. Ademais, alega que, en calquera caso, operaría a prescrición adquisitiva no seu favor pola posesión continuada, pública e a título de dono por máis de 60 anos.

Sexto. Na reunión do Xurado do 20.12.2012 os representantes dos veciños promotores manteñen a súa defensa do carácter veciñal dos montes Penafesa e Marola, e manifesta que sempre seguiron a utilizar os montes a pesar de existiren os consorcios co Concello de Monfero por consideraren que lles pertencían, e que nunca pagaron canon ningún e que o Concello permitiu e permite na actualidade estes aproveitamentos; mesmo na construción do alboio feito polos veciños non pediron autorización nin á Xunta nin ao Concello, quen, ademais, colaborou coa achega de material para as obras das dúas traídas de augas feitas polos veciños para os lugares da Illa e A Pila da Leña. Na súa comparecencia, o representante do Concello de Monfero recoñece que se permitiu aos veciños seguir aproveitando os montes para pastoreo e gando sen contraprestación ningunha, a pesar da existencia do consorcio.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. Segundo o artigo 11 da citada lei e o artigo 19 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, a comunidade veciñal dos lugares de Dialcabo, As Seixas, O Valcovo, Guitiriz, A Pila da Leña, A Bouza Maior e Montelongo, da parroquia de San Fiz de Monfero, é parte lexítima para solicitar o inicio do presente expediente de clasificación.

Terceiro. Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: a) pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; b) que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; c) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro e artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento).

Cuarto. É pois, un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común por parte do Xurado que este teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se o monte que se pretende clasificar é aproveitado en réxime de comunidade, sen cotas, polos veciños que a solicitan, neste caso os veciños dos lugares de Dialcabo, As Seixas, O Valcovo, Guitiriz, A Pila da Leña, A Bouza Maior e Montelongo, da parroquia de San Fiz de Monfero, e que estes o realicen pola súa condición de veciños comuneiros integrantes do grupo social, non como entidade administrativa, e isto á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais que se puideren presentar no procedemento, que deberán dirimirse ante a xurisdición ordinaria segundo o disposto no artigo 10.2 da Lei estatal 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

No informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do 2.4.2012 fai constar que os dous montes que se están a solicitar como veciñais están incluídos no Catálogo de utilidade pública, e que nas súas respectivas fichas indican que a súa titularidade é a parroquia de San Fiz de Monfero, a cal vén sendo representada polo Concello de Monfero. Ademais, remítese ao informe do Distrito Forestal I sobre o seu aproveitamento indicando que «consta que veñen realizando os membros desta comunidade veciñal algún tipo de aproveitamento, especialmente pasteiro e gando». Por outra banda, na memoria informativa para o consorcio –que se achega como antecedente e que forma parte deste informe–, indícanse como servidumes existentes no monte Penafesa «as usuais de paso polos veciños dos pobos limítrofes e os de pastoreo e extracción de esquilmos». Estes últimos poderán ser realizados pola veciñanza en calquera época do ano, xa que a súa extracción beneficia considerablemente a repoboación e diminúe os posibles riscos de incendios. Tamén se indica que a economía da comarca é eminentemente agrícola e gandeira e fai referencia a que a cesión á veciñanza dunha zona de pastoreo equivalente a 1-2 ha por veciño sería suficiente. Este aproveitamento polos veciños, xa existente nos anos 50 cando se realizou a inclusión dos montes no CUP e a súa repoboación forestal pola Administración, mantívose ata o día de hoxe tal e como indica no seu informe do 7.3.2012 o axente zonal do Distrito I. Nel fai constar como os veciños a través da SAT Penafesa de San Fiz ocupan actualmente dous pasteiros de 2,50 e 11 ha, e tamén utiliza 13 ha de baixo arborado; como teñen cercado parte do monte; a existencia de dous pasos canadenses instalados e a construción dun alboio de 400 m2; así como a existencia de dúas tomas de auga dos veciños da zona. Por outra banda, as testemuñas dos veciños ante o Xurado sobre como aproveitaban os montes son recoñecidas polo representante municipal, quen afirmou que nunca se lles pedira contraprestación ningunha, nin tampouco se lles impediu nin se sancionou os veciños polos peches ou construcións realizadas no monte vinculadas á explotación gandeira, a pesar do consorcio.

A atribución da titularidade á parroquia dun monte de utilidade pública –segundo indica o artigo 65 do Regulamento de montes, aprobado polo Decreto 485/1962– «constitúe unha presunción de posesión a favor da entidade a quen aquel asigne a súa pertenza», neste caso, e segundo a súa ficha CUP, á parroquia de San Fiz de Monfero, e non ao Concello de Monfero como indica na súa defensa este. Ademais, o artigo 27 do Decreto 260/1992, polo que se aproba o Regulamento de montes veciñais en man común de Galicia, establece que «non será obstáculo á clasificación dun monte como veciñal en man común o feito de acharse incluído nalgún catálogo, inventario ou rexistro público con asignación de diferente titularidade, agás que os asentos se practicasen en virtude de sentenza ditada en xuízo declarativo», circunstancia que non se dá no presente caso.

Por todo exposto, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito indicados, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta do instrutor e por unanimidade dos asistentes con dereito a voto, este Xurado

acorda:

Clasificar como montes veciñais en man común os montes Penafesa e Marola de San Fiz de Monfero en favor das comunidades veciñais dos lugares de Dialcabo, As Seixas, O Valcovo, Guitiriz, A Pila da Leña, A Bouza Maior e Montelongo, da parroquia de San Fiz de Monfero, cos lindeiros, superficie e características indicadas no antecedente segundo, e conforme a planimetría presentada polos solicitantes no seu informe técnico de outubro de 2011 e validada polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no seu informe do 2.4.2012, que forma parte integrante da presente resolución.

Notifíquese a presente resolución aos interesados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

A Coruña, 8 de xaneiro de 2013

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña