Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Venres, 8 de marzo de 2013 Páx. 7070

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (650/2012).

Óscar Méndez Fernández, secretario xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento despedimento/cesamentos en xeral 650/2012-F, deste xulgado do social, seguido a instancia de Cristian Mejías Sánchez contra a empresa Rosas y Grelos, S.L., e outras, sobre despedimento, ditouse a seguinte resolución:

Sentenza: 00051/2013.

A Coruña a cinco de febreiro de dous mil trece.

Vistos por Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña e o seu partido, os presentes autos de xuízo nº 650/2012 seguidos por instancia de Cristian Mejías Sánchez, que comparece asistido da letrada Sra. Garrido Fernández, contra a empresa Hotelera del Noroeste, S.A., que comparece representada pola letrada Sra. López-Novoa Ces, contra a empresa Rosas y Grelos, S.L., que non comparece malia estar citada en legal forma e o Fogasa, que non comparece ao acto do xuízo, sobre despedimento.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Que a parte demandante antes citada formulou demanda recibida no xulgado decano con data do 14.6.2012 e recibida neste xulgado con data do 15.6.2012, contra a demandada xa mencionada, en que despois de expor os feitos e fundamentos que considerou pertinentes, remataba suplicando que se ditase sentenza pola cal se declarase que o despedimento do demandante é nulo ou, subsidiariamente, improcedente, condenando a demandada á readmisión do traballador nas mesmas condicións que rexían antes de se proceder ao despedimento ou, a elección daquela, optar pola non readmisión e, tras a conseguinte extinción do contrato de traballo, aboarlle a indemnización legalmente establecida e, en todo caso, que lle satisfaga os salarios de tramitación correspondentes aos días que medien entre a data do despedimento e aquela en que se notifique a sentenza.

Segundo. Admitida a trámite a demanda e sinalado día e hora para a realización do acto de conciliación e xuízo, este tivo lugar o día da data, segundo consta na acta redactada. Aberto o xuízo, a parte demandante afirmouse e ratificouse na súa demanda, aclarando que desiste da demanda formulada fronte a Hotelera del Noroeste, S.A. e da petición principal de nulidade, solicitando o recibimento do preito a proba. A parte demandada non compareceu. Aberto o xuízo a proba, practicáronse as probas propostas admitidas e solicitouse despois, en conclusións, sentenza de conformidade coas súas pretensións e intereses, segundo consta na acta redactada, e quedaron os autos á vista para ditar sentenza.

Terceiro. Que na tramitación deste xuízo se observaron as prescricións legais.

Feitos probados:

Primeiro. O demandante, Cristian Mejías Sánchez, prestou servizos para a empresa Rosas y Grelos, S.A. desde o 2.12.2011, coa categoría profesional de axudante de cociña, percibindo un salario mensual de 1.259,14 euros, con rateo de pagas extras.

Segundo. Con data do 1.3.2012 a demandada procedeu a notificar ao demandante carta de despedimento con efectos da mesma data, alegando o seguinte: «A causa principal desta decisión a que debeu chegar a dirección desta empresa é a falta de liquidez para cumprir cos soldos e outros gastos inherentes á súa actividade, debido a que a empresa está a atravesar unha situación económica desfavorable» (doc. nº 1 da rama de proba da demandante).

Terceiro. A cantidade correspondente á indemnización non foi aboada ao demandante.

Cuarto. O demandante non ten nin tivo no último ano a condición de delegado de persoal nin membro de comité de empresa, nin representante sindical.

Quinto. Con data do 3.4.2012 tivo lugar o acto de conciliación previa ante o SMAC, que tivo como resultado «sen avinza» respecto de Hotelera del Noroeste, S.A. e co resultado de «intentada sen efecto», respecto de Rosas y Grelos, S.L.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Na demanda reitora do presente procedemento a parte demandante solicita que se declare a improcedencia do despedimento sufrido polo demandante con data do 1.3.2012 e con efectos do 1.3.2012, anunciado por carta notificada na mesma data e a extinción da relación laboral.

Débese lembrar que o despedimento comprende calquera extinción do contrato de traballo decidida unilateralmente polo empresario, aínda que esta non responda a unha finalidade disciplinaria (STS 23.3.2005). A cualificación do despedimento improcedente «non é, en absoluto, exclusiva do despedimento disciplinario, senón que pode aplicarse, tamén normalmente, a calquera despedimento causal, é dicir, a calquera despedimento en que o empresario alega unha determinada causa de extinción da relación laboral, aínda que esta non sexa un incumprimento contractual comprendido no artigo 54 do Estatuto dos traballadores» (STS 23.3.1993), pois estes despedimentos deberán ser declarados improcedentes cando a causa alegada polo empresario non quede acreditada e se cumpra o requisito da comunicación escrita do artigo 55.1 ET (STS 20.2.1995).

Na súa consideración e entrando no fondo da litis formulada, de conformidade co artigo 105.1 da LRXS corresponderá ao demandado a carga de probar a veracidade dos feitos contidos na carta de despedimento. Así, no presente suposto e tras a valoración da proba existente nas actuacións, consistente en documental a unida e achegada no acto da vista e declaración de confeso da demandada, ao abeiro do artigo 91.2 LRJS, vista a súa non comparecencia ao acto de xuízo, pódese deducir que non se acreditou a causa ou motivo do despedimento, ante o feito primario da non comparecencia da demandada ao acto da vista co obxecto de rebater os feitos contidos na demanda, acreditándose así mesmo coa documental existente nas actuacións, principalmente, contrato de traballo do Sr. Mejías, certificado de empresa e recibos de salarios do demandante, tanto a relación laboral que vinculaba ambas as dúas partes como a baixa laboral na data do 1.3.2012, sen causa acreditada que o xustifique e, xa que logo, a imposibilidade do demandante para reincorporarse ao seu posto de traballo.

Segundo. Determinada a improcedencia do despedimento por falta de proba dos feitos determinantes deste e co fin de fixar a indemnización que procede por despedimento, pódese dicir que da documental existente nas actuacións, feito este que non é obxecto de discusión polas partes, quedou probada a relación laboral entre a parte demandante e o demandado, razón pola cal non pode senón recoñecerse ao Sr. Mejías unha antigüidade para os efectos de indemnización por despedimento con data do 2.12.2011 e un salario mensual con rateo de pagas extra de 1.259,14 euros.

Terceiro. Polo que respecta ao Fogasa, non cabe facer ningunha declaración na sentenza, posto que se trata dun simple terceiro traído a xuízo polas posibles responsabilidades posteriores que del puidesen derivar na súa contra.

Vistos os preceptos legais e demais de concordante aplicación, resolvo:

Primeiro. Que debo estimar e estimo a demanda sobre despedimento formulada por Cristian Mejías Sánchez, que comparece asistido da letrada Sra. Garrido Fernández, contra a empresa Hotelera del Noroeste, S.A., que comparece representada pola letrada Sra. López-Novoa Ces, contra a empresa Rosas y Grelos, S.L., que non comparece malia estar citada en legal forma e o Fogasa, que non comparece ao acto do xuízo, declarando a improcedencia do despedimento e a extinción da relación laboral que vincula as partes, e con condena da empresa a aboar ao Sr. Mejías a cantidade de 501,69 euros en concepto de indemnización.

Segundo. Que dada a desistencia da demanda formulada fronte a Hotelera del Noroeste, S.A. non cabe contra ela ningún pronunciamento en relación co fondo do asunto.

Notifíquese esta sentenza ás partes advertindo que contra ela poderán interpoñer recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza, que deberá ser anunciado por comparecencia, ou mediante escrito neste xulgado dentro dos cinco días seguintes ao da notificación desta sentenza, pasados os cales se declarará firme e se procederá ao seu arquivo. Advírtase igualmente o recorrente que non fose traballador ou beneficiario do réxime público de Seguridade Social, ou habente causa seu, ou non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a taxa establecida na Lei 10/2012, do 20 de novembro.

Así, por esta miña sentenza, definitivamente xulgando en primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo, Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña».

Publicación. A anterior resolución leuna e publicouna a xuíza que a autoriza, en audiencia pública, no lugar e na data nela indicados. Dou fe.

E para que sirva de notificación en legal forma a Rosas y Grelos, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Boletín Oficial da provincia.

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 7 de febreiro de 2013

Óscar Méndez Fernández
Secretario xudicial