Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 19 de marzo de 2013 Páx. 8381

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 4 de marzo de 2013 polo que se fai pública a Resolución do 28 de febreiro de 2013, pola que se deixa sen efecto o expediente de información pública e a resolución de aprobación provisional do estudo informativo e impacto ambiental da nova estrada de conexión da A-52 coa N-525, polígonos industriais de San Cibrao-Val de Rábeda (clave OU/08/053.00).

Con data do 28 de febreiro de 2013 a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), resolveu deixar sen efecto o expediente de información pública e a resolución de aprobación provisional do estudo informativo e impacto ambiental da nova estrada de conexión da A-52 coa N-525, polígonos industriais de San Cibrao-Val de Rábeda, clave OU/08/053.00.

Antecedentes.

Mediante Resolución do 25 de agosto de 2010, a entón Dirección Xeral de Infraestruturas aprobou provisionalmente o estudo informativo e impacto ambiental da nova estrada de conexión da A-52 coa N-525 polígonos industriais de San Cibrao-Val de Rábeda, clave OU/08/053.00, no que se consideraba que a alternativa 2 era a máis favorable para establecer unha nova conexión entre a A-52 e a N-525, mentres que para unir o polígono de San Cibrao co novo parque empresarial de Val de Rábeda resultaba elixida a 6. A seguir o devandito organismo puxo en marcha a incoación do correspondente expediente de información pública.

De acordo co establecido no artigo 15.1 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, o estudo informativo someteuse ao trámite de información pública durante un período de trinta días hábiles, co fin de que as persoas que o consideren oportuno puidesen formular por escrito ante a entón Dirección Xeral de Infraestruturas as observacións que cresen convenientes, relativas ás circunstancias que xustifican a declaración de interese xeral das estradas, e sobre a concepción global dos seus trazados.

Durante este mesmo período de tempo tamén se someteu ao trámite de información pública o estudo de impacto ambiental contido no citado estudo informativo, segundo o disposto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental de Galicia, no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental, e na Lei 6/2010, do 24 de marzo, que modifica o texto refundido anterior.

O día 8 de setembro de 2010 publícase no Diario Oficial de Galicia o correspondente anuncio de información pública.

Na actualidade, despois da análise dos informes, observacións e alegacións presentadas durante a referida fase de información pública do estudo informativo e impacto ambiental da nova estrada de conexión da A-52 coa N-525, polígonos industriais de San Cibrao-Val de Rábeda, clave OU/08/053.00, e como consecuencia da oposición aos trazados propostos de dous dos concellos polos cales discorre a nova vía, proponse deixar o presente estudo sen efecto e resolver as conexións entre o sistema viario actual e os polígonos industriais de San Cibrao e Val de Rábeda por medio do actual desenvolvemento do correspondente Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia, de clave OU/09/283.00.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Deixar sen efecto o expediente de información pública e a Resolución do 25 de agosto de 2010, de aprobación provisional, do estudo informativo e impacto ambiental da nova estrada de conexión da A-52 coa N-525, polígonos industriais de San Cibrao-Val de Rábeda, clave OU/08/053.00, que se desenvolverá no Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia, de clave OU/09/283.00.

Segundo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2013

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas